THE FRENCH KISSERS, de Riad Sattouf

Unha vez máis, unha produción europea cunha loable folla de servizos chega cunha notable dilación ás nosas pantallas. Nin tan sequera o seu grande rendemento na billeteira gala, un César á mellor ópera prima ou a súa presenza na sección oficial de Xixón no 2009 foron o suficientemente consistentes para reducir este lapso de demora a un punto máis lóxico. Por outra banda, aínda que a súa natureza e o seu público obxectivo máis evidente pareza moi acorde coas tendencias industriais dominantes (¿impostas?), non se trata en absoluto dun prefabricado de tipo hollywoodiano, senón que conta cunha personalidade bastante forte que non a afasta da hipotética simpatía dese abstracto e artificial “gran público”.

Unha xenuína (traxi)comedia de supervivencia urbana adolescente que demostra, en primeiro lugar, que toda esa selva global de freaks, geeks, nerds, misfists e demais taxonomía urbanita moderna, non é só patrimonio fílmico dese espectro cada vez máis amplo da produción norteamericana que aquí adoitamos englobar baixo o termo de “cine independente”, por moito que o seu ton, tratamento estético e selección musical (non tanto a súa sensibilidade) destilen unha inevitable influencia deste xa recoñecible e constituído subxénero, moi prolífico naquela(s) industria(s). Aínda que foi o mundo anglosaxón quen comezou a denominar, clasificar e representar comercialmente esta ampla, difusa e non tan recente realidade antropolóxica, a verdade é que sempre existiu de seu en toda-las sociedades, xa non só occidentais, coas súas realizacións particulares, e non unicamente como consecuencia da influencia sociocultural anglofalante, con movementos e tendencias de desenvolvemento propio e autónomo.

Mediante esta fauna, tan tópica e recoñecible, e ao mesmo tempo tan representativa e reveladora, o relato reflicte unha auténtica pirámide social, moi carente de invitacións aos niveis inmediatamente superiores, erixida sobre o único concepto de validez socialmente aceptada nos corredores de instituto: a popularidade, a coolness, que atendendo a un seguinte nivel, non se aplica soamente á esfera xuvenil. Un sistema de castas non escritas, de ascenso arbitrariamente dificultoso, pero que agocha profundas inseguridades e complexos en todos os seus andares, de arriba a abaixo. Lonxe de converter esta “orde social”, percibida polos seus actuantes como inamovible e perpetua, nun inferno en vida para os da parte de abaixo, o cineasta opta en todo momento pola comedia e a aventura, e así, precisamente esas tentativas de escalada, aínda que inicialmente se antollen imposibles, transfórmanse, ao mesmo tempo, nun interesante reto, un “a por todas” sen importar o risco de colisión e sinistro total.

O filme chega dous anos tarde á carteleira española, a pesar da súa visibilidade en festivais como Xixón

RODANDO O DESPERTAR SEXUAL

Esas propias barreiras trocan en desafío, en obxectivo, na verdadeira viaxe do heroe, unha traxectoria unidireccional, permanente e cotiá que percorren os protagonistas, inadaptados de inesperada valentía, sen (case) nada que perder, sen medo a nada. Un proceso completamente paralelo á súa transformación interior, universal, independente da popularidade e o lugar na pirámide. A puberdade, o despertar sexual e os ritos de paso da adolescencia constitúense como o maior e principal conflito, por riba incluso desas dialécticas de aceptación (dende dentro e dende fóra) e autoestima. De feito, a natureza sexual e erótica (dentro dos límites do target e a industria) está presente dende o seu mesmo título internacional, que denota a impoñente presenza visual, o coidado detallismo e ata o fetichismo co que se trata a anatomía humana, o contacto físico, os bicos, a interacción sexual e mesmo a pornografía, todo baixo a (relativa) inocencia e o preciosismo da mirada dun adolescente curioso e larpeiro.

En definitiva, dous procesos simultáneos e complementarios aos que o resto de conflitos, subtramas e elementos fican habilmente subordinados. O escenario distínguese dos habituais e tentadores recunchos suburbanos e grandes áreas metropolitanas, camuflándose nas realidades dunha urbe provinciana, moito máis hipertextual que diferencial, como inmellorable palestra para non restarlle ningún protagonismo aos personaxes nas súas aventuras/desventuras do día a día. Así como a mestura étnica, tratada de xeito moi natural, como un aspecto completamente normal e cotián, sen destacar por riba de nada, mentres que os dramas internos das distintas unidades familiares, as únicas subtramas de certa consistencia, permanecen nun necesario e pertinente segundo plano, sen lle restar grandes ápices ao ton de comedia informal dominante.

Unha serie de ingredientes que poden elevar proximamente esta proposta, se non o fixeron aínda, a título de culto. Os relatos e argumentos deste tipo, cando se toman medianamente en serio, nunca están de máis. Malia que xiren sobre o mesmo, e parezan estar a contar constantemente a mesma historia, sempre aportan algo fresco e posúen maiores ou menores trazos de personalidade fílmica. Para o recordo, ese intrépido e desacomplexado Camel, o eterno compañeiro de falcatruadas, e o icónico rol reservado para a sempre brillante Irène Jacob, como pin up retro e doméstica.

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.