Antoni Muntadas en Intersección: obras e procedementos

A fin de semana do 30 e 31 de outubro Antoni Muntadas viaxou á Coruña para presentar en Intersección un grupo de pezas de vídeo e impartir unha masterclass. Este feito, que un artista pioneiro no país en vídeo independente participe (en persoa) nun festival incipiente galego de arte contemporánea, dános a oportunidade de falar do que podemos sacar do traballo dese artista transhumante dos media, que é Antoni Muntadas, para a nosa escena artística visual. Por isto, dedicarei o presente texto a destacar os mecanismos e metodoloxías que Muntadas usa para que a obra sirva de articulación social, colocando ao espectador no centro; de aí o lema que acompaña o seu percorrido: «WARNING: PERCEPTION REQUIRES INVOLVEMENT».

Unha subxectividade crítica

Antoni Muntadas

On translation: Miedo/Jauf, de Antoni Muntadas

Comezarei falando de On translation: Miedo/Jauf (2007), pois nesta peza danse visiblemente, e en conxunción, distintos procedementos operantes comúns en Muntadas que logo escindirei e reforzarei falando doutros traballos tamén mostrados no festival.

En  On translation: Miedo/Jauf podemos ver moi ben o resultado do método habitual en Muntadas de ir á fonte, ao contexto, e comezar o proxecto comprendendo o lugar. On translation: Miedo/Jauf fala sobre a experiencia do medo e a súa interpretación e complexidades aos dous lados do Estreito de Xibraltar. Así, desde comezos do 2006 recompílanse datos en Tarifa e Tánxer. Este proceder é moi consecuente tendo en conta o feito de que Muntadas traballa en moi distintas localizacións do planeta, por tanto, con situacións e culturas moi diversas, e fai que o proxecto se xeste nesta investigación e toma de contacto, é dicir, no diálogo coa realidade explícita. O financiamento do proxecto é asumido en función do que o contexto xere, é así como a duración do traballo non pode preverse e como Antoni non traballa con orzamentos pechados e metodoloxías mecánicas. Aquí podemos entender o traballo en site specific, nunha especificidade de contexto non trasladable a outro.

Empezamos a albiscar que se trata de que a obra funcione como articulación social; isto é, non de que o executor, o artista, altere a situación en función da súa necesidade creadora, senón de que se abra ao entendemento do que pasa site specific (e time specific), e permita unha disertación polifónica.

Que é o medo? Que sentimos cando sentimos medo?

Para que funcione a disertación polifónica emprégase o formato entrevista en ámbolos territorios. O “metadocumental”[1] parte da emoción do medo, desde a sensación, o que consegue un enriquecemento do discurso e evita unha caída simplista na problemática migratoria ou na conxectura da diferenza de relixións. Así, vaise despregando un sentido que vai desde cada persoa, cada testemuño, cara a un conxunto de voces diversas que actúan como contrapunto ao discurso mediático. A diferenza do relato emocional nos dous territorios revélanos unha opresión no contexto sur.

Medo a quen? A Industria do medo.

On translation: Miedo/Jauf é unha contestación á imaxe que os media nos impoñen do outro desde un estereotipo do sur que nun punto toca a fascinación exótica do descoñecemento e, sobre todo, promulga a asociación do magrebí coa delincuencia, o terrorismo e a intolerancia relixiosa.

No vídeo conxúganse as voces das entrevistadas con material televisivo e arquivos de ficcións cinematográficas que manipulan ao espectador con esas ideas mencionadas que son un catalizador do racismo. O resultado é un collage que desmente desde a realidade, dándose unha confrontación política, pero tamén estética; dado que mentres o material mediático entretén e manipula a mente do espectador pasivo, a linguaxe visual de Miedo/Jauf activa ao espectador estimulando unha reflexión mediante ese fío coral, ao que se suman citas de diferentes publicacións independentes e críticas. A transcendencia deste traballo aumenta polo feito de que se transmitiu en televisión, o que o converte nun feito descolonizador da comunicación mediática.

Miedo/Jauf acaba sendo unha investigación sobre as estruturas de poder. A instrumentalización do medo é o que verdadeiramente lle outorga rixidez ás fronteiras. En Miedo/Jauf aproximámonos ás consecuencias do imperialismo e entendemos que a construción de fronteiras vai máis aló da seguridade; neste caso, que haxa unha fronteira natural, o mar, facilítanos a comprensión e desprázanos a entendelo desde unha lóxica produtiva na que o capital son as vidas humanas desprazándose.

O discurso dos medios

A análise dos medios de comunicación e información acompaña a Muntadas ao longo da súa obra. Concéntrase nunha serie de traballos na década dos 70, onde se mostra un impulso contratelevisivo, nos cales usa a televisión e o material que a compón como corpo dunha obra conceptual, en sintonía coas instalacións de Nam June Paik e a corrente dos primeiros anos da videoarte e o videoactivismo. Este ímpeto transfórmase e pasa por iniciativas de televisión alternativa, onde máis tarde afondaremos, para despois recorrer á televisión como fonte de contido e obxecto de crítica.

Antoni Muntadas

Video is Television?, de Antoni Muntadas

Video is Television? (1989) é unha desas pezas na que o material televisivo é revisado baixo unha apertura, unha pregunta que non se contesta. Este material composto por programas de televisión e películas de serie B mestúrase con fragmentos de vídeo e rótulos con palabras que parecen sentenciar todo o que é o vídeo e a televisión. Palabras que só polo feito de aparecer conseguen que o espectador faga xuízos, acción contraria á pasividade coa que senta a ver a televisión, nun momento (1989) no que o vídeo entra nos fogares e produce un cambio na cultura da imaxe. 

É importante dicir aquí que, con este tipo de traballos, Muntadas aborda o concepto de “mecanismos invisibles”, referíndose á aparencia dos media como portadores neutrais de discurso cando son manipulados por sistemas invisibles que persuaden ao espectador mediante técnicas subliminares de comunicación e linguaxe visual.

A introdución ao corpus conceptual dos media é necesaria para entrar nun dos recursos máis poderosos de Antoni Muntadas: a utilización do espazo da arte para posibilitar unha acción social e política.

O espazo da arte

O último traballo a proxectar no festival foi Açik Radyo (Myths & Stereotypes) (2010), vídeo dividido en dúas partes: unha primeira onde se describe o proxecto de Açik Radyo como radio independente en Istambul, e outra segunda na que se documenta o programa no que traballou Muntadas e foi emitido por esta radio: Myths and Stereotypes. Açik Radyo significa «Radio Aberta» e ten un carácter activista, dadas a súa heteroxeneidade temática e a súa estrutura non xerárquica. Foi un dos poucos medios de comunicación turcos que informou da revolta en Istambul pola protesta contra o plan de desenvolvemento urbanístico de Taksim Gezi, que consistía en construír un centro comercial e unha zona residencial prescindindo dunha das zonas máis verdes da cidade. Durante os días da protesta, a policía desaloxou aos manifestantes de maneira violenta causando oito mil feridos e once mortos e isto foi camuflado polos medios de comunicación, evidenciando o control sobre os mesmos do goberno de Erdoğan.

Myths and Stereotypes dá voz a case vinte persoas falando de Istambul no ano que foi elixida como Capital Europea da Cultura, cuestionando a súa organización económica e política e o seu xiro cara ao neoliberalismo.

Açik Radyo (Myths & Stereotypes) é un exemplo da decisión de Muntadas de ceder o espazo da arte a accións vitais e políticas que serían moi difíciles de xestar fóra do mesmo, pero é necesario debullar neste texto o traballo Cadaqués Canal Local (1974), que aínda que non foi exhibido en Intersección , serviranos para acabar de concibir a armazón tralas obras de Antoni Muntadas.

Cadaqués Canal Local é unha experiencia de televisión alternativa na localidade de Cadaqués nun momento no que a televisión era de propiedade estatal e no que España carecía de experiencias de comunicación descentralizadas, como si se daban noutros países como Bélxica ou Francia. Muntadas grava entrevistas aos veciños e acontecementos na localidade durante o inverno, que é cando Cadaqués pertence ás persoas locais, podendo gozar das súas propias festas e costumes. O material emítese no verán, cando toda a vida do pobo queda relegada ao turismo, en puntos de interacción social, e consegue que a vila asista a ver as gravacións con grande entusiasmo durante catro días do mes de agosto.

Ademais de visibilizar a actividade dos locais nesa etapa onde só hai espazo para o turista, a acción consegue, por unha banda, que se destapen os mecanismos mediáticos que contan a realidade coma se fose unidireccional, cando é diversa e complexa, e desde unha linguaxe dirixente, en lugar de interpelante, ao ver posible no mesmo medio (a televisión) outra linguaxe fóra do modelo cultural televisivo e dunha espontaneidade que a achega máis á experiencia real. Doutra banda, e para acabar, Antoni Muntadas utiliza o espazo relativamente protexido da arte para executar unha acción social que sería censurada fóra do seu amparo (lembremos, ano 1974). Aquí é cando a súa obra vai máis aló dun marco conceptual, onde se politiza, superando a barreira da arte e a vida e entrando no espazo público e colectivo, desmarcándose da fabricación dun obxecto artístico e ofrecendo unha articulación social, situando á audiencia no centro.

[1] En palabras de Antoni Muntadas na presentación de On Translation: Miedo/Jauf o sábado 30 de outubro no festival Intersección.

Bibliografía

  1. BONET, Eugeni. La televisión de frente y de perfil. En Muntadas. Contextos III. Una Antología Crítica. Barcelona: Ajuntament de Barcelona, 2020, pp. 194-216.
  2. CALDEIRA, Teresa. Los muros y las nuevas tecnologías de lo público: Miedo/Jauf. En Muntadas. Contextos III. Una Antología Crítica. Barcelona: Ajuntament de Barcelona, 2020, pp. 95-109.
  3. EXPOSITO, Marcelo. Muntadas: Cadaqués Canal Local (1974) y Barcelona Distrito 1 (1976). En Muntadas. Contextos I. Una Antología Crítica. Buenos aires: Ediciones Simurg, 2002, pp. 277-279.
  4. GALE, Peggy. El ojo de Muntadas: 1991. En Muntadas. Contextos I. Una Antología Crítica. Buenos aires: Ediciones Simurg, 2002, pp. 209-213.
  5. LEE, Chaeeun. El arte de la radio alternativa: De Radio Alice a Açik Radyo. En Muntadas. Contextos III. Una Antología Crítica. Barcelona: Ajuntament de Barcelona, 2020, pp. 268-292.
  6. MARTÍ, José Mª. Cadaqués Canal Local. Una experiencia piloto de comunicación. En Contextos I. Una Antología Crítica. Buenos aires: Ediciones Simurg, 2002, pp. 280-292.
  7. MUNTADAS, Antoni. On Translation: Fear/Miedo y On Translation: Miedo/Jauf. En Muntadas. Contextos III. Una Antología Crítica. Barcelona: Ajuntament de Barcelona, 2020, pp. 495-496.
  8. MUNTADAS, Antoni. Sobre los mecanismos invisibles. En Muntadas. Contextos I. Una Antología Crítica. Buenos aires: Ediciones Simurg, 2002, p. 365.
  9. MUNTADAS, Antoni. Una subjetividad crítica. En Muntadas. Contextos I. Una Antología Crítica. Buenos aires: Ediciones Simurg, 2002, pp. 368-370.
  10. MUNTADAS, Antoni. Especificidad del tiempo. En Muntadas. Contextos II. Una Antología Crítica. Buenos aires: Ediciones diCom|ediciones, Espacio Fundación Telefónica y Centro Cultura España Buenos Aires (CCEBA), 2007, pp. 467-468.
  11. VILLAESPESA, Mar. Negra Utopía. Aproximaciones a On Translation: Miedo/Jauf. En Muntadas. Contextos III. Una Antología Crítica. Barcelona: Ajuntament de Barcelona, 2020, pp. 67-83.

Comments are closed.