THE ASSASSIN, de Hou Hsiao-Hsien

Hou Hsiao-hsien volve ao cinema oito anos despois da súa anterior longametraxe. Atendendo á produción do director nestes derradeiros quince anos atopamos puntos de contacto cos filmes anteriores, xa que A asasina (2015) recupera a ambición formal de dúas obras tan pretenciosas como Millennium Mambo (2001) e Tempos de amor, xuventude e liberdade (2005), supón unha homenaxe a unha cinematografía (en principio) allea á súa pero de grande influencia no seu estilo como antes foron Café Lumière (2003) e O voo do globo vermello (2007) e serve de reflexión sobre a transmisión da tradición, como as curtametraxes para obras colectivas The Electric Princess House, en Chacun son cinéma (2007) e La Belle Epoque (1992), en 10+10.

A Asasina é un filme histórico adscrito á wuxia chinesa, consistente en relatos que combinan o melodrama histórico coas artes marciais, a espada, a bruxería e os heroes. O xénero, procedente da literatura, alcanzou un notable desenvolvemento no cinema e a televisión e, desde o notable éxito internacional de Tigre e Dragón (2000), semella que se converteu nun rito de paso cara á madurez para a meirande parte de grandes autores non só chineses (como Zhang Yimou ou Chen Kaige), se non tamén taiwaneses (Hsiao-hsien, Ang Lee) ou hongkoneses (Wong Kar-wai).(1)

Filme de arrebatadora beleza formal, A Asasina é unha contribución moi persoal ao xénero, resultando un filme por momentos moito máis achegado ao drama histórico que o director cultivaba nos anos 90 que ao resto de aproximacións á wuxia dos seus contemporáneos. Hou Hsiao-hsien confesaba nunha entrevista que quería facer un filme no que os personaxes non voasen, que non puidesen desafiar ás leis da gravidade. Este apego por manter os pés no chan afástao das fantasías de aventura que Lee e Kaige cultivan en Tigre e Dragón ou A Promesa (2005).

nie-yin-niang-20154

A precisa ambientación e reconstrución de escenarios históricos, a planificación e fotografía coidadas e detallistas e o traballo sobre a linguaxe e a enunciación fixeron que algúns acusasen ao filme de frío e esteticista. Pero a aproximación do director taiwanés non pretende epatar ao público mediante a espectacularidade das imaxes (como si pretenden facer os filmes de Yimou, Lee e Kaige) senón procurar unha atmosfera previa de veracidade que lle permita a buscar a espontaneidade e a naturalidade no momento da filmación.

O filme de Hou Hsiao-hsien baséase nun dos relatos máis célebres do escritor chinés Pin Xiang, Nie Yinniang (extraído dos seus Contos do Extraordinario) que narra a vida dunha rapaza secuestrada do seu seno familiar por unha monxa e adestrada para converterse nunha das máis grandes asasinas da época da dinastía Tang. O referente literario sérvelle ao director taiwanés de marco inicial a partir do cal expor a súa reflexión sobre a wuxia. O inicio, filmado en branco e negro, é unha transposición case literal do conto; o paso á cor marca o despegue do relato orixinal para introducir un novo desenvolvemento dos acontecementos máis preto da historia medieval chinesa. Mais, ao contrario do que acontece cos terriblemente reaccionarios filmes de Zhang Yimou, A Asasina é unha obra capaz de reflexionar sobre a morte en termos morais.

Mentres Hero (2002) xustifica o homicidio e o asasinato selectivos como método de protección social e A maldición da flor dourada (2007) deshumaniza ao soldados nas masacres (filmados máis como insectos que coma persoas), o filme que nos ocupa pon sobre a mesa unha seria reflexión sobre a lexitimidade de quitar unha vida, e precisamente se separa do seu referente literario na primeira negativa da protagonista a levar a cabo un asasinato que lle foi encomendado. Así, o asasinato non ten tanto que ver co feito de matar a alguén como coa observación, o estudo e o plantexamento de como, cando e por que debe morrer.

Os obxectivos das mortes que lle encarga a monxa á protagonista, as intencións políticas do gobernador militar de Weibo e os seus asesores, a identidade da outra asasina enmascarada apúntanse de xeito moi sutil. A escena central do filme ten lugar na cámara privada do gobernador Tian Ji’an e a súa esposa, vixiados pola protagonista do filme entre as luces tenues e os reflexos. Alén do espectacular efecto estético que acada Hsiao-hsien, o uso das cortinas e telas como elemento de distorsión da visión subliña a complexa trama de intrigas de corte, vixilancia e observadores silenciosos.

Así, o difuso triángulo entre o gobernador, a súa esposa e a asasina queda establecido e as decisións que cada uno deles tome terá consecuencias no ámbito persoal e político, xa teñan que ver con enviar á provincia a un posible conflito armado, asasinar unha concubina por asegurar a descendencia propia ou cumprir coa misión dun asasinato encomendado polo ben do imperio. Na mesma escena central podemos atopar unha prolongación da historia de amor entre as múltiples personaxes que Shu Qui e Chang Chen interpretan en Millennium Mambo e Tempos de amor, xuventude e liberdade, xa que a elección dos actores non semella casual.

Así A asasina mestura os conflitos entre a capital do imperio e as provincias, as intrigas de corte, o melodrama de corte moral e o metadiscurso sobre o propio xénero da wuxia en cada escena, sendo un filme de grande densidade discursiva cuxo minimalismo na posta en escena (alén dos decorados e vestiario) dá como resultado unha obra difícil, pouco obvia, áspera por momentos, pero moi xenerosa de cara a relecturas e novos visionados e cun discurso sobre as implicacións de provocar unha morte normalmente alleos non só ao seu xénero se non extensibles a case todo o cinema de acción oriental.

__________

1 Se ben Ashes of Time precede en máis de cinco anos ao filme de Ang Lee, a súa recuperación e remontaxe en forma de Ashes of Time Redux algo ten que ver coa aceptación da wuxia neste milenio polo espectador occidental.

Share SHARE

Comments

comments

Comments are closed.