SANGUE DO MEU SANGUE, de João Canijo

IDENTIFICACIÓN DUN FILME

INTRO. João Canijo é un dos cineastas máis importantes da actual xeración do cinema portugués, á par de autores como Pedro Costa, Teresa Villaverde ou João Pedro Rodrigues. Os seus primeiros filmes datan da década dos 80 (Três Menos Eu, 1987; “Filha da Mãe”, 1989) e representaran, neses tempos, unha sinal dunha renovación xeracional do cinema feito en Portugal. Entanto, despois dun interregno de varios anos (momento no que ten un traballo intenso en televisión), o regreso do autor, ao final dos anos 90, marca a fase decisiva da súa carreira.
Esta fase está composta por catro lungametraxes (
Sapatos Pretos, 1998; Ganhar a Vida, 2001; Noite Escura, 2004; e Mal Nascida, 2007) e un documental (Fantasia Lusitana, 2010) e permitiu, ao autor, un aplauso crítico en Portugal e unha gran actividade nos principais festivais de cinema (incluíndo Cannes ou Venecia). Ao longo destes anos a súa posición no cinema de autor portugués van sendo, por iso, cada vez máis influínte.
O cinema de
João Canijo está atravesado por tres elementos principais: unha tentativa de analizar a identidade nacional (con varios elementos cruzados, mais do que se destaca unha deconstrución da ideoloxía salazarista prevalente); o traballo narrativo das súas historias (con puntos de contacto coa traxedia grega nalgúns deles); e a súa abordaxe realista (que atinxe momentos hiper-realistas). A conexión estrutural destes elementos é protagonizada, nestes filmes, pola violencia física e psicolóxica. Tamén importante é o proceso de traballo do realizador, nun mixto de ensaio e improvisación cos actores, método que ten sido perfecionado ao longo do tempo.
Sangue do Meu Sangue(1) xorde por tanto, neste contexto, como a súmula dun traballo intenso, dedicado e explosivo dun cineasta intelixente, culto, que cita abundantemente aos clásicos gregos e á arte moderna e que ten unha visión moi pesimista do momento contemporáneo do mundo portugués. O filme ten xa unha carreira notábel -con presenza nos festivais de Toronto, San Sebastián, Busan e Río de Xaneiro-, aplaudido criticamente, de forma entusiasta nas principais publicacións nacionais.

TEMPO. O cinema é unha arte do tempo: dunha narrativa, unha historia de personaxes ao longo dun tempo narrativo. Ao longo dun plano ou dun movemento de cámara. Sangue do meu Sangue é un filme sobre o tempo, sobre os intersticios do tempo, do que pasa dentro da vida. É un filme que se estira, que deixa a escena acontecer na plenitude da súa gloria. É un filme de escenas (e, por iso, é un filme de actores).
Cando, no inicio do filme, Márcia (a personaxe protagonizada por
Rita Blanco) chega á casa, a escena estírase, demórase. Por veces parece excesivo, mais entendemos axiña que este será o tempo do filme: unha longa acción, poucos planos, poucos movementos de cámara. A escena transfórmase, os actores gañan espesura e aquela cea tórnase a icona do mundo no que estamos a entrar. Tórnase aquilo que estamos a ver e todo aquilo que podemos inferir, presupor, imaxinar (a propósito: as escenas de cea en familia son unha constante en Canijo: véxase a escena antolóxica en Mal Nascida, na que o padrasto forza á filla ao casamento; ou o xeito como no interior dunha casa de alterne, en Noite Escura, todas as personaxes viven tamén na cociña.
Sangue do meu Sangue é, nese sentido, moi distinto dos outros filmes de João Canijo. Por mor do tempo. En Noite Escura ou Mal Nascida, a narrativa concentrábase claustrofobicamente e a cámara movíase máis libremente. Se foramos aínda máis atrás, Sapatos Pretos ou Ganhar a Vida vivían dunha obsesión pola fragmentación, cunha cinematografía moi cargada, negra, escura, e poderiamos ver aos personaxes sobre o prisma desa explosión interior. Pola sucidade do grado da imaxe ou polos constantes jump cuts. Nese sentido, tamén é importante establecer unha relación con Mal Nascida, que diriamos ser o prototipo de Sangue do meu Sangue: polo inicio da rexeita do exceso de memoria ou pola cámara, que torna máis lenta e con planos máis longos; ou pola utilización dunha estética máis ruda e simple.
Por iso, en
Sangue do meu Sangue, o tempo é outro. É demorado, case ledo e ao mesmo tempo é múltiple. A densidade das distintas narrativas fai do filme, por iso, un proxecto maior, máis ambicioso, máis obsesivo. Nos outros filmes tamén había fíos narrativos alén da estrutura principal, mais en Sangue do meu Sangue esa explosión narrativa é plenamente concretada e entramos nunha estrutura narrativa contemporánea.

LINGUAXE. Sangue do meu Sangueé un filme de actores. Éo por mor das súa inmensa calidade e por un método de preparación e invención creativa do filme: o método Canijo, ensaios longos cos actores que constrúen co realizador as escenas que compoñen o filme. Unha estratexia semellante a John Cassavettes (a quen o realizador máis do que unha vez prestou tributo), que Canijo sabe manipular con precisión (é interesante ver en Trabalho de Actriz, Trabalho de Actor-documental irmán de Sangue do meu Sangue, unha especie de making of anterior á rodaxe- a voz do realizador, fóra de campo, a influencia da personalidade e a historia das personaxes).
Este método resalta unha condición fundamental da comunicación humana: a linguaxe. Toda a estrutura narrativa está condensada, construída, alterada pola linguaxe. Poderíase dicir que estamos moi preto da tradición dramatúrxica do teatro e da súa consagración da palabra. É un regreso a
Aristóteles, ás orixes básicas do drama. Canijo, citando a Aristóteles: “as palabras faladas son sinais das expresións e dos afectos da alma”. É pois o resultado dunha aprendizaxe profunda dos clásicos gregos, antes realizada a través de adaptacións (Ifigénia en Áulis para Noite Escura; Electra para Mal Nascida), agora integrada no sistema de representación.
A linguaxe, en
Sangue do meu Sangue, é quen goberna a narrativa e, por iso, dálle toda a espesura necesaria. A linguaxe é un trazo, algo que nos coloca nun mundo desordenado, nunha cacofonía onde ninguén parece ouzar a ninguén. A linguaxe destes diálogos establece un enfrontamento entre as personaxes, deixadas á súa sorte nun universo caótico. Sangue do meu Sangue é un filme onde a fragmentación acontece na linguaxe. Unha identidade procurada pola linguaxe (os diálogos) e endexamais atopada (ou atopada en exceso).
Unha das marcas deste filme son os seus diálogos simultáneos ou o ruído incesante paralelo a eles. Unha vez máis, a precisión é realista; e é parente doutros filmes do realizador, notabelmente
Noite Escura, onde a narrativa principal era contaminada polas falas das prostitutas e dos seus clientes (2). En Sangue do meu Sangue, estes combates verbais van máis lonxe porque son case omnipresentes e son, de feito, o fundamento da multi-linearidade narrativa. Permiten a explosión de sentidos alén da superficie narrativa.

'Sangue do meu Sangue' é un filme sobre os intersticios do tempo e o mundo como representación, sobre a ilusión da identidade persoal e a absoluta e triste constatación que este o noso mundo abandonounos.

REPRESENTACIÓN. Sangue do meu Sangue é, por iso, un filme sobre o mundo como representación. É sobre a ilusión (unha fantasía) da identidade persoal, e a absoluta e triste constatación que este o noso mundo abandonounos. As imaxes que acompañan aos créditos finais son o sinal máis aterrador diso: a cámara retrocede, sae da súa historia particular e móstranos a xeografía urbana e caótica da mancha suburbana. É o lugar da total desterritorialización. É o desvelar dun mundo anónimo.
Toda a construción cinematográfica de
Sangue do meu Sangue concorre para un realismo da imaxe e do son. A cámara, moito máis circunspecta e estábel que en todos os outros filmes de Canijo (se exceptuamos a curtametraxe e experiencia reveladora de Mãe Há Só Uma, 2007), revela esa predisposición para aceptar un mundo como ilusión (diría mesmo que en Sangue do meu Sangue hai, moitas veces, ecos de Pedro Costa e da súa Vanda na forma como a cámara é colocada e aberta ao mundo). A fotografía, cristalina, devólvenos o ollar naturalista que outrora (nos outros filmes) fora hiperrealista.

VIOLENCIA. A constante inconstancia da identidade -o xeito no que as personaxes están nun limbo escuro- provoca, necesariamente, un choque: a violencia. Como en todos os outros filmes do realizador, a explosión deste mundo ilusório dáse pola violencia. Con todo, nótese, esta violencia non é só composta polas escenas-choque (violación da muller en Sapatos Pretos; escena de tiroteo en Noite Escura; a morte do padrasto e da nai en Mal Nascida; a violación final en Sangue do meu Sangue) que todos estes filmes presupoñen. Está antes de todo, na linguaxe, na forma como as personaxes falan unhas coas outras. Está na forma como, dun momento para o outro, as relacións entre as persoas deixan de ser posíbeis, mesmo que elas continúen a vivir lado-a-lado.
Sangue do meu Sangue é, si, un filme sobre un país. Mais non parece no sentido máis unilateral dun retrato. É antes unha aproximación sobre un choque, sobre unha constatación dunha sociedade -para usar a expresión de Boaventura de Sousa Santos– semi-periférica. É un filme sobre formas de vivir nunha sociedade contemporánea, nunha xeografía caótica do suburbano. En distintos momentos da súa filmografía, Canijo procurou esta aproximación: Sines, en Sapatos Pretos; un bidonville de París, en Ganhar a Vida; até mesmo a casa de alterne, de Noite Escura.

FAMILIA. Curiosamente, hai un elemento que parece tornar interior ás narrativas de Canijo, envolvéndose con elas para plasmar, como un dobre, o que acontece nas narrativas principais dos filmes (e, para alén de Sangue do meu Sangue, poden ser aquí chamados Mal Nascida, Ganhar a Vida ou Sapatos Pretos): a televisión. Ese ollar-espello, que en Sangue do meu Sangue é tan importante, explota a máxima ilusión identitaria do portugués (é o fútbol; é a telenovela; é o telexornal). Canijo parece dicir, con ese ruído insoportábel, que Portugal non existe, porque precisamente quere sempre existir.
A televisión é tamén o icono sociolóxico da familia contemporánea: en Sangue do meu Sangue a familia vive co son da televisión (e o son do barrio) e reflexiónanse mutuamente, sobre todo nunha tenra ilusión da paixón e dun futuro (a televisión é o escenario da felicidade, o escenario da paixón arrebatadora) (3). Namentres, a familia de João Canijo é unha familia traumática, en destrución lenta, mesmo na narrativa anterior ao filme.
A estrutura narrativa ao redor da familia é o tema obsesivo da obra do realizador, con especial incidencia nas familias totalmente en implosión desde
Sapatos Pretos. A familia é o lugar de todos os grandes amores mais tamén onde ocorren as peores violencias sistemáticas. A familia é o lugar dos extremos, onde todo pode acontecer. E a familia é, aquí, o punto de conexión neurálxico coa crise da identidade. Mentres núcleo central de organización discursiva -elemento primordial da identidade nacional salazarista- a familia viviu a ilusión de estandarte moral da sociedade. O programa de Canijo expón á evidencia como a familia pode ser tamén o lugar da destrución. O símbolo da crise da identidade.
Esa crise é reforzada pola constante importancia da muller en todos os filmes do realizador. Desde
Sapatos Pretos, que a personaxe feminina (4) tenta romper unha normalidade masculina e patriarcal, mais as súas accións son sistematicamente destruídas ou baleiradas pola ausencia de futuro. En Sangue do meu Sangue esa importancia é tremenda, xa que é a muller que sofre todas as violencias e é a muller que loita incesantemente polas vidas dos outros. A pesar da forma como é vista -como di Ivete (Anabela Moreira)- “só pra foder”.

THE END. Sangue do meu Sangue é un filme repleto de sentidos. Aproxímase á obra central do realizador, mais parece tamén quererse afastar. Concreta un método e acaba tamén por insistir nas obsesións de Canijo. É un filme-programa: un espello dun correcto país que normalmente gusta de retratarse doutras formas.

Decarga e le neste enlace o artigo na súa versión orixinal en portugués

(1) Este texto repórtase á versión curta (de 139 minutos), de Sangue do meu Sangue. Existe outra versión con 190 minutos.

(2) Noite Escura ten tamén unha versión longa, en que estes diálogos paralelos gañan espesura narrativa. A versión curta, que saíu en sala, ten cerca de 94 minutos; mais existe outra versión que terá preto de 120 minutos.
(3) Como di Luís Miguel Oliveira, no Público: ‘a ironia com que Canijo usa o «clube de Portugal»: a primeira cena tem o som do primeiro jogo da selecção no Mundial 2010, e durante a humilhação final de Ivete acontece o golo da Espanha que acabou com o que eram, em linguagem televisiva, as «esperanças portuguesas»’.
(4) Nomeemos as personaxes: Dalila, en
Sapatos Pretos; Cidália, en Ganhar a Vida; Carla, en Noite Escura; Lúcia, en Mal Nascida.

Comments are closed.