THE LIGHTHOUSE, de Robert Eggers

Ao menos unha vez ao ano, a prensa faise eco dalgunha oferta de traballo que promete estar ao cargo dunha illa, nalgún paraíso da Terra. E, ao menos unha vez ao ano, todos temos esa conversa na que imaxinamos esa paradisíaca vida, lonxe do ruído das cidades e absortos na convivencia coa natureza. Cousas do capitalismo, supoño. The Lighthouse xoga a absolutamente o contrario. Quizais por iso, por non vendernos un paraíso na Terra, a súa estrea retrasouse máis de medio ano desde o seu paso polo Festival de Cannes.

Partindo da chegada de dous homes a unha illa en Nova Inglaterra, o filme explora a relación entre o vello e bébedo fareiro Thomas Wake (Willem Dafoe), e o aprendiz (Robert Pattison). Co son da bucina do faro como única referencia temporal, a historia desenvólvese de forma repetitiva, nunha rutina digna de Sísifo onde axiña a saúde mental comeza a resentirse. O illamento, a imposibilidade de fuxir desa illa, e a repetición constante de tarefas e anécdotas do vello, comezan a minar ao aspirante que comeza a ter alucinacións. Mentres, no alto do faro, a luz corta o ceo tormentoso e chama co seu son repetitivo; unha chamada que só Wake, que ten no seu poder a chave do faro, pode responder. Unha chamada que para o máis xove convértese nun obxectivo, nunha obsesión.

O guión, escrito polo director e o seu irmán (Max Eggers), fala de ambición e de rebelión, sen deixar de lado temas como a homosexualidade ou desexo carnal. Sobre este último, non son poucos os símbolos fálicos que inzan o filme (pensemos no faro, por exemplo) ou as escenas nas que se retrata un tipo de masculinidade moi propia do século XIX que hoxe está xa superada. Nunha noite de treboada, os dous fareiros bailan abrazados despois de beber toda a noite, as miradas crúzanse e xérase unha tensión sexual… que é resolta nunha pelexa a puñadas. Poderíase criticar ao filme por só dar unha pincelada respecto a isto, mais non é un filme de amor o que estamos a ver, senón o descenso aos infernos e a loucura de quen está encerrado nunha illa.

Filmado nun durísimo branco e negro, a película atrae a nosa ollada precisamente por situar os seus referentes visuais nun cinema máis propio de inicios do século pasado. Axiña comezamos a atopar referencias na estética que nos remiten a Eisenstein, Fritz Lang ou a autores máis recentes como Kubrick. O formato do filme, case cadrado (1.19:1), constrinxe a imaxe xerando angustia no espectador, algo ao que tamén axuda o deseño sonoro, onde a constante choiva e o lamento repetitivo e tráxico do faro crean o ambiente escuro que o rodea todo.

Cómpre tamén salientar o traballo lingüístico de ter respectado un inglés arcaico e cuns acenos moi marcados, unhas construcións verbais que poñen a proba o oído e que rachan co que sabemos de inglés. Especialmente incribles son as secuencias nas que Pattison ou Defoe disparan monólogos nesa lingua xa desaparecida. Calquera dobraxe deste filme resultará nun filme novo, posto que The lighthouse só pode existir nese inglés recio e duro.

The lighthouse é, ao fin e ao cabo, un filme de terror. É por iso que o sobrenatural tamén ten espazo na cinta, dando paso a xiros ou aparicións lovecraftianas provocadas, ou non, polas alucinacións da soidade desta illa. O terror que se xera non é aquel que nos fará saltar do noso asento, senón o que irá medrando pouco a pouco en nós, arrastrándonos cara esta escuridade de altos contrastes onde o inevitable está cada vez máis próximo. A luz do faro cruzará os nosos horizontes, si, pero esta será absolutamente inalcanzable para nós. O tempo non nos redimirá, pero quizais sacie os nosos instintos máis primarios.

Pódese criticar que o filme é denso, pódese criticar que a historia é mínima, pódese, en definitiva, buscar todos os erros que un desexe. Porén, eu prefiro quedar cos acertos do que é o segundo filme dun director (xa quixeran outros firmar segundas obras así). Escollo quedarme coa angustia que me xera o filme ao facerme vivir esa estancia angustiosa nesa illa na que nunca deixa de chover. Escollo mirar con reticencia ás gaivotas, pois elas son as almas dos mariñeiros que morreron. Escollo, en definitiva, non presentarme a esa oferta de traballo que me promete o paraíso da soidade nunha illa, porque vin ao outro lado do cristal e fóra da sociedade son só un animal máis.

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.