CANCIÓN DO SUR, O FILME PANTASMA DA DISNEY

Un 12 de novembro de hai 55 anos, a cidade de Atlanta preparábase para acoller a estrea de Canción do Sur (Song of the South, 1946), película Walt Disney que chegaba tras uns anos, os da II Guerra Mundial, nos que a factoría estivera de capa caída e só realizara filmes propagandísticos. Mais lonxe de celebrar a efeméride, na compañía trabállase non para promocionar este título, senón para facerllo esquecer a aqueles (cada vez menos) que o teñen aínda presente. Porque Canción do Sur é a única película do estudio tacitamente prohibida, nunca comercializada en VHS nos Estados Unidos e non editada en DVD en ningún país a causa do seu suposto racismo.

Canción do Sur na disneysiana

Canción do Sur, que conta a relación persoal dun rapaz, fillo do dono dunha plantación, con un trabajador negro, gran narrador de historias; non é unha película calquera na traxectoria da compañía. Dunha banda, a pesar de que só deixou uns beneficios de 226.000 dólares (custara 2.125.000, suma elevada para a época), foi un éxito importante tras fracasos coma os de Fantasía (Fantasia, 1940) ou Pinocho (Pinocchio, 1940). Asemade, o filme estivo nomeado a tres Oscar na cerimonia de 1948 e alzouse con dous deles (mellor canción para Zip-A-Dee-Doo-Dah e outro especial para James Baskett, actor protagonista), tras uns anos nos que as vitrinas do estudio non viran entrar moitos galardóns. Ademais, logo dun período no que a crítica lle dera as costas, a animación deste título (que supón arredor dun terzo) foi louvada, a pesar de ter sido feita con medios precarios en relación ó que fora antano a técnica da Disney.

A finais de 1939, os dereitos das Historias do tío Remus nas que o filme se basea foron adquiridos por Disney ó prezo de 10.000 dólares. A entrada dos Estados Unidos na II Guerra Mundial obrigou a pospoñer o filme e non sería ata xuño de 1944 cando se volvera retomar o proxecto. O estudio contratou a Dalton Reymond, escritor sureño, para que comezara a escribir o guión. Como asistente de Reymond, incorporouse Maurice Rapf, director de estudos fílmicos e profesor adxunto en Dartmouth.

Cando este leu o que escribira Reymond, atopou un gran número de clichés racistas. Un dos que máis lle chamou a atención era que negro estaba escrito con minúscula, cando en inglés o correcto é escribilo con maiúscula. Rapf introduciu cambios no texto pero os roces co guionista principal apartárono do proxecto e Morton Grant, escritor progresista, foi asignado para esa tarefa. Os tres aparecen nos créditos, aínda que Rapf non tardou en amosar a súa disconformidade. Anos despois declararía que algúns filmes non deberían terse feito nunca e Canción do Sur “é un deles”1.

Co guión rematado, o estudio fíxoo oficial: o 10 de xullo de 1944 anunciouse que Disney estaba a preparar unha nova película, Song of the South. A rodaxe iniciouse en Phoenix en decembro dese ano, con Harve Foster como director da acción real e Wilfred Jackson a cargo da animación, e en xuño de 1946, o filme estaba rematado. A estrea programouse para o 12 de novembro no teatro Loew’s Grand de Atlanta e supuxo todo un acontecemento, como non se vivira outro na cidade dende a estrea de Foise co vento (Gone with the Wind, 1939).

O filme parte das historias de Joel Chandler Harris.

A pesar do mencionado éxito na billeteira que supuxo, non obtivo así o beneplácito da maior parte da crítica. En The New York Times, Bosley Crowther escribiu que a relación amigable e cariñosa entre amos e escravos facíalle pensar que, para Walt Disney, “Abe Lincoln cometera un erro”. Pola súa banda, o columnista e produtor Billy Rose acusou a Disney de terse transformado en Disney S.A., probablemente porque alguén lle cantara non a do sur, senón a “canción dos grandes negocios”. Segundo Time, o tío Remus “estaba nos límites de enfurecer a todos os negros educados e a un bo número de ianquis”, e para o Daily News de Los Ángeles, o filme era unha mestura da feliz vida dos escravos negros contraposta ás penurias e dificultades brancas.

No sur, os comentarios negativos case non tiveron eco. A maioría de recensións en Georgia foron positivas e os xornais máis conservadores louvárona. Nas cabeceiras que recolleron as protestas, cualificáronas de esaxeradas e hipersensibles. A resposta da Disney foi tamén contundente: o filme non reflectía o escravismo, pois situábase despois da Guerra Civil, e a súa única intención era representar o folclore americano pasando as historias de Remus a imaxes.

A película acadaría novamente gran éxito nunha reestrea con motivo dos seus dez anos, en 1956. Non sería ata os 60, co movemento polos dereitos civís no seu apoxeo, que os filmes “menos sensibles” foron postos no punto de mira.

Sempre coa opinión do público en mente e sen Walter á fronte, en febreiro de 1970, a Disney anunciou que a película quedaba retirada porque xa non era “apropiada para o público”, mais o filme volveu ós cinemas en 1972. Por que se retractaron? Quizais debido a un cambio na actitude da poboación negra que, tras protestas vehementes, ós poucos foi amosando maior tolerancia ante os feitos, innegables, dos que foran vítimas ó longo da historia.

As novas xeracións tiveron a oportunidade de ver Canción en 1980 e 1986, o seu último encontro co público antes de ser retirada indefinidamente. Nos Estados Unidos é, como dixemos, o único filme disneysiano xamais editado en VHS nin tampouco en DVD (formato no que non se comercializou en ningún país do mundo, se ben en VHS si que se vendeu en diversos lugares, España entre eles).

Milleiros de persoas veñen reclamando ó longo dos anos unha edición en DVD (agora en BluRay) deste título, que encabezou en moitas ocasións a lista dos máis demandados en Amazon. Mais as probabilidades de que isto aconteza parecen remotas: na reunión de accionistas do ano 2010, por quinto consecutivo, preguntáronlle a Robert Iger (presidente e director executivo da compañía) ó respecto, sendo a súa resposta categórica: non teñen intención de editala ó considerala unha película anticuada e, en certas partes, ofensiva.

As causas da polémica

E que é, segundo a factoría que a ten prohibida, Canción do Sur? A biblia disneysiana, a Official Disney Encyclopedia de Dave Smith, defínea como unha película de acción real sobre un neno que aprende o que é a vida a través das historias do tío Remus, todas elas animadas.

Libremente tirado a partir dos libros de Joel Chandler Harris, este é, precisamente, un dos aspectos máis polémicos do filme. Este celebre autor estadounidense, nado en Eatonton (Georgia) o 9 de decembro de 1848, comezara a traballar ós dezaseis anos no xornal The Countryman e mudárase a vivir á plantación que o dono, Joseph Addison Turner, posuía. Alí Harris coñeceu a moitos escravos negros e pronto comezou a desenvolver un grande interese en oír as historias que contaban. Escoitou moitas das aventuras de Brer Rabbit, Brer Fox, Brer Bear e Brer Wolf, fábulas en aparencia simples que eran, en realidade, subversivas metáforas sobre como facer máis levadeiro o día a día e representativas do soño de liberación do xugo branco. Nelas o coello, pequeno e débil, burla e vence os seus inimigos, máis fortes pero menos intelixentes.

A adaptación oculta a crueza do Brer Rabbit no texto orixinal.

A partir delas, a Disney fixo o que Rosario Piqueras, estudosa da obra do autor americano, cualifica de “distorsión do propósito de Harris”2. Esta afecta, principalmente, ó carácter do tío Remus. Mentres que o literario é orgulloso, ten certo poder na plantación e sempre intenta saírse coa súa, o fílmico obedece sen retrucar as ordes da ama. Nos libros, a súa autoridade sobre o neno está ás veces por riba da paterna, á que mesmo cuestiona. Outro punto que marca a diferencia é a dulcificación de Brer Rabbit: elimina a crueza do coello, que non ten piedade cos seus inimigos, e tamén as dramáticas situacións que vive, representativas do sometemento negro.

Para Bruce Bickley, os problemas principais do filme son que Disney fai un lavado das historias e que a figura de Remus non é nin de lonxe tan complexa como o é nas obras de Harris. E se a profundidade de Remus se perde, o valor e significado subversivo das fábulas tamén, pois no filme cóntaas o vello case a modo de entretemento. Os contos que plasma Harris, en contraposición ós animados por Disney, son instrutivos. Brer Rabbit é un mito para a poboación negra: o da resistencia do escravo ante a supremacía branca, para o que o lema de vida é resistencia, revolución e supervivencia. A súa vertente máis cruel e desapiadada deriva do medo á fame, ó sometemento e á morte, non tendo reparos en empregar, no seu aspecto máis drástico e sanguinario, a lei branca que durante tanto tempo lle foi inflixida.

Análise da película

Deixando a un lado os derivados da adaptación, a lista dos puntos controvertidos é tamén extensa. Un dos máis comentados é a non concreción do momento histórico no que Canción se desenvolve. Ignorando os consellos de pór de manifesto este dato, o filme estreouse deixando ó libre albedrío de cada quen o situala na liña cronolóxica americana3. A gran maioría non dubidou en incluíla na época do escravismo pola actitude dos negros ante os donos.

Para Susan Miller e Greg Rode, os negros son escravos presentados de forma menos obvia: teñen un “status indeterminado” que pode levar a cualificalos, en última instancia, como “campistas felices”4. O argumento que máis veces se ten contraposto a estas acusacións é que non son escravos porque actúan libremente (Remus marcha á cidade). Que sexan escravos ou libres, que dúbida cabe, marca unha diferencia significativa, pero segue sen ser un argumento válido pois, tras a Guerra de Secesión, a vida para os negros non era nin moito menos tan feliz como se amosa aquí.

Logo deste, o punto máis comprometido é a representación dos personaxes negros: pola súa actitude servil, caracterización unidimensional e debido ó dialecto no que falan. A forma de expresarse e o acento que empregan, expón James Snead, non se parece nin remotamente ó plasmado na obra de Harris, o cal resulta insultante, tendo en conta o esforzo e a importancia dada polo escritor a reproducir fielmente a fala afroamericana.

Ademais, os negros están representados de forma plana, sen profundidade e de xeito estereotípico. Remus, narrador e personaxe principal da historia, non presenta ningún arco de evolución. Na mesma liña, Hollis Henry di sobre os afroamericanos deste filme que só teñen como ambición dar servizo ós brancos, física e emocionalmente. Henry non pode evitar preguntarse como reaccionaría a xente se, en vez desta película, lles puxeran unha dun xudeu que vive feliz na Alemaña nazi, onde lle relata contos ó neto do dono da fábrica de municións na que traballa, á que acode, cantando, cunha estrela de David no abrigo.

Os personaxes de Hattie McDaniel e Donald Bogle reproducen os estereotipos do negro no cinema clásico.

Por isto, aínda que Canción do Sur é unha das primeiras películas nas que un negro é protagonista e narrador -todo un fito-, pouco axudou á evolución dos afroamericanos na pantalla grande. Tanto o personaxe de Baskett como o de Hattie McDaniel se encadran na clasificación que Donald Bogle fai dos estereotipos negros no cine. El divídeos en “Toms”, “coons” (bufóns), mulatos (cun destino xeralmente tráxico), “mammies” e “bucks” (bárbaros e brutais, cunha sexualidade latente que pon en perigo ás mulleres brancas).

Os Toms, como o Remus de Canción, son sumisos, amables e sempre ó servizo dos amos. Aínda que o vello escravo encaixa nesta descrición, Bogle ten para el unha categoría propia: di que “o Remus” é unha modalidade de “coon”: inofensivo e cordial, primo carnal do Tom (do que se distingue pola súa filosofía cómica e inxenua), é utilizado para indicar a satisfacción do home negro co sistema no que vive.

Doutra banda, o uso dos cánticos, que transmite a felicidade dos negros, é igualmente reprobable. Das catro secuencias nas que cantan, é a última, na que o fan pola recuperación do neno, a máis duramente atacada e que non poucos atopan bochornosa. Richard Schickel é un deles, e refírese a ela como “un final no que os negriños se xuntan para que o neno da ama cure, unha escena enfermiza tanto polo sentimento de condescendencia racial como polo seu sentimentalismo”5.

Por último, non se pode pechar o repaso dos puntos controvertidos sen falar do “tar baby”, un boneco de brea co que o raposo e o oso atrapan a Brer Rabbit. De cor completamente negra e con connotacións negativas -o coello queda pegado a el e non é quen de desprenderse- esta expresión foi considerada, durante moito tempo, un sinónimo despectivo de negro, e aínda na actualidade está mal visto usala.

Racismo intencionado?

A pesar de todo o visto, o certo é que analizando o contexto de produción do filme, non parece que Disney non pretendera facer a louvanza do escravismo da que se lle acusa. El buscaba, tras unha etapa dura, a súa película familiar, sen ver máis aló, quizais non tanto polo seu racismo senón pola insensibilidade racial que, por outra parte, imperaba na época. Se estivera vivo hoxe en día é moi probable que Canción do Sur estivesa en DVD, pois se por algo se caracterizaba era por defender ferozmente aquilo no que cría, e Disney creu, e moito, nesta película.

Porén, outra cousa foi o devir desta tras a súa morte.Michael Eisner primeiro e Robert Iger agora non parecen dispostos a por en perigo o máis valioso do seus activos: a confianza do público. Tal e como explican Bell, Haas e Sells, “cuestionar os intereses políticos nos entramados, as audiencias e os filmes de Disney é un terreo crítico: institucións legais, teorías fílmicas, críticos culturais e un público leal; todos salvagardan as fronteiras dos filmes de Disney como “fóra dos límites” para a empresa crítica”6.

Así, as opcións de tela en formato doméstico pasan porque, como xa se fixo coas delicadas películas propagandísticas producidas durante a II Guerra Mundial -crebacabezas durante anos-, se faga unha edición na que a contextualización sería exhaustiva. Pasou á historia o VHS e a conta atrás para o DVD xa está avanzada. Será o BluRay o formato que poña esta película á disposición do público? Se os que moven os fíos non cambian de idea, só quedará esperar ó ano 2041 para que venzan os dereitos.

 


__________

1En F. Cohen, K., Forbidden Animation. Censored Cartoons and blacklisted Animators, McFarland & Company, Incorporated Publishers, Portland, 2004, p. 63.

 

2Piqueras Fraile, Mª del Rosario, La fabulación como reflejo social en Joel Chandler Harris (tese doutoral), Universidad Complutense de Madrid, 1998, p. 201.

 

3Só na carauta do VHS francés se especifica que “Estamos en Georgia, ó sur dos Estados Unidos, despois da Guerra Civil”, pero na película en si non queda claro en ningún momento.

 

4Miller, Susan, e Rode, Greg, “The Movie You See, The Movie You Don’t”, en Bell, Elizabeth, Haas, Linda e Sells, Laura (eds.), From Mouse to Mermaid: The Politics of Film, Gender and Culture, Indiana University Press, Indiana, 1995, p. 89.

 

5En Schickel, Richard, The Disney Version. The Life, Times, Art and Commerce of Walt Disney, Elephant Paperbacks, Chicago, 1997, p. 276.

 

6En Bell, E., Haas, L. e Sells, L., 1995, p. 3.

 

Comments are closed.