The Florida Project, de Sean Baker

FLORIDA PROJECT DESTACADA

No ano 2015, durante o Festival de Cine de Sundance, o director Sean Baker acaparou todas as miradas coa estrea do seu rompedor filme Tangerine (2015). Rodada integramente con teléfonos iPhone, a película converteuse nunha das grandes sensacións do certame estadounidense. Nun primeiro momento, a proeza técnica da cinta ocupou case todos os titulares na prensa especializada. Porén, foron a súa historia e particular enfoque os que sinalaron a Baker como un dos directores máis prometedores do panorama independente. A película, que ten lugar durante a véspera de Nadal, retrata as desventuras dunha parella de prostitutas transexuais nas rúas de Los Ángeles, cun ton descarnado e cheo de contrastes que golpea ao espectador mentres o mantén pegado á pantalla. Despois da boa acollida das súas primeiras obras en Estados Unidos –Prince of Broadway (2008), Starlet (2012)-, a chegada de Tangerine supuxo para Baker un éxito e recoñecemento a nivel mundial, que fixeron depositar nel grandes esperanzas.

Non foi necesario agardar moito. Apenas dous anos despois, The Florida Project (2017) demostrou estar á altura das expectativas. Estreada na Quincena dos Realizadores durante o ultimo Festival de Cannes, foi unha das obras máis aclamadas da tempada. A pesar de non ter recollido tantos galardóns como cabía esperar durante o seu paso por festivais, a nova aposta de Baker deixa unha forte pegada alá por onde pasa, e parece destinada a converterse nun clásico instantáneo do cine independente. Escrita entre Baker e Chris Bergoch, colaborador habitual do director, a historia volve a tratar un tema de gran relevancia social: a inestable situación que atravesan milleiros de cidadáns e familias estadounidenses que non poden permitirse unha vivenda digna, recorrendo a moteis e aloxamentos temporais na periferia das grandes cidades (nalgúns casos como última alternativa antes de verse forzados a vivir na rúa).

A historia trasládanos ao motel The Magic Castle, situado nas aforas de DisneyWorld (‘o lugar máis feliz do mundo’), cuxo nome inicial ía ser The Florida Project. Nesta peculiar edificación, en forma de fortaleza e pintada nun excéntrico ton púrpura, viven a pequena Moonee e a súa nai Halley, de 6 e 22 anos respectivamente. Como ocorría en Tangerine, a crueza do tema colide directamente co glamour e a “maxia” ligadas aos espazos onde ten lugar a historia. A intención de Baker é poñer o foco nesta ambivalencia, precisamente para acentuar a ironía e o ridículo, e faino cun ton traxicómico que se adapta perfectamente a ese contraste.  Ao longo dun caloroso verán seguimos a vida destas dúas superviventes, que poñen cara a esa masa informe composta por “nómades forzados”, espallados por todo o país en establecementos de sorte similar. Mentres que Halley salta dun traballo precario a outro, coa esperanza de poder pagar o aluguer unha semana máis, Moonee pasa o día na rúa, xogando cos seus amigos, planeando falcatruadas, crecendo e adaptándose ao mundo que a rodea cunha curiosidade inesgotable e o aire resolto dunha nena afeita a coidar de si mesma. Ambas representan a outra cara do “soño americano”, unha especie de letargo para aqueles esquecidos polo sistema, que se ceba especialmente coas mulleres máis desfavorecidas.

FLORIDA PROJECT 1

O traballo do reparto é simplemente extraordinario, e constitúe a pedra angular sobre a que se edifica The Florida Project. A pequena Brooklynn Prince (Moonee), unha auténtica revelación que non pasará desapercibida, carga sobre os seus ombreiros co peso do filme. Os espectadores observamos todo a través dos seus ollos e a nosa experiencia está ligada de xeito indisoluble ás súas vivencias e aprendizaxe, tapizadas polo filtro da infancia. O traballo de Bria Vinaite, descuberta por Baker a través de Instagram, é outro deses milagres de casting que raramente acontecen pero que condicionan enormemente o resultado dunha obra. Nun papel tan complexo como o de Halley, esta debutante logra manexarse con solvencia e acadar unha química envexable coa súa filla na ficción, froito de longas horas de ensaio, unha magnífica dirección de actores e, por suposto, un talento natural. Coroando o apartado interpretativo encontramos a Willem Dafoe no papel de Bobby, o entrañable encargado do motel, que actúa como a voz da conciencia nun filme que nunca cae no moralismo. A crítica é unánime a este respecto: Dafoe entrega unha das mellores interpretacións da súa carreira, e colleita a maior parte das nominacións que recibiu o filme (Mellor Actor de Reparto nos Globos de Ouro, BAFTA e Oscar, entre outros).

A pesar do seu “reducido” presuposto e alcance, The Florida Poject foi elixida como un dos mellores filmes do ano polo National Board Review e o American Film Institute, e isto débese a unha completa suma de factores que fan dela unha obra memorable. Ademais do seu carácter reivindicativo e o citado traballo de reparto, a película crea o seu propio cosmos arredor dos espazos, as sensacións e as cores. A fotografía de Alexis Zabé, rodada en celuloide, logra compoñer un limbo sorprendentemente estético no que se dilúen tempo e espazo, dotando de luz e entidade propia a lugares que habitualmente viven á sombra dos focos. Pola súa banda, Baker imprime un ritmo óptimo á cinta, que non se caracteriza por un argumento particularmente dinámico. O guión está estruturado en base a situacións e diálogos, que non sempre fan avanzar a trama, centrándose nas personaxes, as súas circunstancias e as relacións entre elas. O filme aborda conceptos dolorosos como a pobreza, a crise e a fragmentación familiar, pero faino dun xeito natural e conmovedor a través da mirada dos nenos. A grandeza da película vive sobre todo no “subtexto”, neses fragmentos de información que os cativos reciben sen comprender, e que os espectadores debemos construír na nosa cabeza. Trátase probablemente da obra máis afinada de Baker e nela volve a ofrecer unha encomiable construción de personaxes femininas, así como das complexas relacións de amizade e conflito entre elas.

Habitualmente, cando a ficción trata certos temas e colectivos marxinais, moitos directores caen nunha actitude condescendente e paternalista cara os suxeitos que intentan retratar. Noutros casos, algúns realizadores pecan dun achegamento demasiado analítico a estas problemáticas, dende unha posición distante e carente de empatía, tratando ademais de impoñer a súa propia tese. Pola contra, a maior virtude de The Florida Project é o amor e respecto que amosa polas súas protagonistas. Ante un colectivo tradicionalmente invisibilizado, ao que se lle negan oportunidades e espazos, Baker aproveita os límites da farsa para deixar que as súas personaxes falen e se expresen con naturalidade. Achégase a elas dende o máis profundo humanismo (probablemente o trazo que mellor describe o seu estilo e dirección), aderezando a crítica social con intelixentes doses de humor e sarcasmo. Porque a pesar da dureza da súa temática, o filme tamén está cheo de risas, de tenrura, de inocencia… dunha ledicia tan pura como a que só experimentamos cando somos cativos, ao descubrir o mundo e transgredir as pequenas normas do noso universo infantil. The Florida Project non é só un filme, é unha fiestra á que asomarse para ver e entender outras vidas, tan real como só pode selo o cine.

THE FLORIDA PROJECT 3

Comments are closed.