THELMA, de Joachim Trier

eili-harboe-i-thelma-2f63f24b-5146-427b-8fd4-63e9d4745133

Despois da súa inmersión en Estados Unidos tras rodar en inglés e con actores xa afianzados en Louder than bombs (2015), Joachim Trier regresa á súa Noruega de orixe con Thelma. Seleccionada para representar ao país escandinavo nos Oscars, foi pasando varios festivais como o Mar de Plata ou Sitges, nos que recibiu boas críticas. Interpretada por moitos como unha reinvención de Carrie (Brian de Palma, 1976), Thelma ofrécenos unha mestura de xéneros, con forte contido de drama psicolóxico que acompaña con toques de thriller sobrenatural sen abusar de excesos nin efectos.

Trier constrúe a trama arredor do proceso do paso á idade adulta e o espertar sexual de Thelma, unha rapaza criada no seo dunha familia moi conservadora e relixiosa que apenas ten coñecemento da vida alén desa burbulla construida polos seus pais. O filme oscila entre a culpa e a represión, tanto sexual como emocional, neste caso provocada polo fanatismo relixioso. Fainos plantexarnos que sucede con todo aquelo que non sacamos, con todo o reprimido: e se iso se transformase en poderes sobrenaturais que, ao igual que as nosas emocións, nin entendemos nin controlamos?

Criada sen apenas distraccións ou diversións que se saíran do establecido pola súa educación conservadora, a protagonista atopa na universidade unha porta a un novo mundo de praceres e tentacións (entre elas, Anja, compañeira de universidade da que namora) que se autorestrinxe a causa das ideas que os seus pais gravaron nela.

Thelma-Joachim-Trier

Comeza aquí o autodescubrimento de Thelma, un duro proceso no que intenta fuxir das súas emocións, véndose invadida pola culpa de deixarse levar por algo que segundo a educación que recibiu é pecado. Joachim Trier amósanos isto con mestría empregando unha metáfora bíblica: o serpe, símbolo do pecado orixinal, que se lle aparece a Thelma en soños, nunha secuencia especialmente interesante a nivel visual. Estes soños e sentimentos espertan en Thelma fortes impulsos sexuais que reprime, á vez que descubre mentiras contadas polos seus pais, o que provoca que a súa inseguridade e o descoñecemento sobre si mesma aumente, descontrolándose aínda máis os seus poderes.

O final vaise achegando acompañado de planos cenitais pausados e varias imaxes de bandos de paxaros en contraste cun ceo que acompaña aos ataques de Thelma. Con moito uso do zoom lento, trier achéganos ás personaxes en planos contidos, fríos, intentando que manteñamos a mirada desde fóra. Unha estética bastante minimalista, facendo honra á súa nacionalidade.

Joachim Trier emprega un relato de fantasía e feitos sobrenaturais para falarnos dos efectos da represión emocional e sexual pero tamén é unha reflexión sobre o autocoñecemento. Ata o tramo final do filme, Thelma apenas sabe quen é ela mesma, e as poucas certezas que pode ter (o feito de estar namorada de Anja, por exemplo) non as acepta nin asume, o que fai que perda máis o control. Finalmente comprendemos que Thelma é unha descoñecida para si mesma. Alguén sen control sobre as súas emocións, marcada por unha forte represión e por unha culpa que provocaba o seu autorrexeitamento. Así, coñecendo os seus sentimentos, as súas emocións e deixando que estas se poidan desenvolver de forma libre, Thelma acaba aceptándose, un punto e aparte na súa vida; agora ela ten o control, aprendendo a empregar os seus poderes.

Thelma é un canto á liberación das emocións, unha condea á represión emocional e sexual e, sobre todo, á culpa. Non podemos obviar a incríble interpretación de Elie Harboe, quen, aínda con pouca experiencia ás súas costas, interpreta con total credibilidade a unha Thelma que ten un arco dramático enorme, comezando o filme contida, descoñecida para si mesma, infeliz e corroída pola culpa e a contención, e rematando liberada, tomando o control do seu desexo, da súa vida e das súas emocións á vez que dos seus poderes despois de soltar lastre.

Comments are closed.