SPRING BREAKERS, de Harmony Korine

Pistolas en mans espidas de inofensivas adolescentes que andan somentes á procura de diversión. As cores queiman a imaxe e os primeiros planos funden corpos coma se a hipernarrativa non entendese de tempo nin personaxes, coma se o eu e o agora fosen o único abarcábel pola cámara. E, de fondo, Britney Spears.

Britney Spears – Everytime (Devils Dubstep Remix ) by D.E.V.I.L.S.

Kuleshov e a posmodernidade para unha montaxe disruptiva entendida como paradigma contemporáneo de significación, coma se toda Spring Breakers (Harmony Korine, 2012) estivese contida en cada unha das súas escenas e cobrase sentido a través do contraste entre as súas repeticións. Colle varias colonias e mestúraas para ter a túa propia, porque as iconas escriben a historia. E, de fondo, soa Skrillex…

O neonoir de Drive (Nicolas Winding Refn, 2011) rezumaba nostalxia, perda, a través da súa elegancia, aferrada a un volante. Spring Breakers é ritmo e cores, texturas e sons, olla para si mesma e non para os seus referentes, un azaroso remix consciente de que non debe nada a ninguén. As conversas agora son chats, sen tempo nin lugar, saltos, zapping, pause, avatares, representación, videoxogos, The Tree of Life (Terrence Malick, 2011).

As mozas Disney fanse fotos espidas mentres Britney Spears morre nas Torres Xemelgas, anunciando a morte do pop, a resurrección mutante, a salvación na hibridación, na transferencia, no abandono do soporte físico. Son tempos líquidos onde os continentes e os buscadores crean as correntes de opinión, pero aínda haberá quen queira ver en Spring Breakers unha historia de adolescentes á procura de esmorga. O tempo é unha cuneta chea de cadáveres.

Comments are closed.