Ángel Filgueira: “Un dos retos do filme foi intentar fuxir dunha imaxe máis pornográfica e así naturalizar un contido que tira moito cara ao sexual”

Ángel Filgueira

Ángel Filgueira pechou a oitava edición de Novos Cinemas coa estrea en Galicia da súa primeira longametraxe de ficción, Canto toco un animal, protagonizada por Lidia Veiga, Ánxela Ríos e Xulio Besteiro, e producida por Sétima, a produtora galega fundada por Anxos Fazáns e Silvia Fuentes.

Explorando o traballo previo de Filgueira, incluída unha curtametraxe titulada As ondas, que serviu como experiencia previa e toma de contacto do equipo para a creación deste filme, advírtese non só unha forma concreta de gravar (unha cámara en man fluída e que pivota sempre moi preto das personaxes, das que semella querer extraer coa lente cada pensamento que lles pasa pola cabeza), senón tamén varios temas que atravesan practicamente toda a súa filmografía: o corpo, a pel e as relacións.

Todo isto desemboca en Cando toco un animal, un filme de gran fisicidade que traballa dende o máis íntimo para facer estoupar no exterior as emocións, que ten claro o seu camiño e aposta por unha narrativa elíptica baseada nos encontros sexo-afectivos entre o trío protagonista. Cando toco un animal é ese tipo de cine cada vez máis extinto, que conta máis coa imaxe que coas palabras, que desborda naturalidade e fuxe do morbo. É, sen dúbida, unha conquista.

Como foi rodar en plena pandemia [primavera de 2021] unha historia na que a parte física e sensorial é tan importante? Como se constrúe dende a distancia un filme que precisa de tanta proximidade?

Para os ensaios tivemos que facer un pouco o ninja. En 2020 mantivemos moitas videochamadas, falabamos todas as semanas e tamén conseguimos xuntarnos en persoa. As actrices foron case as persoas coas que máis falei en 2020. Os ensaios consistían en dinámicas corporais e xogos, como gravarse entre elas, bailar, xuntar os corpos… Despois, no casting, con Xulio tamén traballamos desta forma para forxar unha conexión. Antes da rodaxe tivemos unha semana na que incluímos ao equipo técnico, para crear esa proximidade necesaria entre todos. Finalmente, a rodaxe, que durou un par de semanas —excepto a escena da discoteca e un par máis, que gravamos este inverno polas restricións da pandemia—, foi algo incómoda porque estábamos todos cas máscaras, excepto os intérpretes, e tivemos que facer un esforzo para esquecernos diso tamén.

Cando toco un animal, de Ángel Filgueira

Nunha historia como esta, na que a presenza de diálogos é mínima, onde as emocións e as imaxes transmiten máis que as propias palabras, como funciona o proceso de escritura e desenvolvemento?

Nas primeiras versións de guión había máis diálogo e certas propostas que implicaban improvisar. Durante os propios ensaios, deime conta de que algunhas cousas que escribira xa estaban contadas en outra secuencia sen empregar palabras, e foi todo nesa dirección. De feito, na propia rodaxe, non traballamos cun guión literario, senón cun guión de intencións. Cada personaxe tiña unhas bases que marcaban cara a onde ir, pero ás veces íamos noutra dirección; probamos moito. Tamén na montaxe caeron certas secuencias de texto. Todo foi tirando cara ás sensacións que fomentaban a proximidade. A pandemia tamén fixo que quedaran fóra secuencias de grupo, e incluso algunhas de exterior.

A que te refires cun “guión de intencións”?

Foi algo que inventei [risas]. Seguro que xa existe, pero aquí naceu de preguntarlle ás actrices polo que precisaban na rodaxe unha vez creadas e entendidas as personaxes. O que máis lles interesaba a elas como actrices era saber que querían as personaxes en cada momento. Entón, collín o guión e fun escena por escena facendo un cadro do que quería cada personaxe, e convertín iso na ferramenta que máis usamos durante a rodaxe.

Como constrúes a narrativa dunha obra na que non existe unha liña de ficción convencional, senón que todo está contado mediante viaxes e encontros sexuais divididos por estacións, creando así unha especie de road movie corporal? Onde se atopa o maior peso de construción da historia: no guión, na rodaxe, na montaxe, ou é unha mestura de todo?

A montaxe foi evolucionando e na edición cambiou moito a estrutura, pero isto foi posible porque no plan inicial sempre estábamos buscando momentos da relación desas personaxes; primaba máis a naturalidade das reaccións, a convivencia e toda a confianza que xeramos. Iso era moito máis importante que unha narrativa tradicional. Todo isto foi o que nos permitiu logo reflexionar sobre as secuencias e darnos conta de que, se cambiábamos algunhas, a historia funcionaba igualmente. Na propia rodaxe tamén tomamos decisións sobre cousas que non funcionaban e que acabei quitando.

A decisión de dividir o filme en capítulos que representan distintas épocas do ano, estaba presente dende o principio ou colleu corpo máis adiante?

A proposta estaba dende o principio, pero non de xeito tan capitular. Tíveno máis claro na montaxe. Foron capas que enriqueceron o proxecto e apareceron despois, ao igual que os textos e a música.

Cando toco un animal, de Ángel Filgueira

O filme funciona como unha especie de organismo vivo, que está sempre en movemento buscando o seu camiño. En que momento decides poñer o punto final?

Iso foi moi difícil [risas]. A montaxe durou moito, pasamos por moitos laboratorios para financiar a posprodución, e isto deu lugar a un proceso de montaxe que nos permitiu deixar o material un tempo en repouso e logo volver a el. Hai que chegar a un punto no que tes que dicir “xa basta”, porque se me poño agora seguro que empezaría a quitar máis cousas ou engadir outras. Se estivera eu só no proceso podería chegar a ser infinito, algo que non aconteceu gracias a contar co apoio de Anxos e Silvia, as dúas produtoras do filme.

Como foi o traballo cos actores? Entendo que require dun nivel de coñecemento e empatía moi elevados, para retratar de forma verosímil toda esa intimidade que demandaban as escenas.

O máis importante foi construír a confianza entre elas e comigo, e logo ser moi honestos, falar de que precisaban de min, de que precisaban entre elas, que querían facer, que non lles interesaba facer, o que me interesaba transmitir a min, etc… Foi un traballo conxunto. Non había nada prefixado, só uns puntos polos que pasar.

Esas escenas están moi conseguidas, en parte grazas a que os corpos non caen en ningún tipo de sexualización.

Ese era un dos retos do filme, intentar fuxir dunha imaxe máis pornográfica e así naturalizar un contido que tira moito cara ao sexual. A imaxe ás veces pode ir facilmente cara aí debido a un encadre concreto. De feito, eliminamos algunha secuencia precisamente porque a imaxe acabou caendo cara a algo que non quería. Non repetíamos as escenas moitas veces porque non quería caer tampouco en cousas artificiais, por iso foi moi importante que Marcos del Villar, o director de fotografía, estivera presente nos ensaios, para saber como moverse con elas.

O filme xa pasou polo LAB de Novos Cinemas, polo que o festival pontevedrés foi parte do proceso de desenvolvemento da obra. Ademais, todas as localizacións están filmadas na provincia. Como é iso de estrear na casa?

É a estrea ante a que máis nervioso estou, porque aquí está toda a xente que me leva escoitando falar do proxecto durante anos e agora van ver o resultado. Por outro lado, a principios de 2024 imos ter un circuíto por salas en Galicia, pero non temos aínda unha data concreta.

Cando toco un animal, de Ángel Filgueira

Comments are closed.