Aberta a inscrición para o ‘Seminario de crítica en formato podcast’
Nos últimos anos, o mundo dos podcasts experimentou un auxe sen precedentes, converténdose nun dos formatos máis consumidos a nivel mundial. Como non podía ser doutro xeito, dentro da inmensa variedade de contidos que ofrece este modelo de comunicación, atopamos numerosas iniciativas de ámbito nacional e internacional centradas na crítica de cinema, que aproveitan as particularidades do medio para abrir camiños e conectar con novos públicos.
Sempre dispostos a explorar e promover formatos novidosos no eido da análise cinematográfica, dende a revista A Cuarta Parede retomamos este ano os seminarios de crítica en colaboración co Festival Play-Doc. Entre os días 7 e 8 de maio de 2022 terá lugar en Tui o I Seminario de crítica en formato podcast, dirixido a todas aquelas persoas interesadas en aprender as nocións e ferramentas básicas para elaborar pezas de análise fílmica neste formato.
Como en edicións anteriores, o curso contará cunha parte teórica e outra práctica. No transcurso do seminario, os alumnos terán a posibilidade de elaborar pezas arredor da programación da XVIII edición do Play-Doc, co apoio de docentes especializados. Posteriormente, estas creacións serán publicadas na revista. O programa proposto é o seguinte:
Sábado 7 de maio
Sesión teórica I. 10:00 h – 11:30 h
Introdución á crítica de cine en formato podcast
Impartida por Mariona Borrull
Para que serve un podcast de cine? Sesión inaugural do seminario, na que trataremos de debullar o que achega o formato sonoro á crítica de cine. Cales son as virtudes e potencias da escoita e que relación establecemos cos distintos formatos de podcast. Posteriormente, introduciremos distintas aproximacións á guionización dun traballo sonoro e nocións básicas de ritmo, ton, voces e narración, sempre con ánimo creativo. Esta primeira sesión quere abrir horizontes no que, en definitiva, pode ser un podcast de cine e, máis importante, no que pode ser para nós.
Sesión teórica II. 12:00 h – 13:30 h
Exemplos e boas prácticas nacionais e internacionais
Impartida por Mariona Borrull (+ xornalistas convidados)
Nesta sesión contaremos coa intervención de outros xornalistas convidados ao festival. O obxectivo da actividade é comprobar como se materializan ideas nunha obra tanxible, falando con franqueza de procesos creativos e das súas limitacións. Abordaremos as solucións que se toman ante a falta de recursos e resolveremos preguntas prácticas que puideran xurdir durante a primeira sesión. Escoitaremos, a título ilustrativo, fragmentos dos podcasts dos convidados e outros referentes que queiran propoñer.
*O sábado pola tarde, os participantes poderán asistir ás proxeccións programadas no festival.
Domingo 8 de maio
Sesión práctica I. 10:00 h – 13:00 h
Produción sonora e gravación
Impartida por Cibrán Tenreiro
Nesta sesión trataremos as ferramentas e coñecementos técnicos básicos para a realización dun podcast. Para isto, abordaranse inicialmente os posibles condicionantes previos (equipamento, tamaño do equipo, realización presencial ou a distancia…) e explicaranse diferentes recursos de preprodución, produción sonora e posprodución, incluíndo pautas de locución, técnicas básicas de gravación de voz ou elementos básicos da edición de audio, así como exemplos de software e material accesible.
Sesión práctica II. 16:30 h – 19:30 h
Gravación e edición dos podcasts
Impartida por Cibrán Tenreiro
As tres últimas horas do curso dedicaranse á realización dos podcasts por parte do alumnado, que contará coa posibilidade de empregar material técnico (microfonía, gravadoras, tarxetas de son) cedido polo Grupo de Estudos Audiovisuais da USC. O profesorado resolverá dúbidas e supervisará os procesos de gravación e edición de cara a rematar o obradoiro coa produción completa dun breve podcast cinematográfico sobre algún dos contidos da programación do festival.
*As pezas realizadas no seminario publicaranse a semana seguinte na revista.
Docentes
Mariona Borrull (elu/ela) escribe crítica de cine e series para Fotogramas e Serielizados, e fala en Les tardes de Catalunya Ràdio, en Tot és comèdia de SER Catalunya e no programa Va de cine de Radio 4. Especializouse na cobertura de festivais de clase A, onde colabora con medios como El Antepenúltimo Mohicano, Sensacine, El Confidencial e OtrosCines Europa, entre outros. Presenta Sopa de Miso, de Serielizados, un podcast semanal en catalán sobre o mundo do anime.
Cibrán Tenreiro é profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación e membro do Grupo de Estudos Audiovisuais na Universidade de Santiago de Compostela, onde imparte clase en materias como Documentación, Edición ou Tratamento do son. Como investigador, traballa especialmente arredor das relacións entre música e imaxe, das comunidades artísticas amadoras e do cinema galego, temas que en ocasións tamén se filtran no seu traballo como xornalista, onde colabora regularmente no Diario Cultural Zeta da Radio Galega. Nesta faceta tamén conduce o podcast Fan Fan na revista VINTE, onde aborda a creatividade do fandom, e mantén o blog Bolsa de Patacas, no que recompila así mesmo as súas publicacións para outros medios como A Cuarta Parede ou Tempos Novos.
Prazos e matrícula
A matrícula estará aberta dende o martes 5 de abril ata o martes 3 de maio de 2022 (ás 23:59 h). Os alumnos interesados deben escribir un correo especificando o seu desexo de participar no seminario a info@acuartaparede.com, sinalando no asunto do correo “Seminario Play-Doc” e incluíndo o seu nome completo e o DNI.
O prezo da matrícula é de 25 €. Ademais da asistencia ao curso, tódolos alumnos recibirán unha acreditación completa para poder asistir ás proxeccións do festival. A maiores, ofrecerase un desconto en aloxamento para facilitar a estancia en Tui durante os días do festival.
O número de alumnos estará limitado a 20, tendo prioridade aqueles que realicen antes a matrícula. Tras enviar o correo, os participantes recibirán instrucións sobre a conta bancaria na que deberán efectuar o pagamento da matrícula. É esencial efectuar o pagamento antes do día 4 de maio para facer efectiva a inclusión no curso.
*Será imprescindible entregar a peza elaborada no seminario para recibir o diploma de asistencia ao mesmo.