SOBRE O PASO DE ABBAS KIAROSTAMI POR BARCELONA
Case unha década despois da visita de Abbas Kiarostami a Barcelona con motivo da exposición ‘Erice – Kiarostami. Correspondencias’, o cineasta iraniano regresa á cidade aos seus setenta e catro anos para impartir un curso, inaugurar unha retrospectiva e pronunciar varias conferencias. Despois de arrincar en Bogotá, e con pretensión de estenderse a diferentes cidades do mundo, ‘Filmando en Barcelona con Abbas Kiarostami’ é un obradoiro práctico de realización producido por Black Factory Cinema, impartido polo cineasta e o seu equipo de colaboradores a unha cincuentena de participantes que están a confeccionar outras tantas curtametraxes inspiradas en lugares e personaxes de Cataluña. En paralelo, durante o mes de marzo, a Filmoteca acolle o ciclo ‘Abbas Kiarostami, una mirada renovadora’, unha antoloxía do seu traballo entre 1987 e 2012 que comprende once filmes, inaugurada polo propio mestre iraniano. Kiarostami, ademais, impartiu tamén varias clases maxistrais na Escola de Cinema Bande à Part e no Instituto Francés, esta última en compaña de Jose Luís Guerín.
De cineastas e floristas
Ao longo do día atopo centenares de pequenas fontes de inspiración, observando sinxelamente á xente inmersa nas súas rutinas cotiás. Coido que o que ocorre na vida real é máis importante que o cinema. A miña técnica é similar ao collage. Reúno distintas pezas para ensamblalas. Eu non invento eses elementos: limítome a observar e a tomalos da vida cotiá da xente que me rodea, mais prefiro ver os aspectos positivos da vida en troques dos negativos, que me producen insomnio e inquietude. Así que ollo e selecciono as cousas que me parecen mellores, reúnoas, fago con elas un paquete e véndoas. Non son o único que fai tal cousa: é exactamente o que fan os floristas. Non fabrican as flores, senón que se limitan a organizalas do xeito máis fermoso posíbel. Abbas Kiarostami. (1)
Segundo algúns especialistas, o Novo Cinema Iraniano é un dos movementos cinematográficos máis relevantes do momento. En conexión cunha arte persa de representacións visuais e relevos milenarios, e unha fecunda cultura poética-filosófica, os seus representantes recollen a herdanza das diferentes novas vagas cinematográficas xurdidas naquel país dende os anos sesenta. Logo da revolución de 1979 e da instauración da república islámica, a censura e a represión propias dos tempos do Shah proseguiron, co Aiatolá Jomeini poñendo énfase nos ‘vicios’ que esta arte adoita canalizar. Paradoxalmente, e malia o recoñecemento internacional do Novo Cinema Iraniano pola crítica, os festivais e mesmo os propios cineastas, a censura, e sobre todo o predominio do cinema iraniano comercial, canda algunhas mostras tamén de cinema europeo e norteamericano, eclipsan unhas obras que son pouco ou nada proxectadas dentro das fronteiras do seu propio país, malia algúns éxitos puntuais. Neste contexto, Abbas Kiarostami emerxe como unha figura central, cunha filmografía de discursos poéticos e narrativa alegórica, a miúdo caracterizada como realista, documental, reflexiva, consciente, modernista e humanista. Dende a súa aparente simplicidade, fundamentada sobre a riqueza dos diálogos e a planificación, así como por un traballo de campo con equipos reducidos e cunha notábel economía de medios, o cineasta iraniano desprega unha montaxe concéntrico sobre ritmos modulados para suxerir certas verdades do xeito máis fermoso posíbel.
A proxección inaugural da retrospectiva foi خانه دوست کجات (Where Is the Friend’s Home, 1987), título que sinala a eclosión mundial do cinema iraniano, resultante de décadas de traballo con nenos, con preocupacións escolares, de ambientes rurais e clases populares. Este relato de presenzas e ausencias, fonte de inspiración para calquera que pretenda conxugar cinema e infancia, atopa continuidade con زندگی و دیگر هیچ (Life, and Nothing More…, 1991), cando a raíz do grave terremoto de 1990 o cineasta decide volver ao lugar de rodaxe da peza anterior para localizar aos seus protagonistas, nun exercicio que recalca o seu compromiso coas realidades filmadas. Entrambas, Kiarostami desenvolve unha reflexión en torno ao propio dispositivo cinematográfico en کلوزآپ ، نمای نزدیک (Close-Up, 1990), onde un obreiro tipográfico en paro, divorciado e cun fillo pequeno ao que pouco ve, remata encarcerado logo de cometer pequenos calotes ao facerse pasar polo director iraniano Mohsen Makhmalbaf. Ao coñecer este caso pola prensa, Kiarostami visitou en prisión a este cinéfilo á procura de afecto e recoñecemento, filmou o seu xuízo, e recreou improvisadamente un relato de admiración e identificación que conta coa inestimábel participación do propio cineasta suplantado. Cun pulso similar, mais cunha visión cada vez máis adulta, atoparemos tamén زیر درختان زیتون (Through the Olive Trees, 1994), … طعم گيلاس (Taste of Cherry, 1997), باد ما را خواهد بد (The Wind Will Carry Us, 1999)… Mención á parte merece 10 (Ten, 2002), un filme austero construída a partir das conversacións dunha muller co seu fillo e outras mulleres dentro dun coche, salto sen retorno ao dixital e xiro temático cara á feminidade, posíbel inspiración para o último Oso de Ouro da Berlinale, تاکسی (Taxi, Jafar Panahi, 2015) – cómpre sinalar que Panahi comezou no cinema como axudante de dirección de Kiarostami, quen ademais asina o guión do seu primeiro grande éxito, بادکنک سفد (The White Balloon, Jafar Panahi, 1995), preámbulo dunha longa traxectoria de premios e desobediencia. Na mesma liña de gravar dentro dun coche, o documentário 10 on Ten (2004) presenta a Abbas Kiarostami dando leccións de cinema ao volante, ‘a súa oficina’. Completan a retrospectiva Shirin (2008), unha nova invitación á reflexión cinematográfica con rostros femininos, e os seus dous primeiros títulos filmados fóra de Irán, Copie conforme (2010) e ライク・サムワン・イン・ラブ (Like Someone in Love, 2012), unha mostra dunha etapa máis recente de investigación estilística e combinatoria de imaxes e sons para crear formas unificadas.
Alén de cada un destes filmes que integran a retrospectiva percíbese unha filmografía que confronta continuamente seres, contornas e métodos descoñecidos para establecer un diálogo cinematográfico, unha traxectoria que ademais inclúe clases maxistrais como este taller de Barcelona. O afán por recuperar o espírito e a coraxe dos tempos da Escola de Belas Artes, a vontade de que cada un dos participantes remate por xerar unha obra maior e completa en si mesma, unha curtametraxe, poden ser presentados como unha consecuencia máis desta evolución persoal que leva a este mestre de mestres a experimentar permanentemente con distintos personaxes, lugares e formulacións. E nese mesmo movemento, debemos situar tamén as curtametraxes elaboradas polo propio Kiarostami cunha pequena cámara dixital, outro máis entre os seus traballos recentes, con mínimos medios, con liberdade e control absolutos.
(1) Kiarostami en Aufderheide, Pat. 1995. “Real life is More Important than Cinema: An Interview with Abbas Kiarostami”, Cineaste 21 (3): 32.