Unha cinematografía seria (II)

JEDN en El cine amateur (1965)

JEDN: o cómico do cinema galego

(Vén de aquí)

A mostra de humor máis potente, ideolóxica e transgresora, é parte da produción amadora, da man do catalán afincado en Galicia José Ernesto Díaz Noriega ou JEDN. Ademais de “cineísta”, que era o nome que se daban a si mesmos os amadores cataláns, JEDN convertiuse nun mestre de cinema para toda unha xeración de mozos que querían facer filmes, tal e como recorda Miguel Castelo. Castelo lembraba nunha entrevista publicada n’A Cuarta Parede que Díaz Noriega non “estaba especificamente interesado na construción dun cinema nacional” senón que era un “permanente escrutador da realidade e un inventor de gags”. A súa produción, que comeza xa en 1935, coa curtametraxe Las ninfas de la charca, mantense ata finais da década de 1970. Aínda que entre a produción de JEDN hai imaxes tan serias como as tomadas nun cárcere franquista, despois “recuperadas en 2005 polo cineasta húngaro Péter Forgács dentro do proceso de realización El perro negro: Stories from the Spanish Civil War (2004)”, tal e como indica Xan Gómez Viñas, a meirande parte da súa produción está constituída por pezas cómicas. Os seus filmes teñen un fío argumental mínimo, que serve para crear unha estrutura dramática, peroo máis relevante do seu xeito de traballar o humor visual é a continua inserción de gags, herdeiros das trucaxes de Meliès, o uso do humor verbal e de referencias da cultura popular, tiradas da música e da publicidade e da linguaxe política da época, e a súa homenaxe ao “Lubitschtouch”. O de JEDN é un humor irreverente, disparatado, feliz e sarcástico, todo a un tempo, que manexa múltiples recursos para conseguilo, desde trucos visuais a, sobre todo, manipulacións na montaxe e na dobraxe de voces.

A valentía da súa proposta cómica fíxolle colleitar éxitos como o premio á mellor obra amadora no Festival de Cannes por Cine amateur (1965). Interpretada por el mesmo, a peza, rodada en Super 8, explica o proceso de creación dun filme amador. A banda sonora é un chotis con versos como “para hacer cine amateur / el aparato no has de mover”, mentres que nas imaxes, rodadas na cidade da Coruña e no domicilio do autor, se insertan fragmentos feitos coa técnica do stop motion. Un tutorial adiantado ao seu tempo que, ao igual que todas as actuais pezas amadoras, que ensinan de xeito informal a facer as máis diversas tarefas, pode verse en YouTube.

Porén, o afán provocador do seu cinema conseguiu efectivamente provocar aos poderes fácticos. O seu filme Al-Nasr Altair (1969), un encargo para facer unha peza documental sobre a homenaxe de Carballo ao Tenente Xeneral Eduardo Prado y Castro, rematou nos xulgados, onde JEDN reclamaba que lle aboaran os seus honorarios como autor. Con material filmado polo concelleiro da vila Felipe López Fernández e son grabado por outro concelleiro, Antonio Pérez Iglesias, o primeiro encargou a Díaz Noriega a montaxe cun “haz lo que quieras” de fatais consecuencias. Fiel ao seu estilo, JEDN crea un filme inclasificable, con chiscadelas a Berlanga, no que pon en boca de militares, prebostes e as súas señoras frases publicitarias como “El banco de Bilbao cree en los derechos de la mujer” ou diálogos inventados nos que un paisano ten “una enfermedad en la espina dorsal” ou un xeneral sentencia “España y yo somos así”.

A burla á autoridade comeza xa na propia elección do título do filme, Al-Nasr Altair, a constelación da aguia, que aínda que é unha frase de Álvaro Cunqueiro na revista Destino, tal e como explicaban Cuesta e Folgar (1983), é tamén unha irónica alusión ao título de aviador do tenente xeneral Prado e unha sarcástica referencia ao espazo de combate do homenaxeado, que brillara na guerra de Marrocos. Obviamente, o filme non gustou. Ou, mellor, desgustou e, tal e como relata Marcos Nine, gran admirador da obra de JEDN e autor dos documentais sobre a súa obra J.E.D.N. José Ernesto Díaz-Noriega (2006) e Pensando en Soledad (2006), “tras o visionado do filme ante o Pleno da Corporación Municipal o concelleiro, Felipe López Fernández non considerou que o contido de “Al nasr altair” fose o apropiado para agasallar  ó Tenente Xeneral”. Ademais, Prado non chegou a Ministro de Aviación, o motivo real dos fastos carballeses, e o filme, por tanto, xa non facía falta. Fronte á negativa a pagar os seus honorarios, o autor demandou a López Fernández, que foi condenado no fallo do xuízo a pagarllos a JEDN. Como indica Nine, trátase dunha “sentencia sen precedentes” pois recoñece a autoría como un dereito do demandante, porén denegaba a Díaz Noriega o acceso á copia do filme, que estivo agachada durante décadas ata reaparecer nunha lata rotulada coa etiqueta “Viaje a Bulgaria”.

Tamén outro dos filmes máis logrados de JEDN, Os suevos (1974) tivo problemas co poder. Xunto con outras pezas, foi secuestrada pola gobernación civil unha vez rematadas as Terceiras Xornadas de Cine de Ourense, onde fora exhibida. Unha vez máis, o humor incómodo cos poderosos de Díaz Noriega chamou a atención, desta volta xunto con outros filmes coetáneos. Os Suevos relata a crise de parella de Andrés e Mary Carmen, o matrimonio Suevos, filmada para celebrar o seu 25 aniversario, pero esta e un simple pretexto para facer un retrato cómico do seu entorno vital, do traballo de Andrés nun departamento do Ministerio de Agricultura, poboado de personaxes como os inmobilistas, que JEDN amosa conxelados na imaxe, ou o ambiente da universidade, á que Mary Carmen acede na cota de maiores de 25 anos, o que provoca o seu distanciamento do marido. Os numerosos gags visuais do filme, de novo, inspirados na cultura popular e na comedia cinematográfica clásica e primitiva, son disparos en todas as direccións: os hippies, os burócratas ou mesmo os cineastas galegos, representados polo medio dun personaxe que, no inicio do filme, censura a escena “pequenoburguesa” que JEDN está rodando son “vítimas” da agudeza do ollo de JEDN para tirar o humorístico da súa vida social. O filme, rodado case integramente en galego, amosa mesmo o conflito lingüístico cando Mary Carmen berra con Andrés por falarlle en galego á filla: “Un bico no, un beso!”. Seguramente aos Suevos, que se prestaron a esta mascarada, lles gustou máis o seu filme que á corporación de Carballo Al-Nasr Altair.

Manuscrito encontrado en Zarazwela: Nos fera tu la pugnete (1977)

JEDN leva á súa máxima expresión a súa técnica de sonorización no seu derradeiro filme, Manuscrito encontrado en Zarazwela: Nos fera tu la pugnete (1977), probablemente o filme máis divertido feito sobre a Transición. Nesta versión de Nosferatu (F. W. Murnau, 1922), o vampiro é Dráculas Navarro, Jonathan Harker é Jonathan Carolus, o príncipe herdeiro, e a súa namorada é Nina Democracia, que deberá deixarse chuchar o sangue ata que cante o galo para poder salvar o ducado de Franconia. Na versión de Díaz Noriega, Dráculas Navarro deixa encerrado a Jonathan no seu castelo, Meirás, mentres se traslada á capital na procura de corpos para consumir coa complicidade de Reinfield, Lopus. O resto de personaxes levan tamén alcumes que permiten identificar a protagonistas do período histórico e o seu rol na trama do filme é unha parodia do papel que xogaron no proceso do que JEDN  se ri ata o máis mínimo detalle. Empregando declaracións políticas que aínda perduran na cultura popular como os famosos “atado y bien atado” ou “la calle es mía”, o autor amador recompón o relato do período que vai de 1974 a 1976 dun xeito tan absurdo que case resulta máis veraz que unha crónica seria da época.

O cinema de José Ernesto Díaz Noriega é, por dicilo dun xeito tan relamido que dá pena, un canto de amor ao cinema e á vida, moi necesario nunha cinematografía tan seria como ten sido a galega ata a actualidade, e un xesto de ousadía ao rirse dos poderosos, o que debera constituír a auténtica misión do humor.

Referencias

Cuesta, Xoán; Folgar, Xosé Mª (1983). “José Ernesto Díaz Noriega, cineasta”, Grial, T. 21, nº 80 (abril-xuño 1983), pp. 142-154.

Gómez Viñas, Xan (2015). Do amateur ao militante: implicacións políticas e estéticas do cinema en formato non profesional na Galiza dos anos 70 [Tese de doutoramento], Universidade de Santiago de Compostela.

Moseguí, Noemí (2019): “Eloy Domínguez Serén. Director de Hamada”, Cineuropa, 28 de xaneiro de 2019. Dispoñible en:https://cineuropa.org/es/interview/365516/

Nine, Marcos (2018). “A película de autos”, Papeis da Academia. Dispoñible en: https://papeisdaacademia.org/a-pelicula-de-autos/

Paz Morandeira, Víctor (2013). “Hacer cine, rodar, es sufrir; un malestar permanente”, A Cuarta Parede, nº 17, 24 de setembro 2013. Dispoñible en: https://www.acuartaparede.com/es/miguel-castelo/

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.