O QUE ARDE CURA (2012), de João Rui Guerra da Mata

O LUME COMO FORMA E FONDO

IndieLisboa 2012: Competição Internacional e Competição Nacional

O dormitorio dunha dona. Á esquerda, un gran leito desordenado. Á dereita, porta que dá a un cuarto de baño coa luz acesa. Unha mesa de noite cun teléfono. Unha cadeira baixa. Algúns libros. A luz dunha lámpada (…) Soa o teléfono. A muller deixa cae-lo abrigo e precipítase sobre o auricular. Dende ese mesmo intre vai falar sen interrupción: de fronte, de costas, de perfil, de pé, de xeonllos, sentada ou paseando. Ao rematar caerá derrubada sobre a cama, abandonando o auricular.

Desde xeito comezaba a adaptación que Enrique Llovet realizou en 1986 da peza teatral La Voix humaine, escrita por Jean Cocteau en 1930. Neste libreto, escrito en forma de monólogo e ambientado no París de entreguerras, o autor francés reflexionaba sobre a complexidade e os límites da (in)comunicación humana a través dun medio (entón aínda) tan inestable como o teléfono. Esta obra orixinou varias adaptacións de prestixio, entre as que destacan a ópera escrita polo compositor francés Francis Poulenc en 1958, unha versión cinematográfica co-escrita e dirixida por Roberto Rossellini para o segundo episodio de L’amore (1948), protagonizado por Anna Magnani, ou a última produción do popular show televisivo ABC Stage 67, na que Ingrid Bergman encarnaba ao personaxe único da peza.

Agora, o texto do polifacético creador galo inspira O que arde cura, novo traballo conxunto de João Rui Guerra da Mata e João Pedro Rodrigues. A estreita colaboración entre ámbolos dous cineastas portugueses foise consolidando ao longo da última década en filmes como O Fantasma (2000), Odete (2005), China China (2007) e Morrer Como Um Homem (2009), e confluíu definitivamente na codirección do documental Alvorada Vermelha (2011), premiado como a mellor curtametraxe nacional en Indie Lisboa o pasado ano.

Nesta ocasión, Guerra da Mata dirixe e asina o guión, mentres que Rodrigues recolle a testemuña de Anna Magnani, Ingrid Bergman, Simone Signoret ou Liv Ullmann como protagonista único. O cambio de sexo do protagonista non é, con todo, a modificación máis destacable de O que arde cura respecto de La voix humaine, senón a recolocación xeográfica e temporal da historia, que resulta determinante para comprender o valor e calado pleno do filme de Guerra da Mata. A acción trasládase a Lisboa, o 25 de agosto de 1988, o día despois do aniversario do protagonista. Porén, esa data perdurará por sempre na memoria colectiva dos lisboetas como o día do tráxico incendio do barrio de Chiado, considerado o maior desastre acontecido na capital lusa dende o terremoto de 1755.

O omnipresente lume é un elemento de incesante poder destrutor, purificador e revitalizador

Nun televisor vemos a cobertura desta terrible noticia por parte de RTP, nementres escoitamos de fondo ao protagonista respondendo a unha chamada telefónica. A partires dese momento, do mesmo xeito que na peza de Cocteau, o home comezará unha íntima, dolorosa e melancólica “conversa” (na que unicamente escoitaremos a súa voz) coa persoa que amou durante os últimos anos, de quen se acaba de separar e de quen segue a estar namorado.

O traballo de adaptación é, sen dúbida, desafiante: un único escenario, un único personaxe e un monólogo interpretado en tempo real, como naquela sublime Cinco horas con Mario, de Miguel Delibes, malia que naquel caso tratábase dun soliloquio e neste dun diálogo no que só escoitamos a un dos interlocutores. Mais O que arde cura non é literatura, teatro ou ópera, senón cinema, e Guerra da Mata demostra unha espléndida clarividencia á hora de discernir e aplicar as extraordinarias potencialidades desta arte. O cineasta alíase brillantemente co director de fotografía Rui Poças e mailo director artístico José Pedro Penha para articular un lúcido e enxeñoso dispositivo de realización e posta en escena. A sinxela (mais fértil) escenografía na que se desenvolve toda a acción é un reducido set semellante ao espazo dunha videoinstalación con varios proxectores, no que a cámara explora múltiples puntos de vista e encadres mentres João Pedro Rodrigues desprázase con harmoniosa soltura da xanela ao televisor, do televisor ao tocadiscos ou do tocadiscos á cama, sempre “colgado” do teléfono.

O uso das paredes ou do chan como pantallas de proxección favorecen a trasfega do interior ao exterior, do espiritual ao físico, do drama persoal ao drama colectivo, co omnipresente lume como forma e fondo, como elemento de incesante poder destrutor, purificador e revitalizador: dende que o Ave Fénix é Ave Fénix, “o que arde cura”.

Os cascallos dos dezaoito edificios calcinados naquela fatídica xornada no Chiado atopan o seu eco entre as ruínas do corazón desposuído do noso protagonista. Mais, do mesmo xeito que o histórico barrio lisboeta logrou gozar dunha nova e florecente vida (logo do proxecto urbanístico liderado polo gran Álvaro Siza), tamén este antiheroe terá a oportunidade de resucitar das súas cinzas e comezar de cero, “sem merdas”.

Comments are closed.