TOIVON TUOLLA PUOLEN, de Aki Kaurismäki

The Other Side of Hope 2

Ler esta crítica na súa versión orixinal en portugués

É refrescante voltar de cando en vez ao cinema de Aki Kaurismäki. O seu mundo, atravesado por unha estética retro (mais sen o pastiche posmoderno ao que asociamos agora esa palabra), ancórase na vontade e na necesidade de dirixir o noso ollar naquilo que nos fai humanos. Ese lado humanista –que o cinema clásico converteu nunha postura política– fai do realizador finés unha caste de illa no medio da confusión xenérica do cinema contemporáneo. Os seus planos estáticos, as interpretacións secas dos seus actores, ou a forza da música como significante fílmico son sinais de que hai, de feito, outro lado da esperanza.

Neste filme, o cineasta achégase a un tema urxente, a vaga de refuxiados, centrándose na experiencia finesa de Khaled, un sirio que foxe da guerra. Para Khaled, o mundo colapsou desque súa irmá desapareceu camiño de Helsinqui. A súa imaxe de presentación, cuberto de carbón, suxire que Khaled xa só sobrevive. Mazdak, un amigo que encontrará nun centro de acollida, diralle que, para entrar no sistema, ten que ser abertamente positivo. Mais Khaled non resiste –o sistema xudicial finés determina a súa deportación– e a súa única oportunidade é fuxir.

The Other Side of Hope 3

Kaurismäki chega a través de vieiros inescrutábeis ao núcleo do relato: o encontro improbábel entre personaxes opostas. Khaled se atopará deste xeito con Waldemar Wikström, un finés recatado que acaba de mudar de vida – deixou a muller, gañou unha fortuna xogando ao póker e mercou un restaurante. Wikström non é un finés de corazón doce, e a súas sucesivas tentativas de relanzar o restaurante fracasan, mais aínda así, para sorpresa de todos, acollerá a Khaled. Para Kaurismäki, o fondo humano é inesgotábel, malia os sinais, cada vez máis evidentes, que indican xusto o contrario – como as accións do grupo Finland Libertation Army, que aterroriza aos refuxiados. É como se o cineasta amosase constantemente o lado escuro do mundo, para despois ofrecernos tamén algo de luz. A vida constrúese a partir desta tensión nunca resolta. Resta, no final, a tenrura dun irmán pola súa irmá e o reencontro de Wikström coa súa muller. Malia todo, aínda hai esperanza.

Ler esta crítica na súa versión orixinal en portugués

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.