YOUTH, de Paolo Sorrentino

“Non é La Gran Belleza”. Por suposto que non o é. As comparacións son ineludibles, tanto La Gran Belleza (2013) como Youth (2015) tratan o transcurso do tempo, de canto pasou e do que queda por diante. En ambas se evalúa unha vida na que aínda quedan asuntos pendentes, as dúas tratan sobre a xuventude e a vellez, o pasado e o futuro, a amizade e a soidade. Pero La Gran Belleza é, ao fin e ao cabo, unha festa. Youth é calma, sosego, quietude.

Un director de orquesta xa retirado, Fred Ballinger interpretado polo sempre formidable Michael Caine, está a pasar as súas vacacións nun hotel dos Alpes coa súa filla e o seu mellor amigo Mick Boyle. É que Sorrentino é un director de lugares, non importa se se trata da imperecedeira Roma ou dun hotel somerxido no máis profundo da natureza, sabe sacar a relucir toda a súa beleza, gracias de novo a unha impresionante fotografía de Luca Bigazzi.

O director é ademais pretencioso en canto a planos e movementos de cámara. Pretencioso como tamén o son os seus personaxes. É que os filmes do napolitano non son outra cousa que un desfile de personaxes; antolóxicos, extravagantes, contradictorios. Un octoxenario director de cine que loita no seu empeño de sacar adiante un novo filme, un director de orquesta cun pasado homosexual que non lle leva flores á súa muller dende hai máis de dez anos, unha masaxista moi especial, un xoven actor que se prepara para interpretar a Hitler, unha astuta Miss Universo, un monxe que levita, un peculiar profesor de escalada, unha popstar, a excéntrica actriz interpretada pola xenial Jane Fonda e ata o zurdo Maradona.

“O desexo é o que nos fai estar vivos”

Este é un filme tenro, tanto nos seus personaxes como no seu tema. Michael Caine aínda ten moito que facer coa súa vida, debe lidiar co amor, a amizade, a familia e tamén a súa carreira profesional. Fred Ballinger está tamén acompañado de dous magníficos personaxes, un Harvey Keitel vello por fóra e xoven por dentro; e o marabilloso Paul Dano, xoven por fóra e vello por dentro. Eles ensínannos como a idade é unha cuestión de paixón, de actitude. Porque o observador e humilde Jimmy Tree decide non interpretar a Hitler, escolle o desexo en vez de o horror, porque “o desexo é o que nos fai estar vivos”. Por iso Youth tamén trata sobre esa busca de identidade; e sobre cómo nos vé a xente e cómo queremos nós que nos vexan os demáis. Porque a Fred Ballinger só o recordarán polas súas Simple Songs, e ao actor Jimmy Tree por actuar nun filme de robots.

SET DEL FILM "LA GIOVINEZZA" DI PAOLO SORRENTINO. NELLA FOTO MICHAEL CAINE. FOTO DI GIANNI FIORITO

Doutra banda, cabe dicir que os personaxes femininos son retratados como débiles, infantís, ou simplemente non teñen voz. Rachel Weisz ten dous traballos; filla e asistente de seu pai, Jane Fonda ataca a Harvey Keitel e négase a actuar no seu filme; mais posteriormente retráctase entre delirios nun avión, a masaxista non fala porque non ten nada que dicir. Por último, a esposa de Fred Ballinger é retratada nunha soa escea, reduncíndose a un silencioso grito.

Youth é nostálxica, trata o arrepentimento, a dozura e amargura que provén da conciencia das limitacións das nosas cortas vidas. Neste senso cabe destacar o antagonismo entre Ballinger e Boyle, mellores amigos con concepcións da vida moi distintas. “Que fai ó longo do día, Fred? Dinme que son apático, por eso non fago nada.” Fred dase por vencido, non quere volver a lidiar con orquestas, e malia botar de menos o seu traballo, o único que fai é sentarse e simular que dirixe os sons provintes dos cencerros que as vacas levan ao pescozo. Mick, en cambio, quere dirixir nun novo filme a Brenda Morel, ésta négase. “…sabes que vou a facer agora Fred? Vou empezar un novo filme. Dis que as emocións están sobrevaloradas, pero iso é mentira, as emocións é todo canto temos”.

De novo, semella que os personaxes de Sorrentino falan para nós. As conversas parecen máis monólogos que interaccións. Coma se os personaxes tiveran as palabras escritas en frente deles e están a esperar o seu turno para falarnos. Ademais, unha das cousas que destaco aquí é o talento do director italiano para incluír historietas paralelas que afrouxen a seriedade do filme e personaxes secundarios que nos sorprenden, como a nena que se dirixe a Paul Dano para falar do seu rol nunha película que apenas ninguén coñece.

Youth é unha sucesión de días nun luxoso hotel no que ricos e famosos se refuxian, días que comezan co timbre que soa para que os traballadores comecen a súa xornada e que rematan con concertos e espectáculos baixo as estrelas. Este é un deses filmes no que as ideas e as palabras son o prato principal, e as accións son o condimento. A palabra xuventude neste filme significa vida, saber vivir, xa que se un é capaz de mirar cara o futuro, manténse unha forma de xuventude. Youth é intensa e filosófica, reforzada por uns diálogos profundos e ás veces tamén inxeniosos, por unha fotografía excelente, unha banda sonora do talle de Mark Kozelek e pola beleza dos seus planos. Unha película que trata sobre a vida e a morte, a idade, a memoria, o pasado e o futuro, o compromiso e a traizón.

Comments are closed.