ARRIVAL, de Denis Villeneuve

arrival-2016-movie-amy-adams

Despois de ducias de blockbusters protagonizados por policías, avogados ou médicos, profesións en teoría moito máis cinemáticas, chega a rara ocasión en que o colectivo que capitanea un dos filmes da tempada hollywoodiense é o de tradutores e filológos. Máis aló do moito que se viralizou no Galitwitter a secuencia da orixe do portugués, a priori calquera espectador con mínimas nocións de lingüística gozará cunha película cuxa premisa mestura a hipótese de Sapir-Whorf con extraterrestres. E os profanos tamén: Amy Adams (a estas alturas non imos descubrirlle a ninguén o talento contido desta actriz) dálle mil voltas a Noam Chomsky facendo que a gramática xenerativa pareza sexy.

Que unha fita cuxo principal nó narrativo sexa a aprendizaxe dun idioma alieníxena resulte interesante para a audiencia ten moito que ver coa espectacular posta en escena de Denis Villeneuve, apoiada nun vistoso deseño de produción (a secuencia da entrada na nave é hipnótica) e nunha atinada solución visual para a lingua dos invasores heptápodos: eses pictogramas circulares que debuxan como luras con tinta nebulosa logran transmitir esa inabarcable noción de exótica gramática interplanetaria.

O realizador canadense foi construíndo a súa carreira máis recente de artesán industrial escollendo moi ben que referentes homenaxear (ou imitar) nas súas versións de modelos fílmicos coma o thriller soderberghiano (Sicario, 2015) ou o policíaco fincheresco (Prisoners, 2013), e neste caso fíxase en cumios da ciencia ficción de hai décadas, do evidente (eses ovnis monolíticos teñen unha clara inspiración kubrickiana) ao sutil (intúense influencias de Spielberg e da escola soviética). Nun panorama coma o actual no que a sci-fi adoita infrautilizarse como pano de fondo para filmes de acción sen máis ínfulas que unha pirotecnia aparatosa, que un produto comercial recupere as posibilidades especulativas do xénero e tente abordar cuestións ontolóxicas fai que automaticamente destaque sobre a media. Tal foi o caso de Interstellar (Christopher Nolan, 2015) o exercicio pasado.

Unha mágoa que o guionista Eric Heisserer non poida levar esta interesante proposta ata as súas últimas consecuencias ata o terceiro acto do filme, no que a asimilación do idioma extraterrestre lle permite á tradutora acceder a unha nova, post-humana dimensión fractal da realidade, propiciando un xiro que permite a reinterpretación non linear do argumento e da montaxe. Neste tercio hai ecos do Terrence Malick iluminado de The Tree of Life (2011), aínda que domesticado para o público de multicine: un camiño pouco frecuentado que habería que transitar máis. Tamén é un fastidio que para poder chegar a esta apoteose haxa que aturar unha trillada subtrama militarista de choque de potencias propia da serie B con ameaza amarela incluída (unha peaxe que habería que pagar na fase de desenvolvemento do proxecto e que empaña un pouco o saldo). Polo menos deixa unha mensaxe pacifista a prol do diálogo internacional (“a comunicación é a nai do entendemento” debería ser a frase promocional) que, tal e como está a cousa política, nunca sobra.

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.