18.ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico: Sección Impropias
*Un ano máis, en colaboración coa MICE – Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, A Cuarta Parede convida á coordinadora da sección Impropias a compartir o proceso de selección das obras que compoñen este programa. Nesta edición, a firma convidada é a cineasta Ainhoa Rodríguez.
O labor era vincular a miña ópera prima, Destello Bravío, con outros dous filmes de mulleres cineastas cos que a miña película dialogase, dous filmes que fosen inspiradores e poderosos. O reto non se me antollaba difícil, xa non só pola cuestión da contemporaneidade e o rururbano; senón, ademais, porque o feito de que as tres fósemos directoras era xa suficiente valor de confederación fílmica nun territorio como o audiovisual onde aínda hoxe resulta proeza selo. As películas elixidas foron Cow, de Andrea Arnold, e Eldorado XXI, de Salomé Lamas.
En Destello Bravío retrataba un pequeno pobo rural en proceso de descomposición demográfica e cultural e radicábame preto das súas mulleres como aquelas que soportan a peor das cargas desa tensión entre o mundo vello tradicional e ese novo mundo globalizado e xentrificado ao redor das cidades. Máis tarde, nesa contorna, eran os animais os que tamén resistían engaiolados, cazados, dominados.
Cow, de Andrea Arnold supón non só un achegamento a esa concepción animalista que comeza a abordarse no cine, senón que se sitúa naquel confín que revelaba Silvia Federici, o do “corpo da muller como a última fronteira do capitalismo”. Unha fronteira que a película da directora transcende e dilata centrando nesta ocasión a mercantilización sexual no corpo dunha vaca da industria leiteira. É aquí onde reside o achado e, do mesmo xeito, a concepción xenuinamente feminista do documental. Sen romanticismos nin artificios, pero delicado e certeiro, a través dos ollos desta vaca asistimos á cotiandade da explotación reprodutiva á que é sometida polo feito de ser femia.
En Eldorado XXI, Salomé Lamas elixe estampas co escrutinio dunha exquisita coleccionista que decide as pezas máis valiosas para a súa colección. Recupera o valor do plano ante un mundo onde parece que este estea en desvalorización, e iso é unha transgresión fronte ao contexto de bulimia de imaxes moitas veces baleiradas de contido que vivimos. Así, pola miña banda, parecíame unha aventura para a miña longametraxe convidar o espectador a sentar a contemplar, como cadros de museo, eses planos secuencia estáticos durante tempos máis prolongados que aqueles que a industria do consumo rápido ditamina.
En Eldorado XXI presenciamos a prudente distancia de quen se sabe estranxeira en territorio que non lle pertence, pero coa ferida profunda de quen se ve arrebatada polo que mira; a película abraza aquilo que se ve para ir ao recóndito, o que queda no fóra de campo, e facernos saber que como espectadores temos o don poderoso de mirar máis aló do que se nos mostra. Cine.