ANDREA JAURRIETA: “TÓDOLOS MEUS FILMES TRATAN SOBRE A FUXIDA”

Andrea jaurrieta directora 1

Andrea Jaurrieta (Iruñea, 1986) vén de estrear a súa primeira longametraxe, Ana de día. Este filme, protagonizado por Ingrid García-Jonsson, conta a historia dunha moza que un día descobre que ten unha dobre idéntica a ela que está a vivir a súa vida, ocupando o seu lugar. En troques de facer algo respecto diso, o personaxe aproveita para fuxir e espremer a súa liberdade. Jaurrieta estudou dirección cinematográfica na ESCAC e arte dramática no Laboratorio William Layton. Antes de Ana de día, realizara varias curtametraxes e videoinstalacións.

Mentres estabas a preparar a produción de Ana de día fixeches unha serie de vídeos para YouTube a xeito de blog explicando como facer un primeirofilme, acompañando a campaña de micromecenado. Como xorde a idea de facer eses vídeos?

A idea xurdiu porque cando comezamos co micromecenado eu precisaba que chegase máis lonxe da miña familia, porque precisaba moito diñeiro. E claro, non sabía como explicar á xente que facer unfilme é súper caro, e que eu precisaba 20.000€ como mínimo. Daquela, pensei que facer uns vídeos en YouTube explicando o proceso sería unha boa forma de que a xente puidese saber canto custa realmente unfilme e que deixasen de crer que estamos sempre subvencionados. Tentaba conseguir máis cartos para o micromecenado, mais tamén que calquera que queira poida ver como é o proceso de conseguir diñeiro para facer un filme. É máis, os vídeos tiveron tanto éxito que mepediron que os seguise a facer, e encantaríame, maisxa non teño tempo para seguir.

Neses vídeos céntraste especialmente na precariedade e nas dificultades de facer cinema no estado español. Como afectou esa precariedade ao resultado final do teu filme?

Pois, principalmente, en que non puidemos pagar moito á xente; cobrouse moi pouco. En canto á rodaxe e á estética, houbo algunhas cousas que non puidemos facer. Eu tiña pensados algúns movementos de cámara e algúns travellings que non foron posíbeis, mais tanto ten. Coido que hai que adaptarse ao que se ten para contar a historia da mellor forma posíbel. Emporiso, descartamos cousas que visualmente eran máis fermosas, como ter máis movementos de cámara, algúns planos da cámara acompañando ao personaxe mentres entra nun lugar, etc.

Que sacarías en positivo destas dificultades?

Tivemos total liberdade creativa. Non había ninguén detrás dicíndonos o que podiamos facer e o que non. Fixemos o que quixemos.

Still ANA DE DIA 9

Nas túas películas fas de todo: escribes, produces, dirixes, montas… Isto é porque buscas exercer un maior control sobre o resultado ou é por necesidade?

É por necesidade. Tamén é verdade que me gusta controlar tódolos aspectos dos filmes que fago, mais, por exemplo, no caso das curtametraxes, monteinas por necesidade, por non poder contratar a ninguén. Con todo, teño que dicir tamén que Ana de día montouna outra persoa e, aínda así, eu estiven a traballar tódolos días con ela durante todo o proceso.

En moitas das túas curtametraxes, como A pleno sol, Los años dirán ou Algunas aves vuelan solas, as protagonistas son mulleres que precisan fuxir da súa propia vida. En Ana de día este elemento segue presente, mais dáslle á protagonista esa oportunidade de fuxir. Como xorde a idea de integrar esa posibilidade a través dunha dobre?

É unha pregunta moi guai. Os personaxes dos meus filmes sempre precisan fuxir, mais nunca se atreven. Dunha banda queren, mais doutra é como ‘como vou deixar escapar todo isto que teño’? A vida é iso. Daquela, cando se me ocorreu a idea de Ana de día pensei que, como os meus personaxes son sempre covardes, esta era unha forma de darlle á protagonista a oportunidade de fuxir sen ter que romper con todo o que ten. Os meus personaxes sempre son formais, bos, fan o que teñen que facer. Pensei que se houbese un dobre que puidese cumprir coas súas obrigas, eles poderían fuxir sen que houbese consecuencias, poderían comezar unha nova vida. Cando falei cun amigo sobre a idea de que a un personaxe se lle apareza un dobre pensei: que guai, por fin sería libre, porque o dobre cumpriría coas súas obrigas. Decateime de que podería liberar aos meus personaxes. É iso, tódolos meus filmes tratan ao final sobre a fuxida.

Ao introducir o personaxe da dobre en Ana de día inclúes un punto de fantasía. Que referencias tes dentro deste xénero?

Coido que a miña meirande referencia nese sentido é Luis Buñuel, porque sempre inclúe elementos surrealistas en contextos realistas. El ángel exterminador (Luis Buñuel, 1962) é o exemplo máis claro. Ti estás a ver unha historia duns burgueses nunha casa, todo vai ben, e de súpeto atópanse con que non poden saír. Non ten ningún sentido, mais o público acéptao. Iso é o que me gusta, que as cousas inexplicables se introduzan nunha historia normal. Por iso coido que Buñuel é a miña maior referencia neste sentido.

Ademais de estudar dirección tamén tes formación en arte dramática. Como foi o traballo con actores?

A min me gusta moito traballar con actores, e entendo que cada un ten unha forma diferente de traballar. O que sempre tento é que eles se sintan cómodos, porque sei o difícil que é pórse diante dunha cámara e que todo o mundo estea a ollar para ti; é fácil sentirse inseguro. O que sempre tentei é iso, facer que sesintan cómodos. Por exemplo, en Ana de día, Ingrid García-Jonsson era máis cerebral, e traballamos máis no estudo do personaxe sobre o papel. Mona Martínez era máis metódica, así que traballei con ela a base de preguntas, construíndo o pasado do personaxe. Traballei moito con elas tentando ver como podían acadar conexión co interior do personaxe de xeitos diferentes. Tamén procurei respectar a súa preparación previa á rodaxe. Está todo o mundo berrando, pondo luces… e os actores precisan concentrarse.

Still ANA DE DIA 4

A maior parte das túas curtametraxes están subidas á túa web e calquera os pode ver. Pensas que, logo de pasar por festivais ou salas, o cinema debe estar en internet?

Teño tódalas miñas curtas na rede porque xa pasaron por festivais. Unha vez que pasan polo circuíto xa as amortizaches… ou non [ri]. Dun xeito ou doutro, xa os moviches por onde debes para tentar recuperar o diñeiro investido. A seguir, o que quero é que a xente as poida ver. Coa longametraxe, por exemplo, encantarame que, unha vez que pase o período de festivais e salas, tamén se poida ver en internet. É máis, vai estar en Filmin, e coido que en Movistar tamén. Penso que a xente debe ver os filmes, mais cómpre entender que custaron un diñeiro, que eu teño que devolver ao banco, polo que se hai pirataría e alguén se está a lucrar a través da publicidade a partir do traballo que eu fixen, non me parece ben. Se dentro de dez anos xa amorticei os meus filmes, daquela si, parecerame ben que a xente os poida ver libremente.

Como é, dende a túa perspectiva, a situación arestora para as cineastas noveis no estado?

Pois está fatal [ri]. Non, a ver, véxoo agora mellor que antes de facer o filme. Agora, coa concienciación que está a haber, hai produtores interesados en novos proxectos, máis arriscados, de xente nova… Iso é bo. Tamén hai puntuacións favorábeis para as cineastas novas nas axudas, mais, tal e como está todo organizado, o cinema de autor e o cinema independente están bastante mal amparados. Se eu quero facer unha comedia ou algo para televisión, pois quizais teña máis facilidades, mais á hora de facer un filme ao meu xeito, é moi complicado. Como muller, até hai pouco, aínda máis, pero a verdade é que agora é complicado sexas home ou muller.

Tes na túa web un teaser de Who were you, Kelly family?, un documental que está en fase de investigación sobre un grupo musical formado por unha familia de nómades que se popularizou nos anos 90. É o teu próximo proxecto?

Xusto hai uns días soñei con ese documental. É un documental que comecei coa miña irmá cando Ana de día non saía adiante e de súpeto saíu, así que o tiven que deixar un pouco de lado. Cando temos tempo avanzamos, mais é complicado porque precisamos ter os dereitos para acceder ao arquivo desa familia. Son unha ducia de irmáns, e algúns nin sequera se falan, polo que nos está a custar moito. Temos moitas entrevistas, fixemos unha viaxe para seguir o itinerario que eles fixeron como nómades, mais fáltanos o máis importante, que é acceder ao seu arquivo audiovisual. O proxecto está un pouco parado até que consigamos cartos, porque eles queren cartos, claro. Confío, con todo, que de aquí a pouco poidamos pórnos con isto…

Comments are closed.