THE KILLING OF A SACRED DEER, de Yorgos Lanthimos

The Killing of a Sacred Deer 2

O cinema do director grego Yorgos Lanthimos é difícil de catalogar. As primeiras novas da súa obra –inquietante, inquisitiva, punzante e altamente codificada– chegáronnos con Κυνόδοντας (Canino, 2009), unha longametraxe que supuxo a primeira colaboración co seu coguionista Efthymis Filippou, e onde Lanthimos expuña as coordenadas dun cinema de estrañeza, violencia e incomodidade do que nos seguiu ofrecendo novos retrincos ao longo da última década. Con Canino, un contundente filme sobre unha familia disfuncional –por definir en poucas palabras un título absolutamente inclasificábel– o autor chamou a atención da crítica internacional logo de gañar unha chea de galardóns nos máis prestixiosos festivais de cinema, malia que o título que máis tarde poría o seu peculiar universo fílmico ao alcance dun público multitudinario sería máis ben The Lobster (2015). Con esta produción europea, Lanthimos pasou do retrato dunha familia sobreprotectora a ofrecernos a descrición dun escenario distópico atenazado polas ataduras e as imposicións sociais, coa principal diferenza de que neste caso rodou en inglés e cun elenco de primeira orde, encabezado por Colin Farrell e Rachel Weisz, sen renunciar, iso si, nin á violencia verbal que o caracteriza nin ao negrísimo sentido do humor dun espazo marcado por unhas regras tan precisas como devastadoras. Con claros referentes ao cinema de Michael Haneke e Andrei Tarkovski, Lanthimos e Filippou parecían determinados a explorar os recunchos máis escuros da psique humana. A súa última colaboración, The Killing of a Sacred Deer (2017), persevera nesta liña, malia abandonar a comicidade e para afondar nos códigos dun bizarro thriller no que volven contar coa presenza de Colin Farrell, desta vez na pel dun adiñeirado pai de familia atrapado nun dilema imposíbel.

Esta última obra presenta cambios notábeis con respecto ao resto da súa filmografía, como a aparente ‘normalidade’ do mundo que nos presenta nas primeiras secuencias, ou a elección dun título que revela a clave da narración, mentres que en ocasións anteriores este axudaba a reforzar a sensación de desorientación e desconcerto durante os primeiros minutos da metraxe. The Killing of a Sacred Deer funciona doutro xeito: Lanthimos ofrécenos un espazo aparentemente branco, limpo, se cadra demasiado perfecto, no que se consegue a sensación de desasosego grazas, dunha banda, ás interpretacións frías e monocordes dos seus actores, e doutra a un cambio de planificación na que os longos travellings e os extensos planos xerais convértense nun personaxe máis, nun observador omnisciente –un deus?– que anuncia que o que presenciamos está afastado de toda normalidade. Esta impresión converterase nun feito tanxíbel cando se anuncie o ‘sacrificio’ que se debe realizar, e os personaxes teñan que afrontar daquela as consecuencias dos seus actos.

O filme establece así unha conexión directa entre o mito grego de Ifixenia e Agamenón cunha reformulación desta historia, que semella deterse na representación do concepto de impunidade. No relato clásico, o rei Agamenón debe enfrontarse á ira da deusa Artemisa logo de matar un cervo da súa foresta sagrada e alardear desta fazaña: a divindade, a xeito de castigo, obrígalle a sacrificar á súa filla Ifixenia como ofrenda de arrepentimento, para evitar así que a desgraza caia sobre o seu pobo. Lanthimos e Filippou, pola súa banda, revelan dende o inicio a existencia dunha afronta que debe ser paliada cun sacrificio, polo que o filme xira arredor da necesidade de descubrir cal foi o crime e quen pagará por el. As conclusións, no entanto, non serán simples, como ocorre en todo o cinema deste tándem, de xeito que unha vez que se resolve o primeiro misterio –a falta cometida por Steven (Colin Farrell)– o espectador terá que dar un paso máis alá.

The Killing of a Sacred Deer 3

Lanthimos ten recalcado en distintas entrevistas que quería que o hospital fose de última xeración: un lugar limpo e impecábel con tecnoloxía punta, un centro sanitario de elite. Como é posíbel que o alcoholismo de Steven non fose descuberto neste contexto? Como pode un erro médico de semellante calibre non ter consecuencias? Que facer, en definitiva, cando falla o sistema? The Killing of a Sacred Deer desprega a xeito de resposta un mundo de regras estritas onde a normalidade se interrompe e unha forza extraordinaria actúa como mecanismo para volver equilibrar o sistema danado. A longametraxe de Yorgos Lanthimos convértese así nunha análise da alma humana, nun relato onde se expón como reaccionamos e nos recuperamos do indicíbel, tal e como se anticipa no arranque do filme cun primeiro plano dunha operación a corazón aberto, é dicir, coa presentación dun acto brutal, anormal e descarnado que cambiará as vidas dos implicados para sempre.

Con pulso firme e unha planificación fría e distante, acorde coas interpretacións dos seus actores, o autor grego volve atrapar ao espectador nunha narración hipnótica chea de preguntas e carente de respostas. O seu cinema é de fácil acceso, no sentido de que é posíbel comprender de xeito inmediato as regras do seu universo, malia que a orixe do conflito ou a procedencia dese misterioso determinismo fican fóra de toda comprensión. Quen é Martin (Barry Keoghan)? É unha reencarnación de Artemisa ou só un adolescente estraño dotado momentaneamente de poderes sobrenaturais? Lanthimos asegura que nos seus guións nunca oculta información ao espectador, e que a falta de resolución de determinados conflitos se debe a que el mesmo descoñece a resposta a certos enigmas. El só presenta as partes que coñece deste universo: un momento concreto, determinado polo quebrantamento das regras establecidas polos propios personaxes.

O cineasta nin sequera ofrece información aos actores sobre o pasado dos seus personaxes. Deste xeito, a ambigüidade tamén alcanza aos intérpretes, que se converten en vehículos baleiros para a posta en escena dunha idea. Por iso se evita toda caste de emoción, empatía ou arrebato: porque se trata dun traballo puramente físico no que a eliminación emocional permite para afondar no que se mostra. Despois de todo, o cinema de Yorgos Lanthimos, igual que a obra de Michael Haneke, non só quere escandalizar e romper os esquemas mentais do público, senón que aspira a introducir unha sensación de inquedanza que acompañará ao espectador logo de ver o filme, e que lle fará reflexionar sobre cuestións como o significado das palabras, os lazos familiares, as relacións amorosas ou o sentido da culpa e da xustiza. Todo é posíbel nun mundo no que os conceptos están en permanente proceso de redefinición.

Comments are closed.