一代宗師 (THE GRANDMASTER), de Wong Kar-wai

Kung Fu: dúas palabras, dúas posicións

Un pode sentirse como un completo estranxeiro ou estraño vendo 一代宗師 (The Grandmaster, 2013) se non coñece algo de historia chinesa, o cinema de Kung Fu, a filosofía das artes marciais e quen é o tal Ip Man que sae no filme. Era algo ao que non nos tiña afeitos Wong Kar-wai, porque por riba dos elementos locais, culturais ou históricos dos seus anteriores traballos sempre estaban os sentimentos dos seus personaxes. A gran virtude do cineasta sempre foi que el e Christopher Doyle foran capaces de dar forma visual á melancolía amorosa e ás emocións. Como el mesmo dicía, os seus filmes representaban ese estado mental ao que acudimos cando queremos recuperar o que perdemos, ou cando tentamos conservar non só á persoa ou ao tempo deixado atrás, senón tamén o momento e a atmosfera. Con todo, o último traballo de Wong Kar Wai, non nace dunha exploración dos sentimentos amorosos e da memoria, senón da súa curiosidade por un período concreto da historia chinesa, un personaxe real, un xénero cinematográfico e as arte marciais.

Wong Kar-wai xa fixera un filme extraordinario de artes marciais, 东邪西毒 (Ashes of Time, 1994), mais esta obra era, como todas as súas, un filme sobre a memoria e os eclipses amorosos de herdanza claramente antononiana. Pola contra, en The Grandmaster, o cineasta quixo homenaxear o cinema de Kung Fu dos anos setenta e facer unha caste de biopic do famoso mestre de Bruce Lee, Ip Man, dende mediados dos anos trinta até os anos cincuenta. unha época de grandes mudanzas e acontecementos dramáticos en China. Como di a voz en off do mestre: “vivín tempos dinásticos, a República, a era dos señores da guerra, a invasión xaponesa, a guerra civil, e finalmente viñen a Hong Kong”. Os esforzos estéticos do cineasta xa non están tanto en evocar as texturas sentimentais como en construír e amosar combates estilizados de artes marciais de xeito case coreográfico a través dunha montaxe fragmentada, na que desprega a gran variedade de recursos cinematográficos aos que nos tiña afeitos: ralentís, aceleracións, planos detalle e sons amplificados cos que pretende transmitir unha certa sensorialidade da loita. Disque Wong Kar-wai quería recuperar a esencia do xénero ao mesmo tempo que representaba o Kung Fu e as artes marciais como algo máis ca “unha atracción circense”. Por desgraza, nalgunhas secuencias, o barroquismo visual da posta en escena remata levándoo ao que sempre conseguira bordear: unha estilización baleira e unha fría espectacularidade.

Na relación entre IP Man (Tony Leung) e Gong Er (Ziyi Zhang) atopamos algo daquela tensión amorosa non resolta entre o Sr. Chow e a Sr Chan en 花樣年華 (In the Mood for Love, Wong Kar-wai, 2000). A secuencia do combate entre eles dous no interior do Pavillón Dourado é sen dúbida o mellor momento do filme, por non dicir o único. As acrobacias, as patadas e os golpes mestúranse cos sentimentos non confesados, que chegarán cando sexa demasiado tarde e cada un teña elixido o seu destino: ficar ou continuar. Eses dous verbos definen as posturas que ambos personaxes toman con respecto ás artes marciais e á vida: se Gong Er, para vingar a seu pai, renuncia a continuar e ensinar o legado familiar (a Técnica das 64 mans), IP Man segue para a fronte e remata adicándose ao ensino e transmitindo os seus coñecementos. Como a tódolos personaxes de Wong, a este mestre non lle queda máis remedio, como dicía Pedro Salinas que “vivirse en la memoria aunque sea pena, porque la pena es, cuando ya lo demás cesó de ser, ha sido”; e recordar así a Gong Er e á ansiada Técnica das 64 mans que esta lle amosou no seu enfrontamento, mais que finalmente decidiu manter en segredo sen murmuralo dentro do oco dunha árbore, como acontecía en In the Mood for Love.

Un séntese tentado en The Grandmaster a tentar rastrexar a temática e os estilemas dos anteriores filmes de Wong Kar-wai, mais está claro que os obxectivos do cineasta, nesta ocasión, están postos no xénero cinematográfico de Kung Fu, na vida de IP Man e na Historia. Deste xeito, a impresión final que deixa The Grandmaster é, por desgraza, que estamos ante a versión wongarkawaina de 臥虎藏龍 (Crouching Tiger, Hidden Dragon, Ang Lee, 2000) ou 十面埋伏 (House of Flying Daggers, Zhang Yimou, 2004): un mediocre produto chinés destinado á exportación e asinado por un cineasta de renome. Nestas circunstancias, a filosofía do Kung Fu non sería tan só manterse en posición horizontal ou vertical, como di Ip Man no filme; porque, que ninguén se engane, a verdadeira esencia do Kung Fu e das artes marciais no cinema actual é China fronte a Hollywood ou Hollywood dende China.

Comments are closed.