SELFIE, de Víctor García León

selfie

As consecuencias do estourido da burbulla económica instauraron no cinema español recente unha tendencia a explorar, con frecuencia a través dos códigos da comedia, ese choque do benestar artificial do pasado inmediato e a precariedade do presente. Desde un producto industrial tan errado coma Tenemos que hablar (David Serrano, 2016) ata o caos terminal da incomprendida Murieron por encima de sus posibilidades (Isaki Lacuesta, 2014), o sentimento de desposesión inoculado na poboación española trala crise deu xogo a unha ampla gana de autores.

Selfie (2017), primeira longametraxe dirixida por Víctor García León tras once anos de silencio, fusiona esta liña cunha segunda, menos explorada e filla da mesma circunstancia, consagrada a amosar a crecente complexidade do mapa político nacional. Arredor aos vaivéns da personaxe de Bosco (o debutante Santiago Alverú), fillo parasitario dun pez gordo do PP que se ve dun día para outro na rúa trala súa imputación, o filme percorre os escenarios de Madrid, cidade na que coexisten a ilusión dun por un hipotético cambio e a preocupación de outros pola perda do establecido. A raíz da caída do seu paraíso artificial, e rexeitado por todos os que deron alimento a aquela opulencia, o antiheroe vese obrigado a deambular por esa outra cara da moeda cidadá, representada nun barrio de Lavapiés marcado a lume pola búsqueda de xustiza social.

A intención de García León, cuxo interés pola mística dos perdedores xa se fixo notar nas súas dúas películas previas –Más pena que Gloria (2001) e Vete de mí (2006)-, é fusionar esas dúas realidades opostas ata formar un único cadro de patetismo social, con raíces na tradición satírica española, pero tamén próximo aos seus outros traballo, especialmente tras tanto tempo desde a súa obra anterior. Se o Guillermo, interpretado por Juan Diego Botto fai unha década vía na figura paterna, un actor de éxito, a oportunidade de prolongar o seu peterpanismo; ao Bosco de Selfie vénselle enriba a fin forzosa do mesmo, coa particularidade de estar chamado a servir a un arquetipo baseado nos relatos de corrupción política que nos inundan. Cando o seu pai acaba no cárcere, a súa nai desaparece de casa e a súa irmá fuxe a Estados Unidos, a condición de vividor sen carisma nin talento algún de Bosco faise evidente e saen a relucir as carencias dun sistema que permite aos fillos dos seus mandatarios exprimir eternamente as rentas familiares.

Selfie-2-655

Sobre un guión que se permite numerosas licencias, como supor que todos os membros dunha familia tan acomodada fuxan da noite á mañá sen preocuparse de deixarlle un euro ao fillo mimado, García León transita mítins do PP e Podemos, chalés de La Moraleja e obradoiros sociais de Tabacalera, sen que ningún dos dous polos saia especialmente ben parado no seu retrato. A grande baza de Selfie, cuxas desaliñadas e pragmáticas formas de falso documental permítenlle incluso presentar inesperadas aparicións estelares, é xogar nese punto de fricción entre ambas Españas, que aquí é tamén entre realidade e ficción. Por desgracia, esa deriva non tarda en revelarse improcedente. Ao intentar profundizar nun recheo supostamente humorístico, que trascende o xogo coas fronteiras para inmiscuirse na constante humillación do paradigma que encarna Bosco –a súa relación cunha activista cega, incapaz de identificar o seu look de neno ben-, a sátira política queda finalmente nun plano meramente superficial, incluso coa insistencia en amosar o escenario previo ás eleccións presidenciais do pasado xuño coma síntoma dunha evidente desigualdade estrutural.

Esa natureza satírica remata por revelarse tan plausiblemente corrosiva nas sáus intencións como descafeinada na súa execución. No tramo máis insatisfactorio da película, que evoca aquel dubidoso amencer final compartido por pai e fillo en Vete de mí, a promesa dun “novo auxe” queda instalada na desastrosa vida de Bosco. É unha indisimulada analoxía co panorama político, aplicada no persoal á asunción da súa recén estreada condición de despoxo social, que xamais tiña imaxinado. Xusto nese limbo existencial entre derrota e euforia está a esencia do cinema de Víctor García León, recuperado agora para a causa, e ese é precisamente o aspecto máis suxestivo dun Selfie pouco contundente, pero en absoluto desprezable como testemuña social e catarse cómica.

Comments are closed.