STOP THE POUNDING HEART, de Roberto Minervini

21 Stop the Pounding Heart

A traxedia dos corazóns desbocados

Stop the Pounding Heart (2013) é unha cámara orbitando arredor dunha galaxia afastada, unha ollada a un mundo alleo que vén a explicar os mecanismos universais polos que se rexe o noso propio. Roberto Minervini é quen peta na porta deste recuncho da Texas profunda e semella que a súa presenza non incomoda aos seus anfitrións. Desta forma elabora unha narración híbrida que tanto poderiamos dicir que ofrece unha ficción con recursos do documental, como que participa do xénero documental pero con recursos expresivos propios da ficción. En calquera caso, o que vemos son personaxes reais interpretándose a si mesmos no seu propio ambiente.

O foco alumea as experiencias cotiás de dous adolescentes, Sara Carlson e Colby Trichell, nun entorno rural pechado ao exterior. Ela coida un rabaño de cabras e el monta touros de rodeo. O desfile de personaxes e situacións funciona coma unha falsa visita guiada polo peculiar mundo de Sara e Colby, pero nos encontros, nos achegamentos e nas colisións entrámbolos dous protagonistas vemos que o subliñado é máis groso nas semellanzas co resto de adolescentes do universo que nas diferenzas que implica o estilo de vida no seu medio.

Nalgún intre cabía pensar que o que estabamos a ver era unha celebración da pureza da vida rural texana. As imaxes, na súa cadencia contemplativa e non forzada, relatan (ou interpretan) a harmonía duns seres en relación estreita coa natureza, lonxe das imposturas da vida moderna e urbana. Na primeira parte só escoitamos unha nota disonante: a escena da muller en avanzado estado de xestación que fai prácticas de tiro cunha escopeta. Unha imaxe contundente que, así e todo, intégrase na melodía principal até o punto de que parece que o uso das armas é inocente: a pistola como ferramenta e non como ameaza, como parte da paisaxe.

21 Stop the Pounding Heart 3

A partir da entrada en escena da nai de Sara é cando o relato se desvía dunha primeira intención de imparcialidade. Ou quizais é precisamente o choque entre a primeira e esta segunda parte o que revele certa distancia entre a cámara de Minervini (brillantemente dirixida por Diego Romero) e a historia. Non sabemos se era parte da idea inicial do autor, pero LeeAnne Carlson remata por ser o personaxe máis revelador do filme. A nai funciona a xeito de mentor na particular viaxe do heroe que emprende Sara cara a súa madurez. Esta refúxiase no calor do colo materno nos momentos de dúbida filosófica e relixiosa. LeeAnne amosa a súa faceta comprensiva e compasiva, que lle supoñemos (quizais non acertadamente) innata ás nais, guiando a súa filla a través de diálogos íntimos dunha pureza dificilmente igualable. Custa imaxinar de que xeito un realizador se introduce no seo dunha familia até o punto de ser quen de captar momentos de honestidade completa entre nai e filla.

Nunha destas conversas asistimos ao acontecemento máis salientábel do filme: aquel no que a nai verbaliza nunhas poucas frases todo un sistema de pensamento, soterrado dende hai séculos, mais aínda vixente. Falo da escena na que a nai esixe á súa filla que acepte a súa natureza inferior como muller. Unha mensaxe envelenada e nociva expresada de xeito espido: “Deus creou á muller a partir do home e non á inversa”. A nai, que fora (e é para Sara) un ente protector, é tamén o vehículo de transmisión do virus ideolóxico. Só a forza e a autoridade dunha nai podería articular tan perigoso mensaxe de xeito que Sara poida interiorizalo como unha verdade divina. Nun momento dado, LeeAnne prevén á súa filla de que o difícil non é ser líder, que o difícil é atopar ao teu líder e serlle fiel de por vida, entendendo a inferioridade da muller coma unha proba de Deus. Namentres, Colby xa está fora do relato, aparecendo unicamente como satélite de Sara.

Minervini perde así a ollada do observador curioso, do voyeur do exótico, e propón unha nova e necesaria lectura crítica á súa película. Lonxe de ser unha denuncia do texan way of life ou das comunidades onde a relixión xoga un papel esencial nas relación sociais, Stop the Pounding Heart establece un paralelismo inevitable entre unha sociedade ancorada nunhas normas relixiosas medievais e a sociedade moderna, á que lle supoñemos liberada de todos eses males, pero que quizais require dunha revisión dos seus códigos. A imaxe da nai que sufoca as pulsións de rebeldía da filla mediante a negación da súa liberdade e da súa individualidade é o suficientemente forte como para atopar nela unha imaxe moito máis universal. Unha imaxe que transcende o relato e que o titula moi acertadamente: “Detén o teu corazón desbocado”.

Nunha das últimas escenas Sara e máis as súas irmás asisten coma espectadoras a un parto caseiro, o da muller en avanzado estado de xestación anteriormente mencionada. Non é curiosidade científica o que adiviñamos no seu estado de impertérrita atención, senón a decepción de asumir un futuro certo, un camiño inevitable, a contradición entre o seu espírito adolescente e as ensinanzas maternas. Esta tensión entre o corazón e as normas levan a Sara a rebentar en choros nos brazos da súa nai, prometéndolle tentar ser boa cristiá, negando a súa propia natureza salvaxe e adolescente, pedindo auxilio para liberarse da pesada carga que lle supón a súa ansia de liberdade. Stop the Pounding Heart non é así, necesariamente, un retrato dun sistema que escraviza á muller, nin tampouco unha denuncia, se non un percorrido polo ambiente das familias Carlson e Trichell que asiste a unha revelación profunda: a nai como escravista das súas fillas, a relixión como freo aos corazóns palpitantes. 

Comments are closed.