XACIO BAÑO: “A VIDA É MOITO MÁIS”


Xacio Baño (Xove, 1983) chegou ao cinema “case por accidente”, segundo as súas propias palabras. Debutou en 2009 coa curta Quentefrío, “unha trasnada”, e deixou a súa pegada no audiovisual galego con tres proxectos máis, Relación de acordes (2009), Estereoscopía (2011) e, sobre todo, Anacos (2012), exhibido en máis de trinta festivais, o último o de Clermont-Ferrand, polo que pasou a finais de xaneiro. Beneficiario en varias ocasións das axudas ao talento da Agadic, é tamén un dos rostros visibles, xunto con Sonia Méndez e Ángel Santos, da plataforma que reclama a súa recuperación, logo de non seren convocadas en 2012. No cine, e na conversa, Xacio Baño ten claro abondo o que quere dicir.

Vostede non ía para enxeñeiro?

Efectivamente, eu marchei a Madrid a estudar Enxeñería Industrial, que era o que quixera toda a vida, talvez porque non o pensara moito… O caso é que no colexio maior fixen uns cantos amigos de Comunicación Audiovisual, unha carreira que eu nin sabía que existía, e por eles comecei a me interesar no cinema, e a ver filmes de autor. En paralelo, decateime de que non me estaba a gustar o que estaba estudando. Non me vía xubilado como enxeñeiro, e din en pensar que a vida tiña que ser algo máis que gañar cartos. Decidín irme a León a facer Cine, sen ter demasiada idea do que me ía atopar.

Pensaba xa daquela en dirixir?

Pois si, porque o que me gusta é contar historias. Aínda que era e son moi consciente das miñas limitacións, e por iso especialiceime en montaxe e edición, para adquirir os coñecementos necesarios. Tiña compañeiros que xa facían curtas aos doce anos, coa cámara VHS de seu pai. Eu, a primeira vez que collín unha cámara foi en terceiro de carreira. Tiven que aprender a controlar os tempos, os encadres, as secuencias… Porén, estou convencido de que se alguén ten algo que dicir, acabarao dicindo, estude cine ou non. Hai cousas que saen naturais.

E, tras varios traballos como editor, no 2009 anímase a poñerse detrás da cámara. Como foi o conto?

Tomei a decisión de vir vivir a Compostela, e mover o meu mundo. Ata entón, estaba no Barco de Valdeorras, cos meus pais. Acabei compartindo piso cunha directora de fotografía, Lucía C. Pan, e foi ela quen me abriu a posibilidade de facer o meu primeiro proxecto. Ela coñecía moita xente no mundillo. Grazas a ela, fun ampliando o círculo e formando un grupo de colaboradores, unha familia, máis ben, cos que aínda hoxe sigo a traballar. Fixemos Quentefrío, que foi case unha trasnada. Rodámolo no piso onde viviamos, de xeito moi sinxelo, coa miña moza e un dos compañeiros, Miguel Cuba, como actores. Lucía tomou unha serie de fotografías con eles e eu monteinas. Bastante rudimentario, pero serviunos para botar a andar.

Nese mesmo ano, chegou xa Relación de acordes, unha curta moito máis ambiciosa…

Quixen xogar coa música, como linguaxe e como forma de expresión. De neno, estudei varios instrumentos no conservatorio, así que preferín empezar no cine experimentando alí onde me sentía cómodo. Gravámola en dous días, en Santiago, e foi posible porque o proxecto recibiu unha das axudas ao talento da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). En realidade, é un filme sinxelo abondo…

Todo sinxelo? Tamén o son?

Vale, en realidade, o son si tivo o seu aquel. Gravouse todo en posprodución, en Cinemar Films. Na rodaxe, os actores falaban, pero logo non empregamos as voces. O que me interesaba era a linguaxe corporal, os xestos, as olladas… para logo traducilos en música. A curta está feita coma unha sinfonía, en catro movementos. En realidade, foi un exercicio primeirizo, para soltar nervio.

Case de seguido comezou a traballar en Estereoscopía. De onde sae esa idea de xogar con dúas pantallas?

En realidade, aínda que non se perciba de primeiras, é algo moi persoal. Tiven a idea dun home que perdía un ollo, recibía un transplante e comezaba a ver unha vida allea polo novo órgano. Gustoume moito, e decateime de que me permitía xogar co meu pasado… A vida do doador é o meu presente, sae a miña moza, os meus avós, a miña vila, os meus amigos. E a vida do transplantado, Emilio, reproduce en certo modo a época na que eu estaba en Madrid, sen saber se quería seguir adiante coa enxeñería ou non. Pasei por unha situación moi complicada de crise persoal e agora, coido, son feliz. E así, ao comparar, o protagonista dáse de conta de que a vida é algo máis, como me pasou a min. E así xurdiu esta fábula coa que, realmente, estou moi satisfeito… O xogo narrativo coa pantalla partida, o tempo narrativo lento, esixinte para o espectador medio… Foi un bo resultado.

Seica aos xurados tamén lles gustou. Pasou por máis de 50 festivais e resultaría premiada en Cans, Curtocircuito, El Sector, Xarrades en Curt e Metropol’his…

Foi un golpe de sorte, a verdade. Funcionou moito mellor do que eu agardaba. Pero o certo é que me deu moito choio. Había unha primeira versión con voz en off, na que Emilio era un cinéfilo e tiña a casa chea de filmes. Incluiamos insertos de películas antigas, dende os irmáns Lumière, para amosar como o cinema fora avanzando. Pero todo iso caeu na sala de montaxe, creo que para ben. Estereoscopía abriume moitas portas….

Como a de contar con Mabel Ribera como actriz para o seguinte proxecto, Anacos?

Por exemplo (ri). Non vou dicir nada que non se saiba, pero é unha gran actriz e unha persoa encantadora. Presenteille o proxecto, houbo entendemento moi rapidamente, e seguimos adiante. É moio máis doado cando hai actores como ela ou Fernando Morán e Xosé Barato, que controlan o seu e saben ben o que queren.

Unha historia contada coa pantalla en cinco anacos, en certo modo, unha evolución de Estereoscopía, non?

Facer ese xogo foi a primeira idea que tivemos. Logo din en pensar como aproveitar os cinco rectángulos e convertelos nun elemento narrativo, non nun simple recurso estético. E así apareceu a idea do biscoito, e a historia da nai. Estivo todo moi ben medido porque, claro, se tes cinco pantallas e comezas a volverte tolo na rodaxe, non hai quen faga unha peli con iso. Empregamos unha Canon 5D, colocada en vertical, e calculabamos o encadre a ollo, sabendo que habería que restar un pouco nas marxes. Non daban os cartos para ter cinco cámaras (ri). Logo, na sala de montaxe, foi todo tal e como pensaramos, case non nos movemos do guión.

"Hai un certo tabú con ese recurso, pero paréceme unha estupidez. 'Apocalypse Now' ten voz en off, e non imos dicir que é unha mala peli".

Neste caso, si respectou a voz en off…

Sei que hai un certo tabú con ese recurso, pero paréceme unha estupidez. Apocalypse Now ten voz en off, e non imos dicir que é unha mala peli. Podía ter feito a curta silente, e entenderíase igual pero non quixen. Penso que a voz en off… axuda un pouco ao espectador medio, e estou moi contento co resultado. É neutra, non lles estorba ás imaxes, e permíteme facer un contraste entre escenas faladas e escenas en silencio que me gusta moito.

É unha historia daquelas nais que só eran nais?

E cando perdían a súa labor de nai, semellaba que desaparecían. Por sorte, están en perigo de extinción, porque a xente estase dando de conta de que a vida é moito máis, traballar, ter amigos… De todos os xeitos, para min, a peli é sobre o tempus fugit, quixen transmitir a sensación de que o tempo pasa voando, e que cando te queres decatar, xa rematou. Por iso só dura seis minutos. Gústame cando o espectador comenta que se lle fixo moi curta, que quedou con ganas de máis… Meu avó díxome unha vez, logo de dúas horas de estar a limpar o monte: “arranxar a casa, comprar uns montes e estudar os fillos, alí vai a vida dun home”. Esa é a idea, que a vida é moito máis sinxela do que pensamos.

En Quentefrío, a curta baséase no tacto. En Relación de Acordes, no oído. E en Estereoscopía, na vista. Ten vostede falado de que quere seguir ata facer unha pentaloxía sobre os sentidos.

Foi en Relación de Acordes cando me din de conta de que podía facela. É un xeito de forzarme a experimentar coa linguaxe para probar novas formas e novos camiños. E, agora que xa falei dela, estou obrigado a rematala (ri). Hai xente que pensa que Anacos é o capítulo sobre o gusto, polo símil do biscoito, pero non. De feito, xa teño algunha idea sobre iso, pero non creo que a dea rematado ata dentro de dous ou tres anos. Non hai presa.

Pero haberá outros traballos polo medio, non?

Polo momento, estou facendo en solitario, sen a axuda de Lucía, unha especie de ensaio documental. Trata sobre a sensación de facerse maior e deixar atrás á xente que queres, sobre ata que punto ten sentido que para progresar na túa vida teñas que prescindir de persoas que che fan ben. Teño xa gravadas varias cousas, coa miña familia, e sei cal será a estrutura. Agardo poder rematala este ano, aínda que é complicado. Non sei se será unha curta, unha longa ou unha mediametraxe, estou a ver que sae… O caso é que é a primeira vez que me vou meter na non ficción.

Por que o fai en solitario desta vez?

Polo que implica, porque é unha historia moi persoal. Aínda que se vexo que nalgún momento preciso entrar eu en plano, ou requiro axuda, chamarei ao equipo de sempre. De todo os xeitos, con eles estou traballando agora na idea dunha curta de ficción, porque temos mono de xuntarnos.

Xa teñen guión?

Si. Fixemos unha ‘asemblea’ entre todos, presenteilles varias ideas e escolleron a que máis lles gustou. O título provisional é Alfileres, e será algo pouco ambicioso, de poucos cartos, unha curta de transición, para xogar con actores e con planos. Non quero sentirme obrigado a ter que repetir o nivel de Anacos.

Teme que lle esixan volver a casa con outro saco de premios?

Non me gustan as expectativas, nin a presión. Quero facer algo sinxelo, sabendo que é sinxelo, e que me satisfaga. E procuro que o público se sente sen saber o que vai ver, para que non teña ideas preconcibidas. Nas miñas pelis, quero que o título non diga nada, que o cartel non dea pistas, e que o trailer conte o menos posible (risos).

Sobre as axudas ao talento: "A simple existencia destas subvencións animaba a quen tiña unha idea a tentar desenvolvela. Esixíase presentar un guión elaborado e un dossier, polo que aínda que Agadic non te escollese, tiñas unha base para tratar de desenvolver a túa peli por outro lado".

Vén tamén de dirixir algúns capítulos da segunda tempada da serie web Angélica y Roberta. Picoulle a curiosidade polo formato?

Sandra e Sonia, as responsables da serie, propuxéronme facelo e aceptei, como colaboración esporádica. Serviume para sacar callo, para aprender a resolver un episodio nun día, manexar os ritmos da rodaxe e traballar cun axudante de dirección, que nunca o fixera. Realmente, o proxecto está a funcionar ben, demostra que hai talento abondo en Galicia. É unha mágoa que ningunha televisión queira apostar por este tipo de produtos orixinais. Supoño que pensan que a xente pode asustarse de ver na pantalla a dúas rapazas tan desinhibidas nos temas que tratan, falando de sexo en ton de comedia, como falan as mulleres de verdade.

Relación de acordes, Estereoscopía e Anacos tiveron fondos da Agadic, a través da convocatoria de axudas ao talento, que desapareceu en 2012. Que supuxeron estas subvencións?

Oportunidades. Nestes tempos, con toda a leria da crise, a xente nova non ten mans ás que agarrarse para iniciar un proxecto. As produtoras e as televisións teñen as portas pechadas. E as axudas da Agadic eran unha man tendida cara as boas ideas. Estaban pensadas para apoiar á xente que tiña algo interesante que dicir, sen importar se tiñan ou non traxectoria previa. Apostaban por proxectos arriscados, que buscasen algo máis que a rendibilidade económica, e eran unha pequena rede de seguridade para animarse a emprendelos, sabendo que contabas cun pequeno fondo de cartos. E os resultados están aí: Oliver Laxe, Ángel Santos, Alberte Pagán, Eloy Enciso, Otto Roca, Pablo Cayuela e Xan Gómez Viñas….

E agora?

Agora haberá moita xente que fique sen apoios. E se non lle das saída aos novos autores, nunca terás novas voces na industria. Estas axudas apareceron no 2009, cunha partida de 400.000 euros. En 2010 pasaron a 300.000, e en 2011, a 150.000. Eran cifras que non supuñan nada no orzamento da Xunta. Noutras autonomías con programas semellantes, mantivéronse con importes de 50.000 ou 60.000 euros, e sempre é mellor iso que quitalas. Xa non son os cartos que se lles outorgan aos quince ou vinte proxectos seleccionados, é que a simple existencia destas subvencións animaba a quen tiña unha idea a tentar desenvolvela. Esixíase presentar un guión elaborado e un dossier, polo que aínda que Agadic non te escollese, tiñas unha base para tratar de desenvolver a túa peli por outro lado, mediante o crowdfunding ou outros métodos alternativos. Era un dinamizador.

No seu caso concreto, Anacos recibiu una axuda de 6.700 euros e estivo en Clermont-Ferrand, Taiwan, Chile, Alemaña, gañou na Palmas, Málaga, Albacete ou no Shnit Film Festival en Suiza, entre outros. É retorno abondo.

Ben, cando me deron a primeira axuda, en 2010, non me coñecía ninguén. Agora, tiven a sorte de gañar premios e visibilización e de levar unha peli en galego a varios festivais de prestixio internacionais. Coma min, houbo outros antes, pouco a pouco, imos situando o cinema que se fai aquí, e créase un efecto chamada. E son precisamente os proxectos máis arriscados, os que non seguen polo camiño habitual, os que máis visibilidade che dan. Pero, se non o queren ver…

Comments
One Response to “XACIO BAÑO: “A VIDA É MOITO MÁIS””
  1. Mely di:

    Hoy he decubierto a Xacio Baño y me ha encantado! Espero poder encontrarlo en San Sebastián este año. Bravo, bravo y bravo!!