QUE FOI DAS SALAS DE VERSIÓN ORIXINAL?

A utopía cinéfila consiste en ter unha sala que programe cinema en versión orixinal á volta da esquina, mais esa pantasía está cada vez máis lonxe da realidade. O peche da distribuidora Alta Films, emparellado co declive dos Cinemas Renoir, explicitou nesta pasada primavera a fraxilidade do sector. No mesmo día no que se coñeceu esa noticia, nós, ilusos, comezamos a organizar un debate sobre a situación das salas en versión orixinal a nivel estatal que finalmente nunca chegou a celebrarse por falta de tempo, interese e, sobre todo, oportunidade. Semella que este non é o intre axeitado para falar deste tema, porque cando os números non casan ningunha empresa gosta de recoñecer as súas dificuldades e moito menos de revelar a súa estratexia.

O debate que nunca foi

Os motivos que nos impediron desenvolver este debate resultan curiosamente sintomáticos do momento que atravesa o sector. Ao longo dun mes de preparativos recibimos toda caste respostas evasivas ou, directamente, negativas. Dende os Cinemas Verdi de Barcelona, por exemplo, o seu programador Ricard Almazán rexeitou o noso convite ao día seguinte do anuncio do peche de Alta Films cunha mensaxe que dicía, simplemente, “nestes momentos non queremos entrar en ningunha caste de declaracións sobre ese tema”. As conversas con Javier Mamés, programador dos Cinemas Aragonia de Zaragoza, foron algo máis longas, mais antes de declinar a nosa proposta por falta de tempo revelounos unha das cuestións que están de fondo nesta reticencia xeralizada: “non depende tanto da miña vontade, senón do que decidan dende arriba”. Por último, a programadora dos Cinemas Yelmo, Eva Rekettyei, chegou aínda máis lonxe na súa resposta: “estiven lendo os vosos anteriores debates e son pouco menos que unha lección maxistral, e claro, hai moitas cousas que eu non sei se podo ou se debo dicir”.

Hai xusto un mes, a raíz dun artigo publicado en El País que se titulaba ‘¿Cines en Crisis? Rebajas a la Vista‘, o programador da Aula de Cinema da Universidade de Zaragoza, Toni Alarcón, celebraba o cambio de actitude dos exhibidores cinematográficos, que por fin se amosaban dispostos a facer autocrítica. Logo de pasar meses botándolle a culpa da baixada das súas recadacións á piratería, á subida do IVE, á falta de apoio do goberno ou mesmo á falta de compromiso dos espectadores, os empresarios do sector recoñecían a súa parte de responsabilidade e reuníanse para acordar medidas conxuntas para tentar recuperar ao público que perderan. Á marxe desta boa vontade, Toni Alarcón sinalaba que arestora o maior problema é que os exhibidores carecen dun proxecto ou estratexia común a medio ou longo prazo. De aí parte das reticencias que amosaban os programadores que contactamos para participar no noso debate frustrado: non se pode debater sobre o que non se sabe, sobre o que non depende deles, ou sobre o que non se pode revelar aínda.

Cines Cineciutat, Palma de Mallorca

Esa desorientación tradúcese, por agora, nunha fase pasaxeira de experimentación, onde encaixan experiencias como os Cines Cineciutat de Mallorca, onde os seus socios financian a programación mediante un sistema de cotas anuais, ou iniciativas como Cinesa Rewind, na que esta cadea de multisalas recupera unha serie de títulos estadounidenses moi coñecidos en plena tempada estival: a súa escolma vai dende Some Like It Hot (Billy Wilder, 1959) até Pulp Fiction (Quentin Tarantino, 1994) pasando por Taxi Driver (Martin Scorsese, 1976), Terminator (James Cameron, 1984) ou Full Metal Jacket (Stanley Kubrick, 1987) entroutros filmes dos anos setenta e oitenta. Neste caso, a novidade non se atopa no recurso ás reestreas, que levan anos infiltrándose na carteleira comercial, senón no formato que adopta esta campaña: o seu tráiler promocional apela directamente á nostalxia daqueles espectadores de entre trinta e cincuenta anos que deixaron de asistir ás salas cando o traballo, a familia, a pobreza ou simplemente a vida lles obrigou a mudar de hábitos.

Estas experiencias suxiren que a tendencia actual do sector xa non vai dirixida á captación de novos espectadores, senón ao retorno e fidelización dos xa existentes. Ante a ameaza de que o modelo de negocio estea esgotado, os exhibidores semellan dispostos a probar sorte diversificando a súa oferta, cando menos no campo da versión orixinal. Así, a finais do mes de maio deuse o paradoxo en Zaragoza de que era posíbel ver filmes en versión orixinal que respondían a catro temporalidades diferentes: en primeiro lugar, o presente inmediato estaba representado polas grandes estreas do mes, como Stoker (Park Chan-wook, 2013) ou The Great Gatsby (Baz Luhrmann, 2013); a seguir, o pasado recente seguía de actualidade mediante estreas que chegaban con máis dun ano de atraso á cidade, caso de Faust (Aleksandr Sokurov, 2011) ou Kiseki (Hirokazu Koreeda); logo viña o pasado nostálxico das proxeccións de Cinesa Rewind; e por último a programación atemporal da filmoteca da cidade, que combinaba un ciclo adicado á carreira de Leo McCarey con outro sobre o roman porno da produtora xaponesa Nikkatsu.

Con esta carteleira, cada cinéfilo podía elixir en que tempo quería vivir… mais sería inxenuo pensar que tanta oferta é un bo sinal, cando máis ben deixa ver unha política de programación errática. A que vén estrear Faust con máis dun ano de atraso respecto á súa estrea estatal e case dous anos despois de que gañase o León de Ouro de Venecia? Por que se aposta agora por ela se non se fixo no seu momento? Se cadra, porque as relacións entre as distribuidoras e os exhibidores están mudando a maior velocidade da habitual para tentar arrepoñerse a unha situación adversa na que todos perden.

Faust (Aleksandr Sokurov, 2011)

O caso sevillano

Os dous programadores que máis vontade puxeron en participar nese debate foron Doménec Boronat, dos Cinemas Cineciutat de Mallorca, co que hai unhas semanas xa publicamos unha entrevista, e mais Víctor Anaya, dos Cinemas Avenida UCC de Sevilla. Este último explicounos que o seu público responde a dous perfís moi diferenciados: dunha banda están os espectadores autóctonos de cinema en versión orixinal, que sería o público xenuíno destas salas, ao que vai dirixida a maior parte da súa programación; e doutra banda están os espectadores estranxeiros que viven na cidade, que na súa maioría son estudantes. Velaquí as súas descricións polo miúdo:

O público autóctono ten un nivel cultural medio alto e está informado da actualidade cinematográfica. Sabe o que quere ver, preocúpase de ler sobre as estreas e segue as críticas que se publican nos medios. Este tipo de público demanda un cinema máis comprometido e de calidade contrastada, ‘esíxenos’ os filmes que levan premios nos festivais internacionais máis importantes. É un público fiel aos cineastas consagrados.

O outro tipo de público son os estudantes estranxeiros que viven en Sevilla. Normalmente están aquí por períodos dun ano como mínimo, e van ao cinema como unha opción máis de lecer. Aínda que algúns fan o esforzo de ver os filmes dobrados, a maioría prefíreos en VOSE. Por iso é polo que en contadas ocasións, e con estreas moi importantes, programemos algún blockbuster nos Cines Avenida. Facémolo só coas grandes estreas estadounidenses, xa que o interese (e a recadación) baixa moito se a versión orixinal non é en inglés. Estes blockbusters, ademais, tamén atraen ao público español que lle gusta o cinema comercial e que quere ver o filme en versión orixinal porque está a estudar (ou xa sabe) inglés

Avenida 5 Cines UCC, Sevilla

Esta tipoloxía sinala tanto as fortalezas como as contradicións do modelo que segue actualmente a maioría das salas de versión orixinal do estado: se ben son capaces de atraer públicos diversos, o esforzo por atender ás súas respectivas demandas impide afondar nunha única liña de programación. Polo tanto, o futuro non pasa pola especialización da oferta, senón pola súa capacidade de adaptación. Hai quen verá nesta heteroxeneidade unha ameaza ao vello concepto das salas de versión orixinal, que herdaba o espírito (e parte do público) das salas de arte e ensaio: antes, quen defendía a versión orixinal, defendía tamén un cinema ‘diferente’. Porén, o concepto mesmo da ‘diferencia’ está en crise desque o mercado comprendeu que os consumidores empregaban as súas prácticas segmentadas para distinguirse desa masa difusa que sería a maioría da poboación. Por iso, para o mercado, arestora somos todos igual de diferentes: o importa agora non é tanto o produto exacto que consumimos (un filme de James Cameron ou un de Pedro Costa) como a dinámica que guía o noso consumo. Emporiso, nos Cines Avenida UCC de Sevilla saben que a mercadotecnia das salas de versión orixinal é diferente á das salas comerciais, xa que vai dirixida cara “un público máis esixente, moi fiel e que valora máis unha promoción no prezo que un agasallo de merchandising ou flocos de millo”.

Canto tardará daquela o público da versión orixinal en demandar merchandising e flocos de millo? Daralle tempo sequera a demandalo? Porque, malia que a dixitalización abra novas posibilidades, como afirma Víctor Anaya, as críticas actuais a este proceso sinalan que só as grandes cadeas de exhibidores poden completalo con éxito: o noso colaborador Miguel Blanco lembraba hai uns días nun debate improvisado en Facebook a raíz do peche dos Cinemas Valle-Inclán de Santiago de Compostela que “as salas pequenas non teñen diñeiro para facer a conversión dixital, e polo tanto, pechan (…), ben sexa por non querer facela, ou ben por facela e non poder saír adiante”. De seguir nesta liña, iremos ficando pouco a pouco sen salas, sexan de versión orixinal ou non, malia o esforzo dos programadores por mantelas activas. Haberá que ver entón se este escenario é somentes unha distopía catastrofista do presente, en troques dunha previsión realista de futuro. Por agora, no curto prazo, a exhibición pública de cinema en versión orixinal dependerá da habilidade de empresarios e programadores para reencontrarse co seu público, polo que nesta época de mínimos debemos darlle a benvida a tódolos seus experimentos. No mellor dos casos, deles pode saír a fórmula que asegure a continuidade das proxeccións en versión orixinal.

Comments are closed.