Almodóvar roda sobre rodas
VII Premios María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual
Premio ao Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional: Almodóvar roda sobre rodas, de Juan Ares Pérez.
“Un titular do ano 2002 do xornal El País afirma o seguinte: ‘Almodóvar evoca el coche en el cine como lugar para amar y morir’. Baixo esta premisa, este videoensaio xorde como unha paisaxe en movemento na que os automóbiles das súas películas (e as persoas que os ocupan) dialogan e xeran novas relacións diexéticas previamente inexistentes. Ao longo da súa vasta filmografía, o coche, case sempre de cor vermello, constitúese como un elemento dramático vital, mesmo como un personaxe máis. Para o director manchego este vehículo é o lugar idóneo para as revelacións, as conversacións intensas, os choros, os bicos, os partos… ou incluso a morte. Porén, non esquece o seu principal propósito: transportar aos personaxes dun espazo a outro, mais non só físico, senón sobre todo emocional”.
O xurado entregou o premio a Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional a Almodóvar roda sobre rodas, por aproveitar as posibilidades do medio á hora de identificar recursos narrativos convertidos en trazos autorais, confiando exclusivamente no poder suxestivo da montaxe para construír argumentos puramente audiovisuais, que transcenden a xustaposición para establecer diálogos capaces de xerar novos significados.
*Estes premios contaron co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense e a Deputación de Pontevedra.
**María Luz Morales (A Coruña, 1889 — Barcelona, 1980) destacada escritora e xornalista, foi unha das primeiras mulleres en España en ser directora dun diario estatal (La Vanguardia). Activista feminista, republicana e galeguista, o seu pouso intelectual deixou unha fonda pegada na historia do século XX.