Trote, de Xacio Baño

Hai case un ano, Ángel Suanzes publicaba en A Cuarta Parede un texto no que daba conta da produción que se achegaba para o 2018 e a súa relación coa lingua. O texto tamén servía para sinalar a grande produción que se achegaba neste ano que agora remata, ano no que o cinema galego (e en galego) seguiu a loitar por un espazo nas salas de cinema. Este é o caso de Trote (Xacio Baño, 2018), un filme do que se vén falando moito desde a súa rodaxe e que xa espertou hype en certos espectadores, algo que non é de estrañar posto que Xacio Baño vén sendo un dos creadores galegos máis potentes na realización de curtametraxes dos últimos anos.

Trote achégase a unha familia que acaba de perder á súa nai nun accidente de tráfico, do que a súa filla, Carme, tamén sofre secuelas. Porén, a historia non xira arredor desa perda familiar, senón arredor da personaxe de Carme, unha muller sempre descrita en función a un home: a filla de, a irmá de, a amante de. Trote é un relato moi actual dunha sociedade que somete ás mulleres, pero tamén é un berro que se ergue contra ela e loita por cambiala. Cun relato pausado, pero constante, Xacio establece un paralelismo entre esa liberación de Carme e a Rapa das Bestas, tradición galega na que se buscan aos cabalos do monte para marcalos e, despois, ser postos en liberdade; porén, Carme nunca puido gozar da liberdade, foi marcada xa desde o propio fogar: “estas son as túas tarefas”, “este é o teu rol”.

trote 02

Nunha entrevista, o director dicía que Trote vai de persoas que conviven coa súa parte animal; isto é algo moi claro na personaxe de Luís, o irmán, o fillo que volve á casa por causa da traxedia e que á súa chegada comeza a exercer de macho alfa, de dominante, ante a súa irmá que xa vivía nese fogar. Tamén a personaxe do xefe de Carme, a doutro macho que só é capaz de canalizar as súas emocións a través da violencia, física ou verbal, exercida sobre outros. Tamén estaría a personaxe do pai, ou a propia sociedade rural galega… Homes que loitan por, de forma activa, a través de accións e da violencia, ou de forma pasiva, mediante ameazas ou silencios, moldear a Carme a gusto de cada quen. A aldea é para ela o ‘curro’ dos cabalos, un lugar onde é sometida a múltiples intentos de derrube para marcala dunha ou outra forma.

Interésame de Trote, especialmente, a súa realización e como a cámara fragmenta o espazo creando unha sensación de desacougo. Xa nos seus filmes anteriores, Xacio Baño ten apostado por unha realización singular que busca anovar a forma de contar as historias; especialmente visual foi a aposta de Anacos (2012), onde a cámara rompe en diferentes partes que contan o mesmo relato con diferentes perspectivas. No seu último filme, esta aposta estética vai alén da imaxe e apoiase tamén no son, deixando que, en moitas ocasións, sexan os sons dunha billa, ou o respirar dun cabalo, os que ocupen os primeiros planos do filme. Sendo esta a enésima vez que un director galego se achega á Rapa das Bestas (algo que, nos últimos anos, xa fixeron Ignacio Vilar, Jaione Camborda ou Lois Patiño), Xacio consegue levar a súa historia alén das imaxes que xa coñecemos cara esa loita de forzas en primeirísimo plano.

Trote é un filme sutil, onde a virtude está no minimalismo que Xacio lle impón á historia. Porén, esa intención de minimizar os diálogos, de deixar a acción no fóra de campo, acaba xogando á contra. E é que, en todo momento, semella que hai secuencias da montaxe que quedaron na mesa, sen empregar, espazos baleiros nos que o espectador debe encher, en pouco tempo, coas suposicións de cada quen. Dá a sensación de que a hora e media de duración, a norma non escrita para “o cinema comercial”, é pouca para unha historia onde cada personaxe demanda un pouco máis de tempo en pantalla para poder comprender totalmente as súas idas e voltas, os seus cambios.

trote 01

Trote supón un paso máis no interesantísimo momento que vive o cinema galego. Despois da aparición en salas comerciais de Mimosas (Óliver Laxe, 2016), Trote irrompe no circuíto comercial coa vontade de rachar cos clixés de que non hai espazo para un cinema de autor nas salas. O filme vén a constatar, tamén, un cambio no paradigma do Novo Cinema Galego: unha vez reivindicado un espazo propio, especialmente dentro da experimentación, unha vez creada unha linguaxe anovadora do cinema, agora é o momento de crear un público. Non quere dicir isto que os filmes do NCG non tivesen público, mais é evidente que ese público era un público cinéfilo e habitual de festival. Cómpre non deixar de sinalar a importancia de achegarse aos públicos (novos e vellos), de difundir este cinema galego que comeza a ser xa unha realidade na oferta dos cinemas. Tamén é preciso que os espectadores poñan o seu grao de area, que deixen os patróns de Hollywood de filmes feitos en cadea, e que aposten polos produtos feitos con agarimo, dunha forma case artesanal (no sentido da implicación do cineasta na creación), e que se contan desde este recuncho do mundo e cara o que fitan desde Locarno, Berlín, etc.

Comments are closed.