WESTERN, de Valeska Grisebach

western_main

Un grupo de traballadores alemáns chega a un lugar inhóspito da fronteira entre Bulgaria e Grecia para levar a cabo as obras dunha planta hidráulica. Nunha área montañosa e practicamente despoboada, comezan a desenvolver unhas dinámicas de traballo que dalgunha maneira afectarán os poucos paisanos da zona, quen os miran con receo. Só un deles, amigo dos cabalos salvaxes da contorna, chamado “o novo” polos operarios teutóns e que recibe o alcume do “lexionario” por parte dos búlgaros, semella capaz de aproximarse aos locais con infinita curiosidade.

Se hai algo que, meses despois de ver o filme, fique comigo de Western, é precisamente a identificación con este personaxe que intenta encaixar en dous mundos enfrontados irremediablemente, con individuos en ambos os dous sempre dispostos a repudialo coma home libre que é. Non se prega Meinhard aos designios de ningunha bandeira ou se adscribe a un cavernario tribalismo porque a súa única ideoloxía está rexida pola comprensión do misterioso humanismo que, sen importar épocas e países, arraigará sempre en nós. En esencia, comunicarse co máis íntimo e esencial que o une a outras persoas.

Dirán as que prefiran a interpretación sociolóxica e histórica do filme, mesmo a metacinematográfica, que non dou en oso, que tirar pola vertente metafísica leva a unha abstracta análise sen saída aparente. Non lles falta razón. Limítome a enunciar unha intuición de carácter lírico que, alén das situacións que recorden ao xénero do western e á lectura política, creo está no corazón da película e é en verdade a súa esencia. Di Valeska Grisebach nas entrevistas que ten concedido que comezou partindo dos estereotipos dun xénero do que sempre gustou de cativa e que, na procura do “Wild East”1, deu con este punto recóndito de Europa. Levouna aló a vontade de descubrir terreo inexplorado, de analizar unha cartografía que desprendese misterio. Sen dúbida atopouna, mais a razón de que así se nos traslade é a férrea construción dun personaxe que segue os parámetros do “llanero solitario” que vai vivir cos indios. Como ir entón alén da superficie das películas de vaqueiros? É a maneira de filmar a que conta, incluso máis que a lectura metacinematográfica do western, por moito que sexa o punto de partida.

Grisebach percorre os rostros dos paisanos destas vilas e capta a paisaxe como o farían Stan Brakhage ou Bruce Baillie nas súas vertentes máis documentais. Non se trata de realizar un rexistro de carácter factual ou etnográfico da zona, senón de comunicarse a través da cámara con esas persoas e, mediante este método, achegarse a unha verdade máis universal, que escapa a todo localismo. Como non desexa facer unha película de non ficción, Meinhard é a ferramenta narrativa que utiliza para poder deambular polos lugares que lle interesaron na súa investigación, falar coas xentes que a cativaron, sen maior pretensión que comunicar esa experiencia, que trasladar ese misterio do atopado Wild East. É nesas relacións do “lexionario” coa súa contorna onde a fita resulta atemporal e arrebatada na súa contención formal.

Non obstante, estariamos a facerlle un fraco favor ao filme se obviamos esa outra vertente máis enunciativa que resulta de impor as situacións do western no lugar e tempo onde discorre a acción. Hai na película rudos pioneiros que levantan un campamento, izan a bandeira nacional, cruzan un río a lombos dunha máquina motorizada, atópanse con indios que falan nun idioma que non comprenden, fan tratos con eles, engánanos e rouban ou intentan tomar as súas mulleres, como xa enunciabamos na crítica apresurada da obra dende o Festival de Sevilla. Estas situacións acontecen nunha orde máis ou menos lóxica que parte do asentamento dos alemáns no lugar para desenvolver despois as relacións cos búlgaros. Non existe, porén, unha resolución clara do conflito. Houbo acaso na vida unha resolución ao imperialismo?

Nun momento os alemáns comentan que por fin están de volta 70 anos despois, nunha clara referencia á expansión do nazismo por Europa, mais a interpretación do choque en clave económica pode tamén remitirnos á Europa de dúas velocidades na que vivimos, cunha Alemaña que xogou un importante papel nas prácticas neoliberais que subxugan non cos puños, senón ao contante son da cascada de euros. Non é Grisebach tan obvia como para indicarnos que a película é unha metáfora do imperialismo alemán en Europa, con raíces nas prácticas expansionistas de Otto von Bismarck ou Adolf Hitler. É unha lectura válida e que atrae consenso crítico, pero realizar unha aproximación a Western dende unha perspectiva nacional entra en realidade en gran contradición co discurso da obra, que se sitúa nunha posición de crítica á exaltación de valores nacionais. Como na esencia dos westerns, non importa que nos dirixamos ao oeste ou ao leste, o principal do xénero é a súa reflexión en torno á violencia exercida arredor de choques de poder. A lei do máis forte. Non critica por tanto Grisebach a Alemaña, país coas súas luces e sombras, coma todos, senón a construción de identidades férreas e inamovibles que se xustifican dende o odio ao outro e a todo o diferente no seu proceso de adscrición á comunidade. Comunidade é unha palabra demasiado valiosa para cargar as tintas no choque entre elas e non poñer o foco sobre o entendemento e a diversidade. O cabaleiro Meinhard teno claro. Grisebach tamén. A grandeza do seu filme radica en resultar tan polisémico que será eterno.

__________

1Lattimer, James, “At the Frontier: Valeska Grisebach on Western”, en Cinema Scope nº71 – http://cinema-scope.com/spotlight/at-the-frontier-valeska-grisebach-on-western/

Comments are closed.