TORRES & COMETAS, de Gonçalo Tocha

Le este artigo na súa versión orixinal en portugués

Entre xuño e xullo de 2012, Gonçalo Tocha e Dídio Pestana estiveron en Guimarães, convidados pola área de programación de cinema e audiovisual da Guimarães 2012 Capital Europea da Cultura, para rodar unha curtametraxe. Para alén de “ver”, “ouvir” e “vivir” a cidade, os dous artistas foron desafiados para facer un filme sobre a praza do Toural, un espazo icónico e afectivo para a cidade clasificada pola UNESCO como Patrimonio Mundial da Humanidade, e que ao longo do último século sufriu diversas renovacións urbanísticas. Guimarães é popularmente considerada “cidade-berce” ou “berce da Nación”, por aí teren ocorridos os primeiros acontecementos políticos e militares que estarían na orixe da independencia e da fundación da nacionalidade.

O filme comeza con imaxes históricas do Toural, imaxes que documentan as diversas configuracións urbanísticas do espazo desde finais do século XIX até a última intervención concluída en 2011: “(…) A mutación da cidade. A historia edifícase, todo muda. Castelos que aumentan, igrexas por aumentar, murallas que desaparecen, estatuas que mudan de sitio, fontes que mudan de sitio, rúas que mudan de nome, xardíns que desaparecen”, como sintetiza o propio Gonçalo Tocha, que divide a narración do filme en permanente diálogo con Dídio Pestana. O propósito parece ser tentar comprender de que forma o presente foi sendo moldeado polo pasado e de que forma as seculares tradicións da cidade influencian o cotián dos seus habitantes e viceversa.

A primeira vista, encóntranse diversos puntos de contacto entre estre traballo e os dous anteriores do mesmo dúo: a ópera prima Balaou (2007), rodada en homenaxe á nai de Tocha, falecida algúns meses antes, que propón unha viaxe pola terra natal da familia do realizador na illa de San Miguel (Azores); É na Terra não é na Lua (2011) é o diario de viaxe de Gonçalo Tocha e Dídio Pestana pola illa do Corvo, a máis pequena do arquipélago azoriano (17 km2 e 430 habitantes), coa misión de “filmar todo o que alí pasa”.

Con Torres & Cometas, a filmografía de Tocha presenta tres diarios de viaxe que documentan as experiencias sensoriais e afectivas sobre espazos e comunidades das cales pouco coñece mais que despertan a súa curiosidade e interese. O filme funde fórmulas de diversos “xéneros” documentais, coma o documental de lugar, a autoficçión ou o documental etnográfico, pero máis que da obxectividade dos feitos propia das expedicións científicas, Tocha quere sobre todo coñecer os ollares subxectivos dos habitantes locais. Máis que pola historiografía, Tocha interésase por coñecer os “desvíos históricos” á narrativa consagrada, os discursos populares oídos á marxe dos discursos oficiais, as historias escondidas, os supostos milagres (coma o de D. Afonso Henriques), as rivalidades identitarias ou os enigmas (coma o do nacente de auga da montaña da Penha).

Tocha non quere ouvir historiadores, antropólogos, xeógrafos ou etnógrafos. Prefire ouvir e dar voz a diversos habitantes locais, curiosos e entusiastas coas pequenas historias da historia da cidade. Mais nunca deixa a narrativa á deriva. E por iso é que o filme está cheo de episodios onde é enorme un desexo de ficción ou de dramatización: as declaracións sobre a nunca construída torre da Basílica de São Pedro ou sobre a recalcificación da Torre da Alfándega, a espera polo “milagre” que resolva o suposto fallo técnico na captación de son en São Torcato ou o aparatoso momento musical protagonizado polos Minhotos Marotos. Tamén hai dúas escenas anecdóticas protagonizadas por un carriño de bebé desgobernado, como facendo unha referencia ao Acorazado Potemkin de Eisenstein, que tamén parecen subliñar a importancia que pequenos episodios humanos poden desempeñar na comprensión da “grande” historia.

Mais Guimarães é probabelmente a máis histórica das cidades e vilas portuguesas. E Tocha non pode contornar as iconas turísticas: comeza o filme no Toural, pasa polo Castelo, pola estatua de Mumadona Días (fundadora da cidade), polo busto de João Franco (último ditador da Monarquía, que, ao contrario do que Tocha afirma, non é vimaranense), pola inauguración da Plataforma das Artes e da Creatividade (a obra-legado da Capital Europea da Cultura), por unha tenda de ferraxes no Toural, pola tertulia dun ‘alfarrabista’ preto da Praza da Oliveira, polo Chafariz do Carmo, pola montaña da Penha e o seu respectivo santuario, novamente no Toural para falar da Basílica de São Pedro, pasaxe polas festividades de São Torcato, regreso ao Toural e á súa Torre da Alfándega, un salto ao corazón histórico para o número musical nos antigos Paços do Concello e, por fin, a emblemática estatua de D. Afonso Henriques, o rei fundador de Portugal.

E o filme vive moito nesta simultaneamente tensa e divertida convivencia entre a historia – a “grande narrativa” – e as historias – “pequenas” narrativas – que poboan o imaxinario dos intervenientes. Esa ambigüidade acaba por resultar a favor do filme e crea empatía e complicidade.

E aínda resta o meta-filme, pautado polos diálogos de Tocha e Pestana. Unhas veces aparentemente inxenuos e fascinados, outras veces atrevidos e provocadores, o dúo vai relatando as súas impresións daquilo que ven e ouven, compartindo as súas dúbidas e certezas. Mesmo sen os catro anos de traballo de É na Terra não é na Lúa (dous de rodaxe e dous na montaxe), Tocha e Pestana aplican a fórmula a outro obxecto coas variacións necesarias ás especificidades do novo territorio.

Le este artigo na súa versión orixinal en portugués

Comments are closed.