VILA DO CONDE 2013: REI INÚTIL E GAMBOZINOS

O pasado mes de xullo celebrouse a vixésimo primeira edición do festival Curtas Vila do Conde, onde o gran premio do festival foi para a curtametraxe Carosello (Jorge Quintela, 2013). O noso colaborador habitual Paulo Cunha estivo seguindo a competición portuguesa durante varios días, e alí detectou unha serie de constantes que esta semana nos vai explicar ao longo de tres artigos consecutivos. O primeiro deles, que publicamos a seguir, sitúa as curtas Rei Inútil (Telmo Churro, 2013) e Gambozinos (João Nicolau, 2013) no ronsel da obra dun cineasta xa canonizado como é Miguel Gomes.

 Unha Certa Tendencia no Cinema Portugués Contemporáneo

 Ler este artigo na súa versión orixinal en portugués

A presenza de Rei Inútil e Gambozinos na competición nacional do Curtas Vila do Conde confirmou a boa saúde dunha tendencia que nesta última década semella estar en pleno proceso de consolidación dentro do cinema portugués contemporáneo. Filmes como Kalkitos (Miguel Gomes, 2002), A Cara que Mereces (Miguel Gomes, 2004), Rapace (João Nicolau, 2006), Tony (Bruno Lourenço, 2009), Canção de Amor e Saúde (João Nicolau, 2009) ou A Espada e a Rosa (João Nicolau, 2010) partillan unha mesma produtora, O Som e a Fúria, e unha serie de relacións persoais e profesionais: así, Telmo Churro foi asistente de dirección, co-guionista, script e asistente de son en filmes de Miguel Gomes, João Nicolau e Bruno Lourenço; Bruno Lourenço foi co-guionista e asistente de dirección en diversos filmes de Miguel Gomes e João Nicolau; João Nicolau, á súa vez, foi montador, co-guionista, director de fotografía e actor en varios filmes de Miguel Gomes; e finalmente o propio Miguel Gomes colaborou tamén con João Nicolau e sería o denominador común de todos estes nomes.

Sendo autores da mesma ‘familia’, cada un ten particularidades que o distinguen e semellanzas que o identifican: nun texto sobre Rei Inútil, o crítico Luís Miguel Oliveira subliñaba que “os ares de família (Gomes, Nicolau) são evidentes, no humor ou na relação entre a realidade e a sua irrisão” (1). De feito, a principal característica desta ‘familia’ é súa forma peculiar de ollar o cotián, enfatizando características poéticas e fantasiosas que o fan máis interesante, como se fose unha aventura permanente. Por exemplo, a secuencia inicial de Rei Inútil lembra moito aos créditos de A Cara que Mereces, co xardín, a choiva, a noiva, o impermeábel e a mesma actitude allea e contrariada dos protagonistas. A secuencia do duelo na escola, que precede a conversa co profesor Manuel Mozos, tamén lembra as conversas telefónicas de Rapace. Noutros intres, o humor verbal é a pedra de toque que evidencia a xenealoxía do autor: como o diálogo dentro da igrexa entre o ‘creador’ e a ‘criatura’, a conversa no parque entre o Rei inútil e o Estudante inútil, ou o diálogo co profesor de Historia.

Mentres, en Gambozinos, Nicolau regresa ao universo e á lóxica infantil para definir as regras dun mundo que xorde confinado nun campamento de verán: no medio da amizade e da rivalidade, do amor e o desamor, das vitorias e as derrotas nas pequenas cousas da vida e nas grandes batallas da civilización, un rapaz de 10 anos vive obcecado polos ‘gambozinos’, eses seres míticos que existen no imaxinario infantil, alimentados pola inxenuidade e pola superstición popular. A propósito do título da curta, Nicolau sinala que o fenómeno do cinema non é moi diferente do fenómeno dos gambozinos ao ser “unha experiencia colectiva e exponencial da imaxinación”.

Esta concepción do cinema é partillada polos membros da tendencia, que entenden o cinema como un exercicio de imaxinación colectiva no que é posíbel, como na infancia, romper co ‘real’ ou coas súas regras e convencións sociais e normativas para soñar esperto. O mundo da imaxe sería entón unha realidade alternativa altamente fantasiosa, un desexo de evasión do real na procura do soño, no que a felicidade é potenciada precisamente polo dispositivo cinematográfico. O cinema é así fantasía e imaxinación, mais tamén un ritual: igual que as narrativas destes filmes, o dispositivo cinematográfico ten que ser ritualizado de xeito que permita unha transformación ‘verosímil’ do vivido cara o imaxinado.

Trátase entón dunha tendencia en proceso de consolidación que xa mereceu un crecente recoñecemento nacional e internacional, conquistando varios premios e mencións no circuíto de festivais de cinema. O xurado do Curtas Vila do Conde 2013, por exemplo, tamén premiou estes dous filmes en concreto, distinguindo Rei Inútil como mellor filme da Competición Nacional e Gambozinos cunha mención especial na sección Curtinhas. Este recoñecemento serve para garantir as condicións de traballo e financiamento destes cineastas, así como para reafirmar un núcleo temático e estilístico de filmes que, en conxunto, van gañando cada vez máis consistencia.

(1) Oliveira, Luis Miguel (2013): “Nos últimos dias de Vila do Conde viu-se a luz”, Público, 15 de Julho de 2013:

< http://www.publico.pt/cultura/jornal/nos-ultimos-dias-de-vila-do-conde-viuse-a-luz-26825506 >

Ler este artigo na súa versión orixinal en portugués

Comments are closed.