3 X 3D, de P. Greenaway, J-L Godard & E. Pêra

Ler este texto na súa versión orixinal en portugués

No vasto conxunto da súa programación de cinema e audiovisual, Guimarães 2012 – Capital Europea da Cultura encomendou a tres cineastas unha reflexión sobre o proceso de produción cinematográfica en 3D. Para esa tarefa, os programadores João Lopes e Rodrigo Areias escolleron dúas das principais referencias cinéfilas internacionais -Peter Greenaway e Jean-Luc Godard- e mais a Edgar Pera, un dos cineastas portugueses máis experimentais e radicais. O filme estreouse mundialmente en Cannes no pasado mes de maio, clausurando a Semana da Crítica, e contra o final de xuño tivo a súa preestrea portuguesa en Guimarães.

 Just in Time

No primeiro segmento, Peter Greenaway adopta unha proposta semellante á de Русский ковчег (Russian Ark, Aleksandr Sokurov, 2002): filmar nun único plano secuencia máis de dous mil anos de historia da cidade de Guimarães a través dun percorrido circular trazado entre a Praça da Oliveira, a Igrexa da Senhora da Oliveira e os claustros do Museu Alberto Sampaio. Ao longo do percorrido van xurdindo feitos e figuras relacionados coa historia da cidade, desde os tempos mitolóxicos até ao inicio do século XX, coa colaboración de decenas de actores e figurantes. Os efectos de 3D foron introducidos posteriormente, procurando dar unha dimensión fantástica ao filme.

Un dos problemas deste segmento é a desmesura da proposta: fronte aos trescentos anos abordados en 95 minutos de Русский ковчег, Just in Time pretende abordar máis de dous mil anos en pouco máis de 16 minutos. Outro dos seus problemas é o exceso de información: as animacións en 3D serven fundamentalmente para fornecer de información verbal ao espectador, facendo xurdir pequenas notas biográficas en todo tipo de superficie, ás que se xunta un complexo tecido de narracións simultáneas que procura dar voz aos feitos e figuras en exposición. Trátase dun extraordinario traballo de posta en escena, mais semella máis propio dunha instalación museolóxica que dunha sala de cinema.

The Three Disasters

A proposta de Jean-Luc Godard recorre á liña aplaudida de Histoire(s) du Cinéma (Jean-Luc Godard, 1988-1998) e Film socialisme (Jean-Luc Godard, 2010): unha montaxe con materiais de arquivo, meta-cinema, subtítulos e narración do propio Godard sobre historia do cinema, a historia da humanidade e as súas construcións e representacións. Para o cineasta francés, cinema e historia continúan a ser inseparáveis -o holocausto e as imaxes de Nuit et brouillard (Alain Resnais, 1955), a arte rupestre e as imaxes de Cave of Fogotten Dreams (Werner Werzog, 2010), o consumismo capitalista de calquera franquicia e as imaxes gore de Final Destination 5 (Steven Quale, 2011) e Piranha 3D (Alexandre Aja, 2010), entre outros títulos- vistos sempre como as dúas faces do mesmo rostro, ou dous elementos simbióticos que se influencian e referencian reciprocamente.

O recurso ao 3D, máis que engadir valor ao cinema de Godard, serve como complemento tecnolóxico (por exemplo, os paseos do can polo bosque), adaptándose á súa forma de montaxe e ao seu raciocinio dialéctico que cuestiona a relación entre a arte e a técnica, a esencia e a materia. Naturalmente, o cineasta francés non parece moi entusiasmando ou preocupado por incorporar o 3D ao seu discurso fílmico. Pola contra, un dos puntos forte do filme procede dos anteriores filmes-ensaio de Godard: o esforzo por dar máis pistas de lectura para permitir ao espectador reflexionar e concibir o seu propio discurso.

A súa ollada é eminentemente pesimista sobre a historia da humanidade e o seu futuro, mais tamén sobre o futuro do cinema, cada vez máis encadeado ao dixital (“Digital will be a dictatorship!” Será este o último dos tres desastres referidos no título?). E non deixa de ser particularmente sarcástica a referencia a cineastas de ‘un só ollo’, como Fritz Lang, John Ford, Nicholas Ray ou Raoul Walsh, nesa nova historia do cinema que resultará da revolución tecnolóxica dixital.

Cinesapiens

Finalmente, Edgar Pêra propón un ensaio en torno á historia do espectador a medio camiño entre o fantástico e a ficción científica. O cineasta portugués concibiu un filme alegórico que reflexiona sobre a evolución da recepción e percepción do cinema polos espectadores, unha temática moi querida polo cineasta na que desenvolve o seu propio proxecto de doutoramento, mais que no filme se presenta cun certo simplismo teórico. A partir de feitos verídicos e textos orixinais, Edgar Pêra recupera un contexto caracterizado polo debate moral en torno ao fenómeno cinematográfico, no que grupos de cidadáns se preocupaban polas implicacións sociais e morais que esa forma de expresión visual e sonora podería provocar nas mentes máis influenciábeis, e logo mestura todo iso cunha pantasía futurista arredor das potencialidades sensoriais do 3D.

Influenciado polo concepto do ‘cinema das atraccións’ (Tom Gunning), Pêra tenta proporcionar ao espectador unha experiencia eminentemente sensorial, optando por unha narrativa fantástica conducida en ton de conferencia que tenta explotar as posibilidades do 3D, valorando máis os seus aspectos visuais e emotivos que os narrativos ou racionais. Con todo, este tipo de sensacións / atraccións visuais xa foi bastante explotado no cinema de Pêra, particularmente nas súas longas A Janela – Marialva Mix (Edgar Pêra, 2001) e O Barão (Edgar Pêra, 2011).

3x3D

En suma, este filme non me parece que sexa, no seu conxunto, unha obra sinalada que se poida perpetuar nos anais históricos ou cinéfilos, mais tamén está lonxe de ser somentes “little more than a clumsy vanity commission to celebrate Guimaraes as the European Capital of Culture” (Peter Debruge). O filme podería sobrevivir perfectamente de xeito autónomo, mais semella máis axeitado e mesmo eficaz que manteña ese vencello co evento que o produciu. Así, o segmento realizado por Edgar Pêra ficará na historia do cinema por ser o primeiro filme portugués producido con tecnoloxía 3D (o autor xa anunciou que ten preparda unha versión máis longa de Cinesapiens). Logo, o segmento de Peter Greenaway será sen dúbida un interesante medio de divulgación turística da cidade, con outro ritmo narrativo e outra cadencia de información. E por último o filme de Jean-Luc Godard podería ser considerado un filme de transición, unha primeira experiencia con vistas á súa vindeira longametraxe, que será rodada en 3D: Adieu au langage.

Ler este texto na súa versión orixinal en portugués

Comments are closed.