PLATAFORMAS VOD: ESTADO DA CUESTIÓN (III)

Continuamos co debate a cinco bandas establecido cos responsables de Filmin (Jaume Ripoll), Márgenes (Diego Rodríguez), Filmotech (Juan Alía) e Play-Doc TV (Ángel Sánchez). Dividimos o artigo, moi longo, en tres partes, para facilitar a súa lectura. Aquí a primeira e a segunda.

Jaume Ripoll: "As películas de festivais están dispoñibles (...) pero como levamos ao espectador ata elas? (...) Como escapar da síndrome da home page?"

Gustaríanos centrarnos agora na programación. Xa se avanzou que a liña editorial é importantísima, pero quereriamos profundar máis neste tema. Para quen programades? Respecto dos baleiros no modelo tradicional de distribución, pensades que as vosas plataformas poden ser unha xanela a ese outro cinema que queda fóra das salas? Moito cinema de festivais, por exemplo, que parece estar a atopar na rede o único modo de chegar ao espectador. Por que creedes que ocorre isto?

Todo isto lévanos á adquisición de dereitos destes títulos. Non funciona tampouco de modo tradicional. Como o facedes cada un de vós?

Diego Rodríguez: Desde Márgenes programamos para espectadores inquietos que queren ir un pouco máis aló da exigua oferta cinematográfica da carteleira tradicional. O potencial de internet para facilitar o acceso ao cinema de autor é evidente. A rede é unha magnífica ferramenta que permite democratizar o acceso a unha serie de contidos que dificilmente poderían verse doutro xeito na gran maioría de localidades do territorio nacional. É bastante desolador ver a oferta de cinema de autor nas grandes capitais. Agora coa incerteza engadida do peche continuo de salas, como o caso recente dos Renoir. Por certo, gustaríame aproveitar para facerlles un recoñecemento polo enorme labor que realizaron e realizan.

Fóra dos grandes núcleos urbanos xa case é milagroso poder atopar cinemas que non poñan exclusivamente películas das grandes majors. Os festivais locais, que son uns heroes modernos en perigo de extinción, son os únicos que tratan de programar algo distinto, pero teñen os problemas obvios da limitación xeográfica e temporal.

Parece que a Rede é o único espazo para poder mostrar estas obras, pero nós non nos resignamos, xa que cremos na cohabitación do presencial co visionado na rede. Así naceu Cine Español en Ruta, onde levamos cinema ás localidades deste país. Programamos para aqueles que buscan outras miradas, que son moitos máis dos que as salas de exhibición convencionais cren. E os datos demóstrano.

Respecto dos dereitos, no noso caso, polo tipo de cinema que queremos programar, cada película é un mundo. Ás veces son os propios directores os titulares dos dereitos, noutras ocasións hai que falar cunha distribuidora ao uso, hai tamén autores que prefiren que as súas obras se vexan de forma gratuíta… En fin, un amplo abano de posibilidades.

Jaume Ripoll: Tomo o relevo a Diego, apuntando un dos temas que aínda non se resolveron:

As películas de festivais están dispoñibles, podemos conseguir que axentes de vendas ou produtores acepten as nosas condicións e estreen directamente online, pero como levamos ao espectador ata elas? Como conseguimos que destaquen fronte a un amplo catálogo? Como escapar da síndrome da home page?

Esas son as preguntas que nos facemos e nas que imos en busca de resposta.

En filmin si cremos na fragmentación do público, sen que iso signifique que o público máis afín á nosa proposta poida estar interesado en obras creadas no seo de Hollywood.

Juan Alía: Apúntovos a nosa experiencia. Cada ano prodúcense un gran número de películas dirixidas e interpretadas por recoñecidos directores e actores que participan en distintos festivais convencionais e non chegan a estrearse en salas. A intención dos festivais online é aproveitar dita situación e darlle visibilidade legal ao talento, loitar por demostrar que un novo modelo de distribución cinematográfica, de xanela, é posible. Internet é unha xanela máis que brinda a oportunidade de elixir entre distintas estratexias para chegar ao público. Outra das vantaxes destes festivais online é que o publico participa activamente a través das redes sociais e pode converterse en membros do xurado coas súas votacións.

Pero a xanela de Internet non é só para este tipo de películas. Existe moita xente que non ten a oportunidade de acudir a unha sala para gozar dunha estrea e con todo estaría encantada de pagar por Internet para vela a través da súa televisión, Ipad ou calquera outro dispositivo.

No caso dos dereitos falamos cos produtores ou os seus distribuidores dependendo de cada caso.

Juan Alía: "Internet é unha xanela máis que brinda a oportunidade de elixir entre distintas estratexias para chegar ao público".

Ángel Sánchez: En principio diría que non tentamos programar axustándonos a un perfil de público concreto. Facelo condicionaríanos moito e xeraríanos demasiados interrogantes de difícil resposta. É certo que o noso caso é talvez diferente ao do resto, xa que a Play-Doc TV xurdiu naturalmente como unha necesidade de dar maior visibilidade e acceso aos contidos que programamos anualmente no noso festival, como unha extensión necesaria do mesmo. O noso festival, debido a unha serie de múltiples circunstancias e doutros factores que teñen difícil explicación, conseguiu atraer a un público excepcionalmente heteroxéneo e moi numeroso polo que non podemos sequera pensar que o festival, e en consecuencia, a nosa plataforma, teña, ou deba ter un target concreto.

Non buscamos un público especialmente cinéfilo e exclusivo, amante do cinema documental, experimental, independente de autor, aínda que sexa iso o que programemos. Aspiramos a chegar a todos os públicos; é o que fixemos no festival e aí cremos que está un dos nosos máis notables logros, e desexamos que sexa así tamén en Play-Doc TV.

En canto ao tema dos dereitos no noso caso e debido ao tipo de cinema do que falamos é exactamente como di Diego, cada película é un mundo e negóciase de maneira diferente.

Centrémonos na viabilidade económica dos vosos proxectos. Recibimos comentarios informais de produtores ou directores que ven no vídeo baixo demanda un complemento á distribución tradicional, algo que lles reporta un baixo beneficio. Hai outros que están encantados de que a súa obra se exhiba en plataformas dixitais, pero máis por unha cuestión de difusión que económica.

Vós debedes ter outra visión, xa que o estades apostando todo a estes modelos. Neste sentido, gustaríanos que nos contásedes como se adquiren os dereitos con cada produtor ou distribuidor, que parte das ganancias reciben eles, e de que ganancias falamos. Cales son os vosos beneficios actuais, por exemplo, e que número de espectadores tivestes no último ano? De haber aínda fallos no sistema, como creedes que se poderán mellorar para facelo máis estable no futuro?

Ángel Sánchez: "Non buscamos un público especialmente cinéfilo e exclusivo(...) aí cremos que está un dos nosos máis notables logros, e desexamos que sexa así tamén en Play-Doc TV". FOTO: Tamara de la Fuente

DR: A nosa viabilidade económica susténtase en dúas patas moi definidas, por unha banda o offline de Márgenes, que engloba proxeccións presenciais e diversas actividades formativas impartidas por destacados creadores e profesionais do panorama audiovisual español: talleres, clases maxistrais, workshops… Estas actividades están dirixidas, en principio, a universidades, escolas de cinema e institucións culturais. En breve, algunhas delas terán lugar tamén nas nosas sedes de Madrid. Xa realizamos algúns talleres, como “De David Villa a Bill Viola”, impartido polo Colectivo Los Hijos este mesmo ano en Colombia, ou “Imágenes Frágiles”, impartido por Oliver Laxe, que se vén de realizar en Tánxer. Doutra banda, dentro das actividades offline, tamén intermediamos con distintas institucións, festivais e centros culturais ofrecéndolles comisariados e mostras cos autores do noso catálogo.

Con respecto á exhibición online, aínda non temos datos relevantes. Estamos a piques de lanzar os nosos contidos de pago. Ata o momento o único contido de pago que tivemos foi a II edición do Festival Márgenes. A pesar de que o prezo era moi competitivo (5 euros por ver as 10 películas finalistas), o número de espectadores foi reducido, especialmente se o comparamos coa primeira edición do festival que foi gratuíta. Estes datos non nos sorprenderon, entraban dentro das nosas previsións. O noso obxectivo é converternos a medio prazo nunha referencia para os amantes dun tipo de cinema moi concreto: películas independentes e arriscadas que funcionan á marxe das canles tradicionais. A nosa idea é programar contidos temporais (mostras, ciclos, retrospectivas…) e acompañalos de artigos e outros materiais que sirvan para contextualizalos e darlles ademais un valor engadido para os espectadores. Algo máis parecido a un cinema online.

Diego Rodríguez: "A nosa idea é programar contidos temporais (mostras, ciclos, retrospectivas...) e acompañalos de artigos e outros materiais que sirvan para contextualizalos e darlles ademais un valor engadido para os espectadores".

AS: Ben, no noso caso, aínda estamos nun período de probas, e non podemos falar de beneficios económicos ata o momento. Nós partimos dun acordo co operador de cable que nos permite facer un investimento na programación de lanzamento, e unha vez que superemos esta fase a subscrición que agora é gratuíta será de pago, e é aí onde teremos todo os elementos de análise para valorar a viabilidade real do proxecto. Somos moderadamente optimistas respecto diso.

Para nós, ademais, Play-Doc TV resulta un complemento fantástico para o festival, que o fortalece e dálle outra dimensión e sobre todo porque nos dá a posibilidade de dar maior accesibilidade aos contidos anuais do festival e a outros que por varias razóns quedan fóra cada ano pero que nos parecen igual de interesantes.

O noso modelo de adquisición de dereitos é mediante unha tarifa que ofrecemos aos posuidores dos dereitos das películas, que ás veces son os directores, outras os produtores e outras as distribuidoras. Unha tarifa fixa, por un ano, para o territorio de Galicia e sen exclusividade. En principio descartamos a posibilidade das porcentaxes por visionado.

Atopámonos con todo tipo de respostas pero á maioría parécelles razoable e están encantados de participar no proxecto, é unha cantidade moi modesta, pero o noso alcance é moi restrinxido.

Como dicía estamos aínda nesa fase na que a subscrición é gratuíta, en breve será de pago, pero as cotas van ser moi pequenas, non chegarán aos dous euros ao mes por acceder a todo o noso catálogo que irá ampliando títulos cada mes. Insisto, aínda estamos en fase de promoción e probas. Hai moito que tentear aínda.

Juan Alía e Jaume Ripoll non contestaron a esta pregunta, ao dedicarse exclusivamente á selección de contidos para as súas respectivas plataformas.

Comments are closed.