VER A ESCURIDADE, ESCOITAR O SILENCIO: O CINE MINIMALISTA DE BAS DEVOS

Ghost Tropic (2019)

Podes ler a versión orixinal deste texto en inglés.

Cinco anos despois de presentar o seu prometedor debut en formato longo, Violet (2014), Bas Devos volveu ao circuíto de festivais estreando non unha, senón dúas novas longametraxes este ano. Nun lapso de apenas tres meses, a súa cinta Hellhole (2019) formou parte da sección Panorama durante a pasada Berlinale, mentres que Ghost Tropic (2019) foi presentada en Cannes. Un logro destas características non fai máis que confirmar que o particular estilo do autor belga, marcado pola poética visual, non pasou desapercibido na escena cinematográfica internacional. Por todo isto, non é de estrañar que a súa figura empece a formar parte de distintas retrospectivas como a que lle dedica este ano o Novos Cinemas de Pontevedra na súa cuarta edición (do 10 ao 15 de decembro de 2019).

Concibida durante a fase de posprodución da súa segunda longametraxe, Ghost Tropic presentouse por primeira vez ao público na 51ª Quincena de Realizadores de Cannes o pasado mes de maio. A película segue a Khadija (Saadia Bentaieb), unha empregada de limpeza de 58 anos que vive en Bruxelas, durante a única noite en 20 anos na que se queda durmida no metro. Ao verse obrigada a camiñar de volta a casa, Khadija empeza a vagar polas rúas de Bruxelas pedindo axuda aos estraños que se atopa ao seu paso. Rompendo a tradición de traballar co director de fotografía Nicolas Karakatsanis (I, Tonya), Devos logra manter o seu particular estilo cinematográfico grazas á súa colaboración con Grimm Vandekerckhove (Le Fidèle), que filma a película nun brillante 16mm. A parte deste cambio, o último traballo de Devos incorpora todos os elementos que estableceu como marcas de estilo ao longo de 14 anos de carreira (incluídas as súas curtametraxes). Diálogos escasos, amplos planos secuencia e unha fascinación polos espazos que habitan os seus protagonistas son algunhas das características principais do universo cinematográfico de Devos.

O propio cineasta recoñeceu que, dalgunha forma, Ghost Tropic pode considerarse a outra cara do seu anterior traballo, Hellhole. Mentres que Ghost Tropic presenta unha Bruxelas onde un pode atreverse a ser vulnerable, pedindo e ofrecendo axuda a estraños, Hellhole retrata unha imaxe un tanto diferente da capital belga. A cinta, cuxo título fai referencia a un comentario feito por Donald Trump, explora a situación de Bruxelas tralo ataque terrorista de 2016. A diferenza do formato 4:3 empregado en Ghost Tropic, que xera unha atmosfera máis íntima, Hellhole presenta un amplo 185:1 co que seguimos a tres protagonistas: Alba (Alba Rohrwacher), unha intérprete do Parlamento Europeo; Mehdi (Hamza Belarbi), un estudante adolescente; e Wannes (Willy Thomas), un médico ao que ambos visitan en diferentes momentos. Para todos eles, a violencia deixou de ser algo alleo que ven a través da pantalla dun televisor, senón algo real que poden chegar a tocar con só estender as súas mans. Todas as mañás, o medo á morte está presente cando viaxan no metro. Hellhole non busca explicar como sucederon as cousas, senón centrarse nas secuelas da traxedia e a forma na que os personaxes lidan coa morte ao seu redor, dentro dos espazos nos que viven confinados.

Hellhole (2019)

De feito, o loito aparece como un fío condutor en todas as películas de Devos. Violet, gañadora da sección Berlinale Generation en 2014, é en si mesma unha exploración das secuelas que deixa a morte, concretamente o apuñalamento dun adolescente nun centro comercial ante os ollos do protagonista, Jesse (Cesar de Sutter), de tan só 15 anos. Como espectadores, mantémonos distanciados do crime, observándoo de forma fragmentada a través das cámaras de vixilancia. O que realmente lle interesa a Devos é o proceso interno de Jesse, así como a imposibilidade de expresar os seus sentimentos aos seus amigos e familiares (quizais unha das razóns polas que que o director belga é parco en palabras). A narrativa principal vese interrompida polas imaxes distorsionados das cámaras do centro comercial. Do mesmo xeito, os sons aparecen silenciados de forma selectiva mentres Jesse trata de reconstruír os acontecementos e enfrontarse ao asasinato. Mediante o uso repetido desta técnica de información fragmentada, Devos subliña as súas intencións e a súa visión como director, que están presentes dende a súa ópera prima. Os espazos ocultos na escuridade, os personaxes aos que vemos como simples siluetas ou o concerto de Deafhouse onde soa Violeta baixo luces estroboscópicas, son algúns dos elementos clave que aportan o seu estilo persoal á película. A fotografía en 4:3 invítanos de novo a unha viaxe íntima a carón do protagonista. Outra das marcas de autor de Devos, os seus longos planos de 360 grados, tamén fan a súa aparición nesta película, igual que en Hellhole e as súas primeiras curtas.

Poderiamos dicir que We Know (2009) é a primeiro curtametraxe do director cunha narrativa definida, así como un uso efectivo e entrañable dos diálogos. A película explora as relacións pai-fillo a través dunha historia na que aparecen representadas tres xeracións, onde o amor filial é o tema principal. Nesta ocasión, Devos afástase da súa fascinación pola escuridade e opta por unha obra máis luminosa. A película non chega a tratar o tema do loito, aínda que o vínculo pai-fillo vese reforzado pola morte inminente do avó. Centrándose no máis novo dos tres personaxes masculinos, a cinta volve estar filmada nun formato académico.

En The Close (2007) dous irmáns baleiran unha casa no campo. Vemos como os dous personaxes gozan tocando xuntos a guitarra e almorzando sobre pezas de mobiliario que non coinciden. Esta é a primeira vez que Devos rompe lixeiramente o seu voto de silencio, xa que os dous irmáns intercambian brevemente algunhas palabras. Aínda así, seguindo co seu estilo característico, ningún dos diálogos ofrece pistas sobre o que está ocorrendo en realidade. Os planos son en xeral bastante amplos, e o único primeiro plano corresponde a unha silueta masculina aflixida, ao igual que na súa curta anterior.

Violet (2015)

En Pillar (2006), o limitado campo de visión está rodeado por unha escuridade enigmática, aínda que non aterradora. Accedemos a unha morgue e a unha casa que comparten o mesmo silencio sepulcral trala morte do fillo dunha parella. A casa está rodeada por un bosque, outro elemento que aparece de forma recorrente nos primeiros traballos de Devos: unha paisaxe silenciosa, que potencia o mutismo dos personaxes. Unha fogueira ardendo preto da casa e as risas afastadas de persoas descoñecidas son o único indicio de que a vida continúa. A cámara móvese lentamente, tratando de capturar todo o espazo habitado, incluíndo o seu baleiro e a súa escuridade, que reflicten o baleiro interior dos protagonistas. Os planos amplos evocan a sensación dun voyeurismo fantasmal, no que os espectadores asumimos a perspectiva do espírito do rapaz falecido. Unha vez máis, apenas hai diálogos. As cortinas non se abren ata o final da película, insinuando que talvez a parella comezou a superar a súa dor, deixando que a luz entre de novo na súa casa.

Na primeira curtametraxe de Devos, Taurus (2005), volvemos atopar un título bastante enigmático e a unha parella de irmáns. Thomas e Arne vagan polo bosque coa roupa manchada de sangue. Cando se pon o sol, camiñan de volta á cidade escondéndose dos coches e transeúntes que atopan ao seu paso. Antes de que Thomas chame á súa nai dende unha cabina telefónica, asegúrase de que Arne se desfai da arma que ten entre as mans. Todo indica que estamos presenciando as consecuencias dun acto violento, pero non sabemos quen é a vítima nin que ocorreu realmente. Os mozos parecen ser os autores dun asasinato (pode que dun pai abusivo ou dun animal salvaxe), aínda que nin sequera iso está claro. Devos garda case todo para si mesmo, e as únicas palabras pronunciadas na película son “ola” e os nomes dos dous nenos. As rotacións de 360 grados arredor dos protagonistas transmiten o seu medo e confusión, mentres que os cortes de montaxe suxiren unha falta de conciencia temporal e un estado mental nebuloso. Ambas técnicas aparecen reproducidas constantemente no traballo posterior de Devos.

De feito, cabe destacar a consistencia do realizador ao longo dos últimos 14 anos. Dende a súa primeira obra, é posible identificar un estilo propio en todos os seus filmes, que nunca chega a desviarse por completo. Aínda así, Devos non é formulista. Malia empregar un vocabulario similar en todo o seu traballo, a sintaxe nunca é a mesma. Precisamente é esta consistencia, e a súa confianza no estilo que persegue de forma consciente, o que distingue ao belga como un auténtico autor moderno. O cine minimalista e de ritmo lento pode non atraer a todo o mundo, pero aqueles que logren aprecialo veranse recompensados polas obras de Bas Devos.

Taurus (2005)

Comments are closed.