ÚLTIMO CINEMA PORTUGUÉS: EXPERIMENTACIÓN FORMAL E NARRATIVA

Chandra Malatitch en 'Morrer Como Um Homem', de João Pedro Rodrigues

Na primeira década deste século, o cinema portugués reinventouse coa aparición de varios novos autores. Este novo descubrimento dun novo cinema saldouse con varias modificacións tanto nos modos de produción como nas escollas temáticas e cinematográficas. Visualmente, o cinema portugués foi, lentamente, transformándose e o panorama actual é, en moitos aspectos, distinto daquilo que era coñecido como cinema portugués.

Con todo, non deixa de ser necesario recuar á década anterior, xa que foi aí que estas mudanzas comezaran a sentirse de forma máis profunda e con impacto nunha nova xeración de autores. Antes de nada, estas alteracións son resultado dun novo contexto político e económico que permitiu un novo folgo financeiro e creativo. Nos anos 90 comezou a sentirse, como con máis profundidade, o impacto da adhesión de Portugal á Comunidade Económica Europea. Os fondos resultantes desta adhesión permitiran unha nova relación do poder político coas políticas culturais. E a marca máis seria desa mudanza foi a institución dun Ministerio de Cultura, en 1995, resultado da chegada ao poder dun partido de esquerda. Esa realidade xuntouse a un período económico moi favorábel e a un consecuente aumento e diversificación dos apoios concedidos ao cinema. Pormenor decisivo, porque o mercado portugués de cinema, como sempre aconteceu na súa historia, é un mercado totalmente dependente dos apoios estatais ao cinema.

Nunha primeira fase, aínda nos anos 90, esta nova realidade do país conduciu a dous fenómenos paralelos: por un lado, coas primeiras obras dun conxunto de cineastas máis vellos, como son os casos de Teresa Villaverde, Pedro Costa, Joaquim Sapinho ou João Canijo, por citar só os máis consagrados; por outro lado, froito da diversificación das formas de financiamento, apareceu, no reduto das curtametraxes, unha nova xeración de novos cineastas, apropiadamente denominados Geração Curtas1. Estes novos realizadores, no campo da curtametraxe de ficción, comezaran a afirmarse con ollares orixinais e cosmopolitas sobre a realidade portuguesa. Encóntranse neste grupo autores que iniciaran a súa carreira na segunda metade dos anos 90, nas curtametraxes: Marco Martins, Catarina Ruivo, Raquel Freire, Jorge Cramez, João Pedro Rodrigues, Tiago Guedes/Frederico Serra, Miguel Gomes ou Sandro Aguilar (unha vez máis citando os máis relevantes).

Podemos afirmar, por iso, con propiedade, que é este segundo grupo o que representa unha nova fronte no cinema portugués. Este grupo de autores beneficiouse, ao final da década dos 90 e no inicio do século, dunha nova fonte de financiamento: o apoio a primeiras obras de longametraxes. Iso posibilitou, desta forma, que todos eles tiveran oportunidade para se lanzar nun formato máis visíbel no panorama internacional en filmes de maior folgo narrativo e financeiro.

A pesar de ser, xa nas curtametraxes, denominados como unha xeración, a verdade é que este grupo de autores ten, na súa xénese, unha apreciábel diversidade, encontrándose distintas abordaxes narrativas, temáticas e cinematográficas. Nese sentido, non hai un corpo común, unha escola descifrábel e clara que agregue todos os realizadores. Haberá, con todo, determinadas cuestións que poden ser analizadas como o punto de vista conxunto nestes novos autores. Talvez a forma máis rápida dos xuntar sexa na maneira como, de feito, todos eles continúan unha tradición de cinema de autor, prestando aos filmes ollares individuais e cargados dunha visión de mundo, moitas veces dunha ética política sobre aquilo que filman.

En todo caso gustaríame facer algunhas consideracións sectoriais en relación a este grupo, sobre todo dividíndoos en dúas grandes tendencias: por un lado, un cinema con forte compoñente visual e estética; por outro, un cinema máis interesado na súa propia re-invención narrativa. A pesar de non ser unha división linear, mostra algúns sinais de predominancias cinematográficas.

Unha dimensión visual

Na primeira tendencia, o grupo está composto polos realizadores Marco Martins, Tiago Guedes/Frederico Serra e Sandro Aguilar. Estes autores, de proveniencias diversas, representan un cinema no que a dimensión visual gaña importancia (de feito unha importancia sen precedentes no cinema portugués). Cando falamos desta dimensión visual, estamos a acentuar unha práctica da cinematografía destes filmes en relación á forma como representan a realidade. Esta práctica non é allea á influencia da estética publicitaria que domina o panorama audiovisual portugués, mais tamén das novas capacidades técnicas de produción e pos-produción. Estes tres autores, cuxa diversidade narrativa tamén é comprobábel (probaran con diversas fórmulas narrativas, desde guións máis clásicos até historias en puzzle), filmaron o país a través dunha lente fotográfica estilizada.

Nuno Lopes en 'Alice', de Marco Martins

Nuno Lopes en 'Alice', de Marco Martins

No caso de Marco Martins, por exemplo, o caso paradigmático é a súa primeira longametraxe, Alice (2005), un filme que nos devolve un ollar sobre Lisboa, como nunca antes viramos: chuviosa, reenchida de azuis fortes e cunha predominancia dos planos longos, resaltando o dominio da arquitectura sobre a cidade e sobre o ser humano. Alice, con propiedade, é un filme sobre a resistencia do personaxe principal sobre a multitude, onde el procura, avidamente, a filla que desapareceu. Nas palabras de Vasco Cámara: “Lisboa deixa de ter a dimensión de escenario familiar e recoñecíbel que acolle ou crea personaxes. Isto é unha primeira vez no cinema portugués”2. Martins continuaría a súa visión da cidade con Como desenhar um círculo perfeito (2009), aquí nun ollar sobre unha familia disfuncional e un amor incondicional de dous xemelgos. De novo, a cidade aparece como unha inmensidade claustrofóbica. Sinálese que Martins ten mantido unha relación con outros artistas, que resultara no documental Traces of a Diary (2010) e na ficción Insert (2010).

Marco Martins ten unha actividade paralela realizando publicidade, así como o dúo Tiago Guedes/Frederico Serra. O dúo, durante a década, tamén nos trouxo un filme paradigmático: Entre os Dedos, unha narración mosaico, cunha grande variedade de personaxes, filmada en branco e negro, que nos mostra unha cidade de Lisboa periférica, onde os bloques habitacionais se aglomeran nunha paisaxe de cemento. A través dunha cámara solta, que nunca para (mais un desvío da linguaxe publicitaria), seguimos varias historias de distintos niveis sociais. O punto de partida é un accidente de traballo que conduce ao despido dun traballador da construción civil. Este despido causa un conflito familiar que é tamén o motivo narrativo das outras historias (onde a doenza e a memoria son temas determinantes). O dúo Guedes/Serra tamén realizou o filme de terror Cousa ruim (2006), así como outros traballos televisivos.

Finalmente, aínda nesta dimensión visual, xorde Sandro Aguilar, cuxo percorrido, mesmo na década dos 2000, ten sido sobre todo na curtametraxe. A Zona (2008) foi a súa primeira experiencia nas longas, mais continuou a obter logro con curtas como Voodoo e Mercúrio (ambas de 2010). O seu cinema é marcadamente visual “(…) proseguindo a súa pescuda sobre fragmentos de xestos e de situacións que constitúen a narrativa diaria das súas personaxes”3. Acentuado nos seus últimos filmes, Aguilar quere traballar naquilo que se designa como “narrativa parentética”4, colocando dous niveis narrativos: un máis documental, que se relaciona co espazo envolvente; outro máis ficcional, aproximándose a personaxes en determinadas accións ao tempo. Os filmes de Aguilar son tamén depurados, minimalistas. Nas palabras do realizador: “Eu teño a tendencia obsesiva por calquera cousa de síntese, de non usar máis do que é preciso”5. Por iso mesmo, os filmes de Aguilar teñen unha narrativa tenue, non marcada por acontecementos fortes. O autor, mesmo aínda con poucas experiencias nas longas, é xa unha certeza no panorama audiovisual e ten sido chamado para retrospectivas especiais da súa obra en varios festivais internacionais.

Da re-invención do cinema

Este novo grupo de realizadores ten, como xa referín, outro polo, máis próximo a un ollar re-inventivo sobre as convencións narrativas. Saen, así, proxectos arriscados que traen para o cinema portugués novas fórmulas. Foron de feito, os dous autores que aquí sinalamos as dúas puntas de lanza desta xeración, segundo publicacións internacionais, como autores a reter no futuro.

Aquel que máis traballo desenvolveu até hoxe foi João Pedro Rodrigues, xa con tres longametraxes na súa filmografía. Rodrigues é, sobre todo, coñecido pola forma en que trouxo ao cinema portugués o cinema queer, entregando o protagonismo dos seus filmes aos ambientes máis marxinades do travestismo e das relacións homosexuais. Mais os filmes de Rodrigues sinalaron tamén aquilo que Susana Viegas viu como “o cinema corporal?”: “De acordo con Gilles Deleuze, o cinema corporal nace da exposición da relación entre pensamento e corpo, coa creación dun corpo cotián e dun corpo cerimonial (teatralización daquel), elementos que encontramos en O Fantasma6. En verdade, todos estes filmes asumen as ganas de devolver un protagonismo ás personaxes principais. Falamos d’O Fantasma (2000), Odete (2005) e Morrer Como un Homem (2009). Nas palabras de Mário Jorge Torres, “Rodrigues prosegue na senda de facer cinema de risco total, que non se confunde co de ninguén máis: orixinal, só na desequilibrada balanza de quen coñece os mestres e resiste á cinefilia fácil, “encerrado” nunha visión totalizante de pura materia fílmica”7.

João Nicolau, promesa do cinema luso

João Nicolau, promesa do cinema luso

O segundo autor que máis relevancia conseguiu nesta primeira década é Miguel Gomes. Autor dunha extensa obra de curtametraxes desde os anos 90, Gomes tornou en autor célebre polo logro internacional de Aquele Querido Mês de Agosto (2008), un filme inclasificábel que contamina o proxecto orixinal de ficción con secuencias documentais e até mesmo un making of do propio filme. Cineasta permeábel ós problemas dunha filmación, Gomes inventou un filme sincero sobre a zona interior de Portugal. Despois dese filme, foi tamén recuperada a súa primeira longa A cara que mereces (2004), un filme tamén este de difícil clasificación, mais que reinventa, con moita fantasía, unha historia dun home que non quere tornar adulto. Gomes, nos filmes de curta ou longa dimensión, proponos un xogo cinéfilo, recuperando unha relación dialéctica entre o realizador e o espectador.

Gustaríame finalmente sinalar, nesta segunda tendencia, o nome de João Nicolau. Aínda con só dúas curtametraxes (Rapace, 2005; Canção de Amor e Saúde, 2008) e unha longa (A Espada e a Rosa, 2010; aínda non estreada comercialmente en Portugal), o realizador xa ten un universo propio, un pouco debedor dos filmes de Miguel Gomes, mais que avanza nunha reinvención narrativa, a través de asociacións de ideas e da recuperación de memorias da infancia (como é no caso d’A Espada e a Rosa e os filmes de piratas). Será, tamén el, un autor a reter no futuro.

Consideracións sobre o futuro

O cinema portugués, actualmente, vive nun fráxil tecido económico, xa que o mercado cinematográfico, de momento, é demasiado exiguo para promover un cinema comercial (a mellor recadación dun filme portugués non permite recuperar o diñeiro investido). Desa forma, o cinema portugués vive ligado ao Estado e ás conxunturas económicas. Nese sentido, o futuro que se aveciña é problemático, fronte á crise mundial: o cinema portugués vai sentir ese impacto, que se traducirá en menos filmes producidos. Esta conclusión vén só reforzar a necesidade dos cineastas portugueses de continuar a producir filmes para unha audiencia máis vasta e mundial.

Sinais desa preponderancia están no cineasta portugués máis importantes da actualidade: Pedro Costa. A diversidade de locais onde a súa obra xa pasou é enorme: desde os Estados Unidos, pasando pola América Latina, Brasil, Europa e Asia. Se, por un lado, debemos recoñecer que, mesmo nestes locais, a súa obra é vista por unha minoría; polo outro, non deixa de ser moi importante o tipo de circulación que os seus filmes conseguiron. Mesmo nas temáticas ou na forma artesanal da súa filmación, Pedro Costa lidera o novo cinema portugués.

En todo o caso, todos os últimos autores do cinema portugués aquí revelados son, por iso, proxectos cinematográficos aínda nas súas primeiras dimensións, a pesar do recoñecemento internacional xa anhelado. Só promesas xa afirmadas e que nos prometen un futuro -polo menos- bastante diversificado e de calidade incuestionábel.

Ler e descargar o artigo na súa versión orixinal en portugués

_____

(1) SEABRA, Augusto M., Saudações às ‘Gerações Curtas’, en Geração Curtas – 10 Anos de Curtas-Metragens Portuguesas (1991-2000). Vila do Conde, Curtas Metragens, CRL, 2000.

(2) CÂMARA, Vasco. Lisboa, a Desaparecida, en Cinecartaz (cinecartaz.publico.pt), 2005.

(3) RIBAS, Daniel. O Futuro Próximo: Dez Anos de Curtas-Metragens Portuguesas, en RIBAS, D. e Dias, M., Agência, uma Década em Curtas. Vila do Conde, Agência da Curta Metragem, 2010.

(4) http://www.curtas.pt/festival/index.php?menu=18&submenu=662

(5) RIBAS, Daniel e DIAS, Miguel. Agência, uma Década em Curtas. Vila do Conde, Agência da Curta Metragem, 2010.

(6) VIEGAS, Susana. “O Fantasma” de um Cinema Corporal, en RIBAS, D. e FLORES, P. (ed.), Drama 2, Porto, APAD, 2009.

(7) TORRES, Mário Jorge (2009), Tempo para Amar, Tempo para Morrer, en Cinecartaz (cinecartaz.publico.pt), 2009.

Comments are closed.