YOURSELF AND YOURS, de Hong Sang-soo

yourselfandyours_06Nunha entrevista, Hong Sang-soo dicía que o amor é o único que importa nesta vida aparte da cervexa [1]. Igual que sucede no namoramento, e igual que sucede despois dunhas cantas cervexas, Yourself and Yours (2016) é unha película dominada pola dúbida e a ambigüidade, e dende o aparentemente anecdótico acaba sendo, ou parecendo, un filme enormemente sabio sobre a identidade, sobre a nosa identidade cando bebemos alcol, e sobre a percepción que temos da identidade dos demais (que é a base do amor).

O aparentemente anecdótico abre o filme en tres escenas:

  1. Un amigo cómelle a cabeza ao pintor Youngsoo (Kim Joo-hyuck) falándolle mal da súa moza Minjung (Lee You-young), e planta a semente da desconfianza. Minjung bebe demasiado, dille (“Só bebe cinco copas e dúas cervexas cada noite”, replica Youngsoo, que lle leva a conta por se acaso). Non lle cae ben a ninguén da pandilla, e ademais vírona tomando unhas copas con outro, insiste o amigo. Despois disto, Youngsoo dubida. Dela e de si mesmo: non sabe se debe seguir con ela.
  2. Outro home, Jaeyoung (Kwon Hae-hyo), recoñece a unha muller nun bar como Minjung, pero esa muller dille que non, que non é ela, que non sabe de quen lle fala e que non se coñecen de nada. Logo dille que bueno, que é a irmá de Minjung pero que non se lembraba. Aquí, tanto os espectadores como Jaeyoung poñemos cara de extrañeza ou de estupefacción, e dubidamos.
  3. Youngsoo e Minjung discuten e ela decide que é mellor para os dous tomar un tempo de separación. O que pasa é que a actriz que fai de Minjung é a mesma que facía da muller do bar na secuencia anterior.

Neste punto xa se desata toda a ambigüidade que dominará o resto do filme: aparentemente, Minjung desaparece e chega ao barrio esa muller idéntica a ela, que comeza a beber con todos os homes que atopa, buscando o amor e comportándose de xeito errático segundo vai acumulando cervexas. Algún deses homes parece buscar tamén o amor. Youngsoo, arrepentido pola discusión, busca a Minjung. Nalgún punto soña esperto, ou alucina, comportándose tamén de xeito errático.

Para o espectador, o filme funciona durante un tempo como un xogo, un reto a buscar pistas e tentar agarrarse a algunha verdade. Hai que comportarse como un namorado e sobreanalizar cada xesto ata que signifique o que queremos que signifique. Pero ese proceso complícase, e cando o xogo torna abrumador a película humanízase e gaña profundidade polo proceso de identificación co personaxe de Youngsoo. O conflito amoroso do filme non está na dúbida de se o protagonista será amado, senón en se o protagonista será quen de amar. Como lle sucede a Youngsoo na súa desesperación, dubidamos dos nosos sentidos e enfrontámonos á cuestión da identidade, a nosa e a da persoa amada. Quen é esa persoa? Que sabemos dela? Canto é seu e canto foi proxectado por nós sobre a súa imaxe? Querémola polo que é ou polo que pensamos que é? O corpo e a voz únicos de Lee You-young acollen no universo de Yourself and yours a dúas mulleres diferentes (ou quizais máis, ou quizais diferentes versións da mesma), no que é un recurso xenial que algúns teñen identificado como o reverso dos dous corpos e voces diferentes que representaban a Conchita en Cet obscur objet du désir (Luis Buñuel, 1977) [2]. A ambigüidade non desaparece nunca do filme, senón que máis ben vai en aumento, pero se conseguimos involucrarnos emocionalmente nel a dúbida vai perdendo importancia, como se a única maneira de resolver a distancia insalvable entre un e os demais sexa confiar nos sentimentos e a empatía. Ou deixar de darlle voltas ás cousas.yourselfandyours_05

Na mesma entrevista á que facía referencia ao comezo, Hong Sang-soo advertía de que a xente lle dá demasiadas voltas ao seu cine. Que leva catorce películas sen escribir un guion máis aló dunhas ideas nunha servilleta. E tamén que o seu temperamento lle impide rodar máis dun par de tomas de cada escena. Nese sentido, esa pretendida preguiza convértese na posta en escena de Yourself and Yours, nunha lixeireza sutil moi pouco común. Cada secuencia flúe con suavidade, habitualmente en planos secuencia que manteñen unha frontalidade case teatral e só son puntuados de vez en cando por zooms que se pechan nalgún personaxe, pero nunca polo plano-contraplano. Isto supón, por unha parte, que vemos as accións e os diálogos dende fóra, obrigados a ser conscientes da distancia entre nós e os personaxes. Pero tamén supón que non se nos guía a través do corte, e que apenas hai tensión co que sucede fóra de campo. No xogo de buscar pistas do que falaba antes, temos case sempre a capacidade de escoller a que rostro mirar dos que están sentados á mesa do bar, ou tumbados na cama, ou falando no parque. Dásenos liberdade e convídasenos a participar no medio da ambigüidade: non só é unha cuestión referente á trama, senón que a preguiza de Hong Sang-soo á hora de dicirnos o que temos que ver ou o que temos que sentir (dicíndonos a onde temos que mirar) convértese no que semella a maneira ideal de meternos no tema do filme. Está todo nas nosas mans.

A sensación final é, por iso, máis aló do aparentemente anecdótico de ter visto durante hora e media a uns personaxes pateticamente humanos bebendo cervexas e buscando amor, a de ter accedido a unha visión sabia do mundo. Isto é, que hai cousas que non podemos saber e problemas que non podemos resolver, pero amar (ou beber) é decisión nosa.

[1] Hong Sang-soo: “El amor es lo único que importa en esta vida aparte de la cerveza”. Entrevista de Nando Salvá en El Periódico. Dispoñible en: http://www.elperiodico.com/es/noticias/ocio-y-cultura/entrevista-hong-sang-soo-lo-tuyo-y-tu-san-sebastian-5409492

[2] Crítica de Scott Tobias en Variety. Dispoñible en: https://variety.com/2016/film/festivals/yourself-and-yours-review-hong-sang-soo-1201861136/

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario