WOMAN AT WAR, de Benedikt Erlingsson

woman

Dentro dunha cinematografía en auxe durante este século como a islandesa, con parámetros tan homoxéneos e ríxidos en boa parte dos títulos que exporta anualmente, a aparición de Benedikt Erlingsson –ata entón autor e intérprete teatral– en San Sebastián 2013 con Of Horses and Men supuxo unha certa revelación. O seu primeiro filme parecía querer dinamitar o consabido valor emocional da paisaxe da illa no cinema dos Friðriksson ou Rúnarsson, volcando o seu papel protagonista cara o absurdo máis grotesco; non obstante, a firme insistencia na súa propia condición de obxecto estraño remataba varando aquel debut, nada baleiro de valentía, nun terreo case máis incómodo que suxestivo. Cinco anos –e un interesante documental sobre o mundo circense, The Show of Shows (2015)– máis tarde, o mordar Erlingsson parece ter suavizado os seus propósitos en Woman at war, unha obra que segue incurrindo no insólito como valor paradigmático, así como tamén nalgunhas das fraquezas da súa anterior obra, pero que adopta para tales propósitos un deseño moito máis convencional.

Entrando en materia desde a primeira secuencia, Erlingsson presenta a unha muller madura boicoteando unha planta hidroeléctrica no medio da paisaxe islandesa, estampa a un tempo humana e pintoresca coa que prosegue a súa querencia polos desprazados da sociedade. Halla (Halldóra Geirharðsdóttir), principio e fin deste filme, combina a súa actividade como profesora de canto coa batalla frontar contra a industria hexemónica que está destruíndo a súa contorna natural. No debuxo da personaxe, se ben observado desde un prisma amable, hai certo valor subversivo: o gran motor vital desta muller decidida, solteira e sen fillos, está nunha loita pola xustiza que adorna sarcasticamente con estampas de Mandela e Gandhi, pero o seu titánico esforzo vese en risco o día que lle comunican que a súa solicitude para adoptar un neno en Ucraina foi aceptada. Sen rematar de decidirse por elaborar un retrato firme da súa condición de muller en armas, pero si observando sagazmente esta realidade, o autor xoga de novo as súas principais cartas á carga de peculiaridade que oculta un relato en principio esquemático.

Así, se Of Horses and Men (2013) definíase pola súa obcecación rareza a través da dualidade do ser humano/animal, Woman at war parece máis ben aplicar unha grosa capa de estrañeza a unha disposición narrativa e estilística máis domesticada. A súa principal aposta para isto é a inclusión na pantalla dunha banda, ao modo dos corifeos do teatro clásico grego, que puntúa as andainas de Halla con música local, impulsando a presencia de certo exotismo no filme. Se ben resulta refrescante nas súas primeiras aparicións, non é menos sorprendente o protagonismo que concede Erlingsson ao simpático recurso. Algo parecido pódese dicir da personaxe de Ása, irmá xemelga de Halla, tamén interpretada con magnífico carisma pola mesma Halldóra Geirharðsdóttir. Ao comezo a súa presenza como contrapartida da heroína antóxase moi suxerente, pero logo descubrimos que está máis orientada a habilitar unha última pirueta –estimable, en calquera caso– do calculado texto, que vincula de forma intelixente a crise ecolóxica do paraxe nórdico con outro do Este non menos desolador.

Deste modo, nunha liña non demasiado reñida con algúns dos cineastas máis relevantes do seu país (Rúnar Rúnarsson, Sparrows, 2015), Erlingsson pretende establecer un balance entre o marcado localismo de certos ambientes e personaxes e un universal alento edifiicante. Pero, a diferencia da moderación xeral de moitos de aqueles, segue apostando sen demasiada base polo estrambótico en busca de insuflar personalidade ás súas construcións. Woman at war preséntase estimulante nos seus acertos, sobre todo os relativos ao personaxe do título, e incluso é a obra de ficción máis lograda do autor ata a actualidade, pero tamén fai cuestionar de pasaa se con ela con conseguiu pouco máis que maquillar con acerto os vicios dunha fórmula consabida. Quizais o inminente remake en Hollywood desta apacible odisea engadirá máis argumentos a este punto.

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.