THE HUMAN VOICE, de Pedro Almodóvar

Vin formigón e plástico e moito vermello, moito vermello.  E presenciei a dor, a desesperación, a rabia, o odio, o amor, a resignación e o esforzo por quererse a unha mesma outra vez e empezar de novo e saír adiante. E sorrín, e púxoseme o corazón brando e atopei o cine, o cine alí dentro metido. E admirei cada plano, e quixen poder parala e volver vela e poñela amodo e poder ver todo outra vez, mil veces. Porque todo é especial e fermoso, e del, e dela, á súa maneira, á dos dous. E pasou só media hora e sentín moita cousas e saín do cine Numax feliz para todo o día. 

A lingua é unha cuestión de identidade absoluta. É difícil imaxinar a obra de Pedro Almodóvar falada noutro idioma que non sexa o español, por máis proxección e percorrido internacional que teña. Porque el é o cinema español. Porque Pepi, Luci, Bom y otras chicas del montón (1980), Todo sobre mi madre (1999), Mujeres al borde de un ataque de nervios (1988), Hable con ella (2002), Dolor y gloria (2019) e o resto de películas que conforman a súa longa filmografía convertéronse nun símbolo e representación clara de cultura, de vida e de liberdade neste país. É por iso que cando se fixo público que Almodóvar estaba filmando en inglés, unha preocupación, aínda que fora pequena, comezou a xerarse. Sabíase que antes ou despois o director daría o paso pero, seguiría sendo o mesmo? E non só non defraudou, senón que demostrou, unha vez máis, o que é ter talento e maxia para facer cine. 

The Human Voice presenta unha adaptación libre do monólogo teatral homónimo de Jean Cocteau. Protagonizado por unha Tilda Swinton brillante, que encarna a unha muller desfeita polo abandono do seu gran amor pero sen perder en ningún momento as forzas para saír adiante. Ruda e fráxil ao mesmo tempo, desprázase por un fogar decorado ao detalle pero desprovisto de teito, “decapitado”, deixando contemplar así cada un dos seus movementos nesta falsa morada. Mentres, atende a unha chamada telefónica co seu amado, na que podemos apreciar, a través do seu monólogo impecable, como se derruba e desconfigura con cada palabra. Almodóvar explota ata a obsesión (como sempre) a dirección de arte e o vestiario neste filme. Consigue que queiramos poder velo a cámara lenta para poder apreciar todos os detalles e referencias á perfección. Xoga esta vez tamén co espazo, aproveitando esta adaptación teatral para converter a película case nunha representación teatral filmada nunha escenografía real da que mostra ao espectador todos os seus segredos.

Parece que Pedro Almodóvar non quere soamente experimentar e traballar de xeito distinto pero sen perder a súa esencia neste traballo, senón facer unha declaración de intencións respecto ao mundo da curtametraxe. Demostrando deste xeito que este tipo de formato ten valor e pódense facer cousas marabillosas a través del. É así como nos 30 minutos de duración da peza constrúese e destrúese un universo de maneira exemplar, sen problemas de tempo e sen deixar ao espectador cunha sensación agridoce, senón agasallándoo cunha dose perfecta de bo cine. Poderíase dicir que, The Human Voice, convértese nunha obra de gran importancia na filmografía do manchego e deixa con ganas de máis, de saber que pode seguir ofrecendo a través deste mundo curto pero intenso e magnífico.

Comments are closed.