VIDEOFILIA (Y OTROS SÍNDROMES VIRALES), de Juan Daniel F. Molero

image

A Revolución non será televisada, a fin do mundo si. Videofilia comeza con dous amigos bebendo e filmando o amencer desde a azotea dun edificio. As promesas maias da fin do mundo deberían convertir esa madrugada na primeira dunha nova era e a última do mundo como o coñecemos. Así o comentan os protagonistas mentres filman o inicio dun novo mundo. Unha era que, pola contra do que os maias pronosticaban, comeza antes de tempo e en paralelo cos últimos avances tecnolóxicos: vídeo, internet, ordenadores… todos axentes colaboradores dunha apocalipse visual que ten lugar na actualidade: no presente fílmico e no presente real, o do espectador. Xa non existe diferencia entre representación e realidade, a saturación visual do mundo e a virtualidade crearon novos estadíos onde a vida tamén ten lugar; por iso, filme e realidade ocorren ao mesmo tempo na pantalla e na butaca.

“Nada existe se non queda filmado. Nada existe senón está na rede”. Dúas frases que resoan a modo de mantra subliminal ao longo do filme a través da voz en off. Voz que non conduce o filme senón que o infecta, coma un virus de ordenador, imprimíndolle imaxes que non pertencen ao universo do filme senón ao do espectador. Videofilia fragméntase en dous: a ficción que ocorre a través das vivencias das personaxes e o monólogo que o virus mantén co espectador. “Nada existe senón está na rede”, e unha vez existe alí deixa de pertencer á realidade. As imaxes pasan a ser unha codificación de datos infinitamente multiplicable e representable sen a presencia do axente orixinal. A inmortalidade é posible na rede, e o custe da mesma é o abandono dun mesmo: a infección voluntaria do virus a cambio de vivir eternamente nunha imaxe virtual.

O filme de Juan Daniel F. Molero narra esta apocalipse a través da visión de Luz e Junior, de 16 e 28 anos, e da súa estraña relación. El, obsesionado coa pornografía e co voyeurismo filma por debaixo das saias ás mulleres pola rúa para logo convertélas en películas amateur. Ela, fascinada polas snuff movies busca alguén que poida satisfacer os seus fetiches. Dúas personaxes que, a través da rede, dan renda solta aos seus praceres ocultos sen ter que vestirse dunha máscara ou agocharse. Rede que, ademais, é o lugar onde se coñecen: o amor virtual xorde nos chats. “La primera vez que lo vi, bueno, se estaba haciendo una paja”, comenta Luz a unha amiga entre risas. Internet convértese nun novo espazo onde amosarse sen medos, espido. A imaxe, a conversa no chat, a virtualidade substitúe á realidade: a rede convírtese no hábitat natural dunha mocidade autoeducada en sexualidade, drogas, etc.

Videofilia-2

A importancia da virtualidade chega a tal punto no filme de Molero que a ansia de Junior non é deitarse con Luz, senón filmala mentres teñen sexo. A través dunhas Google Glass, e despois de preguntarlle á súa parella, a cámara sitúase na patilla de Junior para amosarnos unha conducta sexual antinatural educada a través da pornografía na que o corpo da muller é unha mercadoría ou un obxecto que observar ou usar. Unha mercantilización do corpo da muller que aparece ao longo de toda a película onde elas son caracterizadas como ‘not-so innocent schoolgirls’ (como o resumen do filme describe) e como meros obxectos en mans dun mundo machista e dominado por homes.

Tropeza o filme en ocasións nunha narrativa que se move á deriva nas súas propias augas. Sen convertirse nunha obra soporífera, ás veces bótase en falta un guión con maior peso e unha experimentación visual menos excesiva. Se ben é certo que o ambiente que consegue o director a través da manipulación da imaxe é destacable, en ocasións os propios artificios redundan e atrancan ao filme. No final do filme, cando a batalla entre virtualidade e realidade chega a niveis realmente interesantes e onde se pode crear un discurso que analice de forma crítica o papel dos media o filme Molero opta por unha solución rápida sen abrir debates.

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.