XESTIONANDO A NADA

une histoire seule 2Os responsables d´A Cuarta Parede pedíronme que escribise sobre “xestionar e declarar as axudas públicas recibidas para a produción cinematográfica” (sic.) para un número dedicado aos distintos modos de produción audiovisual. Nun principio resistinme, non tiña a menor intención de enzoufarme falando das miserias da industria cinematográfica. Iván Villarmea e Víctor Paz teimaron e ensináronme a “escaleta” do número e vin como facían unha desagregación de todas as formas de produción e ao final asomaba timidamente a produción de “persoas físicas”. Como resulta evidente ao final aceptei mais que nada porque así podería dar unha visión derivada da miña dupla experiencia; por un lado como traballador nunha institución de xestión de axudas á produción e outra como subvencionadoi.

Estamos diante da última causística en aparecer. Está situada na indefinición, a medio camiño entre a autoxestión e certo tingue institucionalizado. Probablemente sexa o tipo de produción máis débil e indefenso, malia a todo atopámonos ante a maneira máis libre e menos suxeita a deberes e obrigacións. A intención desta fórmula é a de potenciar ao máximo a vertente artística do cinema e para iso precisábase que este tipo de proxectos ao marxe conseguisen algo das migallas do “pan” que se lle da á “industria”. Este obxectivo resulta totalmente comprensible cando un cae na conta de que as axudas saen normalmente de organismos e institucións do mundo da cultura e curiosamente o seu reparto réxese por criterios industriais.

Este paradoxo xa era de por si un gran acicate para darlle aos miolos e buscar unha variante ao tipo de axudas que se levaban outorgando desde fai moito tempo. A inestabilidade da institución cinematográfica e o frenesí de cambios que dominaron a última década fomentou que se pensase en que podía existir outro tipo de apoio institucional. Foi así como en Galicia, alá polo ano 2006, un home chamado Manuel González, con tradición de ser o máximo culpable dos momentos máis gloriosos da historia do cinema galego, pensou en como facerlle un esquexe ao tronco no que penduraban as tradicionais axudas cinematográficas.

Mais unha cousa foi pensalo e outro materializalo. Este tipo de “botánica” tan arriscada atopouse con moitísimos atrancos e perigos. O máis visible de todos foi a desconformidade por parte do sector que vía nesa liña de axudas un ataque directo ao seu status quo. O sector audiovisual galego dicía que a oportunidade aos novos creadores tiña que pasar por guarecerse no seu paraugas. Hai que recoñecer que houbo intentos por parte das produtoras de asumir novos creadores mais o sistema e os produtores non mudaron (nin creo que muden) e os autores tiñan que adaptarse ás dinámicas gremiais consensuadas.

Porén, o maior atranco veo de dentro da administración e non me estou a referir ao parasitismo de parte do goberno do bipartito senón aos seus procederes internos. Malia que no ano 2006 abríronse novas liñas de axudas diversificando as liñas de apoio da Xunta de Galicia as axudas non cambiaron de procedemento. E si, a novidade estribou en que os beneficiarios podían ser “persoas físicas” mais no fondo, no momento de xustificar as axudas seguían tendo que facelo á maneira de sempre como se foran unha empresa, argumentando o gasto das axudas con facturas. Con este panorama as “persoas físicas” pensaban en facerse autónomo ou en xustificar a base de recibís. Mais esta problemática complicouse cando en 2007 se aproba a Lei de Subvencións de Galicia. As regras cambiaron para peor: as axudas tiñan que ser como mínimo o 50% do gasto do inversor, tíñase que xustificar o 100 % do orzamento, non valía empregar recibís e o pagamento das facturas había que acompañalas cun comprobante bancario.

une histoire seuleAs axudas á produción audiovisual para “persoas físicas” de 2008 volvéronse nun imposible. Probablemente ese foi o ano máis dramático da Axencia Audiovisual Galega xa que a xente que conseguiu unha subvención pasouno realmente mal e non había maneira de atopar solucións. Mais esas bagoas e reproches foron a mellor das inspiracións para perfeccionar o sistema e non so o texto da convocatoria senón tamén o procedemento a seguir por parte da administración. E así foi como se cambiou a orixe da partida económica desa axuda. Atopouse a maneira de que os cartos desa convocatoria non saísen do capítulo 7 do orzamento da administración, o destinado ás subvencións, senón que saíse do capítulo 4, dos gastos xerais. E dicir, que aforrando en “folios e clips” púidose alumear, e agora póñome en modo hipérbole por que o logro así o merece, o maior froito que nunca deu unha política audiovisual no mundo: as AXUDAS DE TALENTO.

Unha fórmula de éxito que deu filmes, cineastas, premios, presenza en festivais, internacionalización, debate crítico… Moito por ben pouco. Malia estas plusvalías a Xunta de Galicia, amparándose na crise, fixo uns recortes brutais facéndoas incluso desaparecer. Malia o rebumbio mediático de etiquetas como a do Novo Cinema Galego a Xunta fixo ouvidos xordos e deixou de apoiar o maior logro dunha política cultural galega en anos. Mais esta desconfianza tamén imperou noutros organismos similares, con maior solvencia económica -claro está-, xa que non houbo a mínima curiosidade para implantalas nos seus ámbitos.

Non obstante, no debe das axudas de talento ficaron suxeitas ás partidas económicas que destinaba para elas a administración. Obviamente viuse que eran unhas liñas de axuda extremadamente dependentes. No envés das axudas de talento tamén estaban o grao de retención practicada ao facer a declaración da renda por parte dos funcionarios. Foron moitos os casos de subvencionados que non fixeron a declaración da renda ao non chegar ao mínimo de ingresos esixidos polo que ao descubrilo Facenda foi enriba deles e tiveron que pagar a retención e, a maiores, unha multa. Isto trocou no último ano e a administración xa produce directamente un recorte do 21 % polo IRPF para que non se demore nin se extravíen os cartos que teñen que recuncar nela. Mais se houbo estes trocos porque non se pode traballar en prol da actualización da Lei do Audiovisual de Galicia ou facer unha emenda a Lei de subvención de Galicia para que mellore o trato as industrias culturais para que as axudas á produción da AGADIC sexan, como mínimo, iguais ás do ICAA?

Na actualidade as “persoas físicas” con arelas de facer filmes fican no desamparo total, nun páramo deserto, na nada absoluta. Este tipo de cinema aos marxes pódese facer se tes algún tipo de “colchón”, outro traballo co que sobrevivir. Erguer un proxecto sen unha axuda da administración ou dunha produtora é moi complicado salvo que o proxecto non precise de contribucións económicas. O patrocinio coa crise foi a menos e non se sabe no que acabará a Ley de Mecenazgo. A televisión segue incumprindo sistematicamente o seu apoio e as súas compras son totalmente clientelares. Cabe o apoio de estadías ou de laboratorios mais isto aínda non se estila moito en España. O crowdfunding é outra opción mais depende do número de amigos que teñas. Ás veces podes complementar ingresos aumentando a polivalencia; participando nalgunha mesa, nun obradoiro ou escribindo algún texto (non é o caso). O ideal é ter fees por proxección de traballos que te permiten un retorno mínimo.

Eu son autónomo e pago unha cota mensual de 256 euros. Estou no epígrafe de “administrativo” pagando IVE cada trimestre. Isto é inasumible. Podo pasarme ao apartado de “artistas e escritores” pagando o mesmo mais evitando os trimestres declarando o IRPF só unha vez ao ano. Tamén barallo a posibilidade de defraudar, darme de baixa e darme de alta un par de días para situar aí as posibles facturas. Poucas opcións hai máis. Non obstante, cheguei a esta conclusión tendo en conta a miña experiencia. Neste punto gustaríame saber o que lle din os profesores da universidade aos alumnos que engrosan a tripla promoción de comunicación audiovisual que sae cada ano en Galicia. O meu consello é que traballen no que poidan e, logo, se cren en si mesmos que fagan as súas cousas sen temor a equivocarse. Que vaian desenvolvendo os seus proxectos e cando esteen suficientemente maduros intentar o respaldo dunha produtora ou enfiar a axuda da administración. Mais ollo, nestes círculos sempre é mellor ir por diante e evitar, dentro do posible, situarse nas esixencias e disfuncións do seu perigoso ronsel.

__________

iAos que teñan curiosidade dicir que o proxecto suvbencionado foi Une histoire seule con 6.000 euros na convocatoria de talento de 2013 da AGADIC, dos cuais recibín unicamente 4.740 euros ao reterme directamente a administración o 21 % do IRPF.

Comments are closed.