VIKINGLAND, de Xurxo Chirro
Vikingland (2011) é a creación dun dos axentes culturais e artistas galegos, Xurxo Chirro (A Guarda, 1973), máis activos e, de distintos xeitos, persoal e influínte, nos últimos anos. Chirro ou Xurxo González aparece avalado por unha labor teórica e de xestión, incidencia e animación cultural institucional máis que consistente (experto na obra de Manoel de Oliveira; programador e creador en 2008 dun orixinal festival, o Filminho; mente pensante activadora das medidas de apoio e difusión cinematográfica autonómica e estatal, con experiencia en diversos organismos ligados á Xunta de Galicia e ao propio ICAA), moi capaz de sobrepasar as lindes do conformismo e a asunción do statu quo.
Chirro acompaña esta labor dunha produción audiovisual propia –sempre- con deseño e moldes autoxestionarios. A última entrega vén de atopar un lugar idóneo para a súa estrea mundial: Chirro comparece nos vindeiros días na 21ª edición do Festival de Cine Documental de Marseille (FID), un dos grandes certames mundiais especializados, grazas á selección da súa citada longametraxe, Vikingland. Marsella permanece como un lugar emblemático da non ficción mundial, un certame que no seu avultado historial premia a cineastas esenciais, figuras da relevancia de Frederick Wiseman, Patricio Guzmán, Eduardo Coutinho, Péter Forgács, Jia Zhang Ke, Wang Bing ou Raya Martin.
Detectando á perfección as tendencias creativas da mellor non ficción contemporánea, convén fixar a atención en peza tan singular e ben entretecida. Vikingland, “idea e manipulación” a cargo de Xurxo Chirro, provén dun material acumulado alleo, produto das gravacións persoais do mariñeiro Luis Lomba ‘o Haia’, compañeiro de viaxe do pai de Chirro, e realizadas en Dinamarca e Alemaña entre outubro de 1993 e marzo de 1994. Unha inmersión moderna e un rotundo cuestionamento do (suposto) atraso estético audiovisual propio, un título pletórico e inzado de humor –retranca, unha perspectiva moi persoal e sen dúbida non asible polos obsesos do humor máis pretensioso-. Vikingland, transposición máis que libre do Moby Dick de Melville –incrusta unha estrutura narrativa dividida en once capítulos: Tripulación, Luis, Frío, Nadal, Vikingland, Traballo, Travesías, Cuberta, Xeo, Brancura, Epílogo- permite que Chirro engarce coa mellor tradición da remontaxe, procurándolle un novo sentido ás (sorprendentes) imaxes e fundindo con sagacidade diario, epístola, ensaio e apropiacionismo, ao tempo que artella un fresco discurso sobre a condición da mirada, o efecto de representación e as consecuencias do metarrelato.
Sostida sobre un dispositivo narrativo equilibrado –camiño cara á saudable abstracción segundo avanza-, o colosal demiurgo que é o Haia, carismático ladrón de miradas, obtén momentos de antoloxía –vid. o zapeo karaoke do camarote ou a cea de Noiteboa- e unha impresión de autenticidade e poesía non exenta de reflexión, que sortea hiperbólicos marcos teorizantes para acadar un goce multidimensional.
A obra de Chirro devén nun bo exemplo da universalización a través do particular. Precedido de notables -e coherentes- pezas, todas localizadas na súa zona de orixe, A Guarda, comeza coa divertida Os señores do vento (2008), enxeñosa exploración polas ramificacións do arte contemporáneo –para a ocasión o Land Art- e reconsideración da segregación das formas de arte populares. Prosegue coas contemplativas 13 pozas (2009), tributo a James Benning coa adición dunha dimensión lúdica e humorística inesperada, e 36/75 (2009), en tempos de regreso da memoria histórica, en boca do seu autor, unha “reflexión sobre a dificultade de lembrar, dos problemas da Historia, da significación dos espazos, da fraxilidade da memoria, da natureza documental e da vontade de esquecer dunha parte da sociedade que convive, sen querer darse de conta, en escenarios que testemuñan a barbarie”, unha ollada pavorosa á orixe das imaxes e as fontes do entumecemento da sensibilidade, crónica dunha sociedade crúa e (aínda) profundamente inmadura. En Cellular Movie (2010), preludio en abstracto da operación de metraxe atopada de Vikingland, Chirro testemuña a tarefa de reciclaxe sobre fontes ben distintas, neste caso imaxes científicas.
Nuns mundos, os da práctica e análise da creación, nos que dúas das eivas máis graves –a submisión e a carencia de humor- se manifestan constantemente, é moi de agradecer en Vikingland tanto o ton e afán subversivo –circunstancia mesmo manifestada nos créditos, co apoio institucional dun organismo autonómico xa desaparecido, a Axencia Audiovisual Galega, e a presenza da Casa das Atochas, espazo social radical epicentro de diversos movementos políticos e socioculturais, ambos mostra da (tentativa de) existencia de modelos de intervención alternativos- como a veta humorística, alonxada dos árbitros da moda e o bo gusto indies, vertendo unha posmodernidade ben casada mesmo con regustos, rexistros e discursos en torno ás identidades culturais que parecían (falsamente) superados.
Artigo relacionado: O cinema de Xurxo Chirro