UNHA REFLEXIÓN HOMOCÉNTRICA SOBRE WEEKEND

Para preparar a folla de sala da proxección de Weekend (Andrew Haigh, 2011) este último outono no Cineclube Padre Feijóo de Ourense, estiven a consultar diversas entrevistas que lle fixeron ao seu director na procura de contidos interesantes. Acabou por chamarme a atención que en case todas elas, ademais das habituais preguntas que adoitan repetirse en xiras promocionais (declaracións de intencións, detalles técnicos e demais anécdotas da rodaxe), moitos entrevistadores interrogasen ao realizador sobre a (súa) cuestión gai e case lle obrigasen a situarse sobre a posible adscrición taxonómica da súa película: a quen pertence, só aos maricas ou é para todo o mundo, é dicir, é boa? En cada interpelación, o inglés tivo case que desculparse por non facer unha obra facilmente identificable dentro do subxénero de exploitation homosexual (e polo tanto, prescindible), e xustificar o particular e cotián da súa proposta (e cómo o específico en última instancia devén universal):

Russell e Glen son dúas persoas navegando pola vida en sentidos moi diferentes, pero ambos están a buscar o mesmo – atopar o seu lugar no mundo que os rodea. Tentan pescudar quen son, que queren e como deberían definirse, en privado, así como en público. Obviamente cando se trata de dous personaxes gais moitas destas cuestións pasan a ser especialmente pertinentes, e era importante para min dicir algo veraz sobre as complexidades da experiencia gai moderna. (…) Se ves moitos filmes de temática gai asumirás que a única historia que vale a pena contar é sobre ‘saír do armario’ ou sobre amores reprimidos pero non estaba interesado niso. Quería contar unha historia sobre como tratan persoas coa súa sexualidade despois de saíren do armario” (1)

Seica Weekend é unha historia realista sobre unha parte do colectivo non representada habitualmente no cinema (gais normaliños, ao redor do trinta anos, de clase media baixa e nunha cidade de provincias), desde unha perspectiva que tampouco é nada frecuente: naturalismo cotián e pseudodocumental moi afastado das comedias de costumes histriónicas, os dramóns lacrimóxenos onde o homosexual as pasa putas polo mero feito de selo ou os escenarios estereotipados para que personaxes heterocentristas vaian de excursión polo wild side. O máis normal é manifestar a súa excepcionalidade asimilándoa ao referente sen marca de xénero máis próximo: ao parecer o cómodo é definir esta obra como o Before Sunrise (Richard Linklater, 1995) gai. A propia película reflexiona (ironiza) sobre o seu incómodo papel en terra de ninguén a través dunha cita metalingüística posta en boca de Glen, o artista que busca facer arte militantemente queer: propostas como esta non van interesarlles a moitos heteros por non reflectir a súa experiencia, e aos gais só vai importarlles que se vexan pixas.

Visibilizando o invisible

Un dos principais méritos de Weekend é que parte dunha ollada ou unha posta en escena aprioristicamente homosexual, executada a través dunha utilización maxistral das elipses (nótase o pasado de Haigh como editor de blockbusters). Dáse por feito que o público estará familiarizado coa realidade retratada, e no caso de que non o estea non se contextualizará para a súa maior comodidade. Isto pode observarse na montaxe sincopada da secuencia na discoteca na que se coñecen e ligan os protagonistas: as sutilezas do seu cortexo, distinto do habitual mozo-coñece-a-moza, non chegan máis que a suxerirse, e é o publico entendido quen debe unir os puntos coa información recibida. Tamén se pode apreciar este enfoque na plasmación das escenas sexuais, que se van facendo paulatinamente máis explícitas, e na que os roles son máis fluídos e non directamente separables na dicotomía activo/pasivo da penetración fálica, unha imposición da cultura patriarcal sobre a sexualidade gai. Este punto de vista que non outrifica nin directa nin indirectamente ao homosexual, que non volve pechalo no ámbito do privado senón que o admite como un igual no público, é a súa verdadeira revolución silenciosa.

Co seu flirteo entre dous polos opostos que intercambian cosmovisións, a fita pode funcionar en primeira instancia como unha radiografía sobre o estado da cuestión homosexual en 2011 (ou cando menos, como xa se sinalou, dun determinado tipo de homosexuais). O posicionamento do filme nunca chega a ser post-gai (a preferencia sexual si que acaba definindo en parte a identidade dos personaxes, polo menos dun deles), pero a sexualidade tampouco é a característica preponderante, senón que é unha máis, está ao nivel doutros aspectos das súas vidas. Cando Russell e Glen debaten sobre a nova posibilidade do matrimonio gai, talvez hai un certo receo ante a asimilación a estruturas tradicionais e estilos de vida alleos, pero o quid da discusión é o medo ao compromiso.

 Os pequenos combates de cada día

Weekend é un espello que reflicte unha existencia gai contemporánea de forma bastante optimista sen construír tampouco unha edulcorada publirreportaxe: os seus personaxes dróganse bastante, meten a zoca e están cheos de defectos, como calquera fillo de veciño. A noticia é que non hai noticia: un romance de fin de semana entre dous raparigos por fin revélase igual de consuetudinario que un entre home e muller, non se precisa que todas as historias de amor marica sexan un novo Brokeback Mountain (Ang Lee, 2005). Pero a película tampouco peca de ilusa e non vende unha panacea irreal: parte da sociedade non ve con bos ollos o das peras coas mazás, e os protagonistas deberán facer fronte a inxurias e marxinacións de maior ou menor gravidade. Pero como todo no filme, o tratamento da homofobia é complexo e matizado. Hai momentos de evidente agresión, como os insultos dos adolescentes na estación ou baixo a torre residencial. Outras situacións son máis enrevesadas: é normal que Russell estea no armario nunha contorna tan machista coma o do seu traballo (unha discriminación de baixa intensidade máis insidiosa que o ataque directo), pero co seu mellor amigo é el quen decide pecharse en banda e non compartir esa parte da súa vida, en parte por falta de autoaceptación. Ou cando Glen ten unha rifa no pub e acusa ao seu interlocutor de que o que realmente lle molesta non é que o seu grupiño faga ruído, senón que exhiba un comportamento abertamente homosexual, tócalle ao espectador decidir se Glen sofre paranoia persecutoria ou se realmente subxace esa animadversión sexista no ofendido.

Quería explorar como as persoas responden ao peso de ser diferente, de non encaixar”, dicía Haigh noutra das súas declaracións. “Tamén coido que, como a sociedade avanzou, xurdiron novas preocupacións e loitas, e quería explorar iso un pouco. Por suposto, coido que paga a pena dicir que non é preciso ser gai para enfrontarse a problemas de autenticidade e autodefinición, e por suposto no profundo de Weekend hai unha historia de dúas persoas namorando o un do outro. Isto, obviamente, ten moi pouco que ver con ser gai”. (2)

O clímax de Weekend ten lugar cando no leito post-coital, Glen finxe ser o pai que o orfo Russell nunca tivo para que poida saír do armario ante el. O coming out, ese rito de paso imprescindible na vivencia gai, preséntase aquí como unha epifanía catártica de empoderamento persoal, pero ao mesmo tempo se desacraliza e réstaselle envergadura ao incluílo como parte dun rebuldo de alcoba. En calquera caso trátase dunha experiencia individual, nunca un asunto colectivo, unha negociación coa comunidade na procura da súa tolerancia. Nesa emotiva (pero contida) escena, o espírito da película é máis obvio que nunca. Russell acéptase simbolicamente e é reciprocamente aceptado, un momento nimio pero importantísimo, e todo cambiou pero segue igual, e nós podemos identificarnos niso, e así o particular transfórmase en universal. É fundamental a relación ou reflexión de Weekend coa cuestión gai, pero o verdadeiramente capital é cómo a transcende.

(1) Declaracións de Andrew Haigh no dossier de prensa de Weekend: http://www.surtseyfilms.es/wp-content/uploads/2012/11/Notas-Weekend-esp-baixa1.pdf

(2) Ibídem

Comments are closed.