“SEMPRE TRABALLO CON MATERIAL ENCONTRADO, CO MEU PROPIO MATERIAL ENCONTRADO”

Alberte Pagán (O Carballiño, 1965) é un francotirador do cinema. Grava case por compulsión, botando man do que ten preto, ata o punto de que a súa propia casa en Porto do Son é o escenario máis habitual nos seus filmes. E con eses pequenos anacos do cotián constrúe o seu discurso cinematográfico, barallando imaxes ás que xa lles outorga entidade propia no momento que saen da súa cámara. O seu nome fíxose coñecido en 2006, cando “por causas alleas” gañou o premio de cinema ensaio Román Gubern con Bs.As., pero a súa filmografía é unha das máis extensas entre os actuais cineastas galegos. Profesor, activista, ensaísta e cineasta, vén agora de rematar o que el mesmo define coma o seu primeiro traballo de ficción, A pedra do lobo.

O seu primeiro filme, a curta Como foi o conto ten data de 2004. Foi a súa entrada tardía no cinema?

En realidade, esa foi a data na que se proxectou, pero a maioría das imaxes graváraas había case unha década. E se non empecei antes, foi por limitacións tecnolóxicas. Nesa época obtiven a miña primeira videocámara doméstica, o que me permitiu ir poñendo en práctica as miñas ideas. E, posteriormente, cando fun capaz de facer a maioría do traballo co meu ordenador, foi cando comecei a aumentar o ritmo dos meus proxectos, e as novas canles de distribución facilitáronme estrealos. Pero o cine sempre me interesou, sempre gravei o que tiven a man.

Por que esa preferencia polas imaxes do cotián?

Por comodidade, porque é o que teño preto, o que coñezo ben. E sérveme para plasmar as miñas ideas. Pero, en realidade, no momento no que o meu entorno se converte nunha imaxe gravada, queda alleado. Cando o volvo ver, durante o volteado ou a montaxe, ten xa entidade propia, é como se non fora meu. Xa non me considero autorizado para cambialo ou manipulalo, é como se fora material encontrado. Sempre traballo así, co meu propio material encontrado.

Con material encontrado naceu tamén o que talvez sexa o seu filme máis coñecido, Bs. As.

Xurdiu a partir dunha foto familiar da miña nai, e dunha viaxe a Bos Aires que fixemos no 97. Para min, esta película naceu da necesidade de contar e entender a historia da miña familia. Algúns emigraron, outros non. Algúns ficaron alá, pero outros quixeron volver e non puideron. As miserias da posguerra estaban demasiado incrustadas na conciencia. A partir de aí, naceu unha historia sobre a emigración a Arxentina e a súa relación con Galiza. E, no persoal, serviume para retomar contacto cunha prima miña que ficou alá.

Que supuxo para vostede o éxito desa película, tras o premio Román Gubern?

Abriume algunhas portas, pero nada máis. Proxectouse en moitos lugares, realmente, e recibiu algúns premios, pero esas cousas ocorren por causas alleas. Os festivais non deixan de ser outro mercado.

Falemos de proxectos recentes. En Eclipse xa apunta algúns dos temas que tratará despois en A pedra do lobo. Como chegou a el?

Naceu de Eclipse Metanoíco, que foi unha encarga do festival de Noia. Eu filmei a pereira da miña casa durante medio ano, e montei as imaxes para que os músicos Pablo Sax e Andrés Castro, ao saxo e ao piano, tocasen en directo durante a proxección. Polo tanto, é un filme difícil de amosar fóra desas circunstancias. Só a proxectei dúas veces, unha no festival e outra na casa das Atochas, da Coruña. A partir de aí, continuei gravando ata ter o ciclo completo das estacións nesa árbore e en todo o que hai arredor dela, animais, paisaxes, persoas… e así naceu Eclipse, unha versión máis doada de programar. Nese sentido, si que ten moito que ver con A pedra do lobo.

Esa orixe musical quedou plasmada no son final de Eclipse, non?

Normalmente, eu non me metía moito no tema da música, pero no caso deste proxecto, si que quixen experimentar conxugando son e imaxe. Eclipse ten unha banda sonora creada por min, a partir do son do trono que se escoita no plano final. Modifiqueino dixitalmente, e engadín detalles como a voz de James Joyce lendo un fragmento do Finnegan’s Wake, unha obra que ten moito que ver co contido da película. De novo, en A pedra do lobo continuei nesa investigación, buscando un verdadeiro proxecto audiovisual, desta vez coa colaboración de Urro, Luís Alberto Legido e Pablo Sax.

"Todo o meu cine ten dimensión política, pero ás veces son político no fondo e na forma".

De onde xorde A pedra do lobo?

É unha idea que vén de moi atrás. De feito, hai planos que xa tiña gravados de antes. Un é o segundo que aparece na película, un primeiro plano de Susi (a súa compañeira). Tamén unha serie de tomas de partes do seu corpo durmindo, e outras dos dous protagonistas beixándose. Naceron dun intento de converter o cine máis radical, neste caso concreto o de Andy Warhol, nun filme narrativo. Por iso, estes planos fundacionais refírense a proxectos como Sleep, Kiss ou os seus ‘screen tests’. E quixen demostrar que, mesmo nese estilo tan antinarrativo, ao poñer un plano ao lado do outro, xorde unha narración, que está oculta nos empalmes, e que precisa do espectador para ser descodificada.

Gústalle facer traballar ao espectador?

Non quero que a xente observe adurmiñada o que eu lle dou mastigado. Gústame que poñan esforzo da súa parte, que observen, que pensen. É un xeito de defender unha sociedade menos pasiva.

Seguindo con A pedra do lobo… Por que a definiu como o seu primeiro proxecto de ficción?

Ficción nun sentido amplo, claro. Foi a primeira vez que intervín directamente nas imaxes que gravaba, dicíndolle á xente que pasara por diante facendo isto ou o outro. Nunca antes fixera algo como iso. Non me gusta intervir máis alá, prefiro as imperfeccións.

Outro cambio foi que, por primeira vez, traballou vostede cunha axuda pública. Notou a diferencia?

Tiven cartos da Agadic, pero realmente só pedín a subvención porque me insistiron os colegas, e dixen “pois mira, por que non?” (Ri). Non se meteron para nada no resultado e déronme liberdade total, pero sufrín un constrinximento temporal e vinme un pouco apurado para rematala. Se a tivese feito pola miña conta, igual aínda estaría hoxe en día traballando nela. E igual era unha película de seis horas en vez de dúas…

Deixou moito fóra da montaxe?

Moitas cousas si. Algunhas imaxes gravadas en Panamá, e varias ramificacións narrativas. Pero non me desgusta o resultado. Quedou máis concentrado.

Dentro do seu traballo, xa dende Os waslala, de 2005, agroman filmes de claro contido político, como Tanyaradzwa, ou Outrasvoces

Ás veces teño unha intención máis documental, de deixar falar a quen habitualmente non se lles escoita. Os waslala, de novo, nace de imaxes de moi atrás, como activista do COSAL Galiza (Comité de solidariedade con América Latina). Visitamos a estes campesiños do norte de Nicaragua, perseguidos pola Contra e pola ReContra, e a cámara nin sequera a levara eu, senón un compañeiro. Deste xeito, fixen o filme para poder contar aquela viaxe. Na mesma liña, durante un periplo por Zimbabue atopei a marabillosa historia dunha muller que se plasmou en Tanyaradzwa, onde ela é tan autora coma min. Todo o meu cine ten dimensión política, pero ás veces son político no fondo e na forma.

 

Comments are closed.