아가씨 (THE HANDMAIDEN), de Park Chan-wook

33-the-handmaiden-2

A ollada fragmentada

아가씨 (The Handmaiden, 2016) supón o retorno do cineasta coreano Park Chan-wook logo da súa aventura americana. Se Stoker (Park Chan-wook, 2013) supuxo unha decepción para os seus seguidores ao ser un filme moi coidado no visual mais absolutamente baleiro, a súa nova longametraxe demostra que Park non estaba falto de ideas, senón que o ríxido sistema estadounidense non lle deixou desenvolver esa obra nos seus propios termos. De volta á industria surcoreana, o autor decidiu enfrontarse a un dobre desafío: adaptar ao contexto histórico asiático a novela Fingersmith (Sarah Waters, 2002), ambientada orixinalmente na Inglaterra victoriana, e presentar aos seus compatriotas un filme erótico nunha industria coñecida polos rigores da súa censura. Por desgraza, o futuro de Park Chan-wook perfílase agora incerto por mor da súa entrada na lista negra do goberno surcoreano, destinada a impedir que os artistas que alzaron a súa voz contra o estado reciban novas axudas para as súas creacións.

Ao estilo de 羅生門 (Rashōmon, Akira Kurosawa, 1950), mais dende unha perspectiva completamente distinta, o filme divídese en tres partes para narrar os puntos de vista do seus tres protagonistas: a doncela que dá nome ao filme, a moza xaponesa adiñeirada e o Conde Fujiwara, que argalla un plano para arrebatarlle a esta última a súa fortuna. A través dunha serie de reviravoltas, a complexa trama de relacións e sentimentos enfrontados irá desvelando un relato sobre a pobreza, a soidade, a perversión e o voyerismo.

Para darlle unha nova capa de profundidade á fonte literaria, Park sitúa a trama do filme na Corea dos anos trinta, nun tempo convulso no que o país se atopaba baixo o xugo da colonización xaponesa. Por iso, Hideko, obxecto da estafa na que se centra o filme, convértese nun dobre inimigo, posto que a súa riqueza e a súa nacionalidade lembran as miserias ás que os protagonistas coreanos se viron e se ven sometidos.

33-the-handmaiden-3

Con todo, no universo cinematográfico de Park Chan-wook nada é tan sinxelo como semella no primeiro momento, e o que se presenta como un fraude aparentemente doado adquire unhas ramificacións insospeitadas. Baixo este prisma, The Handmaiden encaixa á perfección na narrativa da violencia á que o cineasta coreano nos ten afeitos, malia que neste caso a súa depuración visual acada novas cotas cunha estética tan exquisita como salientábel. O traballo do seu director de fotografía habitual Chung Chung-hoon e da súa directora de arte Seong-hie Ryu son impecábeis, achegando como resultado unha belísima imaxe do grotesco. O guión, que asinan de forma conxunta o propio Park Chan-wook e maila guionista Chung Seo-kyung, coa que o cineasta xa traballara en 친절한 금자씨 (Sympathy for Lady Vengeance, 2005), 싸이보그지만 괜찮아 (I’m a Cyborg, But That’s OK, 2006) e 박쥐 (Thirst, 2009), merece, sen dúbida, unha mención especial: a súa estrutura é unha delicia, mais son a sensibilidade na construción dos personaxes e a fragmentación da información as que fan que o relato flúa e se retroalimente continuamente ante os nosos ollos con novas connotacións.

O filme funciona como un xogo de miradas, un acto de voyerismo a distintos niveis que se van sumando para dar complexidade ao relato: o patriarcado asfixiante, a pobreza subxugante, a lascivia grotesca, o desexo oculto e os ciúmes inesperados. Os personaxes axéxanse entre si, mentres que nós nos convertemos no espectador último dunha historia que se basea na observación obxectualizada do outro. Sustentada na imaxinaría e a narrativa erótica do Xapón dos séculos XVIII e XIX, The Handmaiden saca o máximo partido a este xogo de aparencias a través do que din e, fundamentalmente, do que o seus tres protagonistas calan: a actriz Kim Min-hee, coñecida en España polo seu traballo en 지금은맞고그때는틀리다 (Right Now, Wrong Then, Hong Sang-soo, 2015), a estrela Jung-woo Ha – 추격자 (The Chaser, Na Hong-jin, 2008), 황해 (The Yellow Sea, Na Hong-jin, 2010) ou 암살 (Assassination, Choi Dong-hoon, 2015)– e a debutante Kim Tae-ri no papel da serventa.

The Handmaiden é sen dúbida o filme máis perfecto de Park Chan-wook, un mosaico fermosamente cruel que lle valeu o Premio Vulcan para a súa directora de arte no Festival de Cannes e o Premio do Público no Festival de Sitges, e que vén demostrar que o particular e perverso universo do cineasta aínda ten moitas faces que desvelar.

Comments are closed.