AUTORÍA DE XÉNERO, COLLEITA 2010-2011

É habitual nas conversas cinéfilas escoitar que a dicotomía entre cinema de autor e de xénero está superada. Canto maior é a necesidade de evidenciar algo, menos certo adoita ser.

O posmodernismo tróuxonos exercicios referenciais e metafílmicos que acabaron por converter o propio ensaio sobre o xénero nunha pegada autoral. Os Coen ou Quentin Tarantino son boa mostra disto.

Pola contra, Hollywood segue xogando sobre seguro, e semella que non quere traizoar estas categorías, tan vendibles como calquera outra marca ben asentada no mercado. Non quere dicir isto que de cando en vez non che saia un Martin Scorsese ou un David Fincher que aproveite o sistema para colar as súas mensaxes, para imprimir unha pegada única en cada cinta. Referímonos habitualmente a eles como a terceira vía.

En realidade, estas dúas vertentes chegan a un punto intermedio dende distintas orixes. Os primeiros son autores que se meten a xogar co xénero. Os segundos son ‘filmmakers’, no sentido máis industrial da palabra, que fan algo máis que ‘movies’. E, no medio, atópanse.

Porén, temo que moitos vehementes defensores do cinema de autor non saísen na defensa destes cineastas. Se cadra, son os seus colegas de profesión os que teñen que ir ao rescate.

Dende a estrea o ano pasado de Uncle Boonmee e d’O Estranho Caso de Angélica, un bo número de películas estiveron apuntándose a unha tendencia que toma elementos do fantástico, da ciencia-ficción ou do thriller, pero dunha forma máis sutil que a do posmodernismo. Non se trata dun exercicio referencial e de acumulación, senón máis ben dunha refracción das sombras do xénero en filmes de marcado corte autoral.

Os personaxes de Sono, imbuídos en ambientes marxinais, violentos e en situacións surrealistas, recordan moito ao universo almodovariano.

Refraccións fantasmais

Se cadra, a cineasta que mellor recolle o legado de Apichatpong Weerasethakul sexa Naomi Kawase en Hanezu. A súa historia, a dun triángulo amoroso tirado dunha lenda xaponesa, é tamén de pantasmas, pero pisa forte no mundo terreal e desenvolve de novo algunhas das inquedanzas presentes en boa parte da súa filmografía.

A presenza do outro mundo concéntrase neste caso, coma en Uncle Boonmee se centraba na curta aparición do mono, nunha escena de resurrección dun morto vivinte con encadres moi pechados, que non deixan apreciar a identidade do personaxe. Mediante equívocos temporais, o filme desenvolve en clave poética unha tese de eterno retorno ao redor dunhas ruínas milenarias en Nara, berce da civilización nipoa.

Nación, terra, paixón e maternidade, son algúns dos temas que volven preocupar á autora de Shara, que conta na superficie un relato de amor a tres bandas sobre o impacto dos segredos nunha relación íntima.

Podemos cualificar Beast, de Christopher Boe, dun xeito similar, aínda que esta dixira o thriller e o cinema de vampiros dun modo máis orgánico. Un home cornudo quere beber o sangue da súa esposa para se sentir en comuñón con ela. Presentindo que o engana, séguea coma se dun detective privado se tratara. Esta é a premisa. Despois, Boe fai o que lle vén en gana, funcionando o filme como unha sorte de drama intimista de suspense, no que o que importa é a deteriorada relación da parella.

Outros thrillers que abandonan esta condición cando é preciso para falar das paixóns amorosas son Guilty of Romance, de Sion Sono; e La piel que habito, de Pedro Almodóvar. Curioso que coincidan no tempo dous cineastas que teñen moito en común en canto á representación dun persoal esperpento se refire. Os personaxes de Sono, imbuídos en ambientes marxinais, violentos e en situacións surrealistas, recordan moito ao universo almodovariano.

Thriller, e moi alemán, é tamén Hanna, de Joe Wright. Con Wenders e Fassbinder de paleta e como música de fondo, o director parece esquecerse dos motivos iniciais dunha nena asasina, para acabar contando unha poética historia de adolescente na procura da súa propia identidade, de descubrimento do corpo e do mundo.

E nas Antípodas deste cinema de autor, facendo da temática apocalíptica o seu punto de ancoraxe, atopamos Melancholia, de Lars von Trier; e 4:44 Last Day On Earth, de Abel Ferrara. A colisión dun astro coa Terra ou a desaparición da atmosfera son só escusas para desenvolver a concepción da humanidade dos seus autores.

Podendo interpretarse como a versión nihilista de The Tree of Life, Trier afunde discursivamente en Melancholia o agnosticismo, personificándoo nunha irmá débil e dubitativa, interpretada por Charlotte Gainsbourg; mentres que Kirsten Dunst, fiel seguidora do Nietzsche máis radical, mostra outra decisión e magnetismo. O que non funciona no filme é precisamente esa falta de equilibrio.

Pola súa parte, Ferrara, de volta de todo, arremete contra os falsos ídolos da sociedade moderna, nos que non atopa resposta, para se refuxiar nas imaxes da nosa civilización; o único legado para el, xunto coa arte, que deixará a humanidade cando desapareza.

'Bellflower' é unha sá terapia posmoderna contra o mal de amores.

Mesturar e axitar

Nos terreos subterráneos do xénero, quedan despois esas propostas máis próximas ao xogo posmoderno das referencias, pero cun pé na autoría. Este lugar intermedio ten o seu mellor exemplo este ano en Bellflower, de Evan Glodell. Proposta extrema dun debutante que haberá que seguir con atención, toma a buddy-movie e o cine máis trash dos 70, e crúzao coa comedia romántica indie e Vanishing Point. Engádaselle un pouco de American Psycho á cocteleira e listo para servir. En realidade, detrás deste popurrí, Bellflower non é máis cunha sá terapia contra o mal de amores. Quen non ten días nos que esperta coa idea de construír un lanzachamas para queimar a súa moza? En sentido figurado, claro, non me vaian deter por apoloxía da violencia de xénero por culpa deste artigo!

Comentábase moito na pasada edición de Sitges, onde se presentou este filme, que é unha película para homes menores de 35 anos. Será verdade, porque gañou o premio do Xurado Mozo, galardón que recaera o ano pasado en Rubber, de Quentin Dupieux, coa que comparte certas similitudes.

Entramos aquí xa no terreo do ensaio metafílmico en forma de ficción. Exercicio de estilo próximo a Duel (Steven Spielberg, 1971), Rubber proba que se pode manter a tensión durante 80 minutos con algo tan simple e ridículo coma un neumático que se dedicar a facer estoupar cabezas. A anécdota serve, ao cabo, para falar dun concepto do cinema. No filme, uns espectadores observan o espectáculo cuns prismáticos, mentres son envelenados polo rexedor deste macabro circo. Ataque á industria e reivindicación da esencia cinematográfica, nun exercicio paródico, divertidísimo e con moita clase.

Que o cinema negro non pasa de moda próbano catro filmes que pouco teñen que ver entre eles, salvo por facer unha análise deconstrutiva do xénero. The Invader, de Nicolas Provost, logra fundir con éxito o cinema social e o de mafiosos a través da historia dun inmigrante sen papeis, extorsionado pola organización que o trouxo ao país. Neste punto, poderiamos atopar un nexo con The Yellow Sea, de Na Hong-jin, aínda que este pertenza claramente á terceira vía antes comentada.

Pero volvendo a estas catro probas de bo cinema negro, a que xoga un papel máis importante a nivel metafílmico é Road to Nowhere, de Monte Hellman. Ficción dunha rodaxe sobre unha filmación, contada en flashback dende unha reportaxe; o filme acaba xogando con ata catro niveis de narración. O xogo do cinema dentro do cinema multiplícase de tal forma que o espectador acaba sendo incapaz de distinguir realidade de ficción con total seguridade. Que todo comece coa entrevista dunha xornalista e termine así, dá un pouco de medo.

A tailandesa P-047, de Kongdej Jaturanrasamee, funciona dun xeito similar, só que a través da historia duns peculiares ladróns de vivendas. Francis Ford Coppola fai algo semellante co cinema e a literatura fantásticas, concretamente de terror, en Twixt. O seu problema é que non logra quitar a tempo o pé do acelerador paródico, estampándose a alta velocidade contra o muro da ridiculez.

É o mesmo que lle ocorre a William Friedkin en Killer Joe, coa que xa non lle deben quedar roscas das que pasarse.

'X-Men: First Class' é unha peli de espías con moito ritmo, flema británica e dous actores protagonistas impagables.

Terceira vía comic-book

E, nun cinema que poderiamos inserir tanto nesa terceira vía como aquí, cobran unha relevante posición as adaptacións de bandas deseñadas. Marvel púxose por fin as pilas en 2011, e entregou dous filmes que van máis aló da corrección. X-Men: First Class, de Matthew Vaughn; e Captain America: The First Avenger, de Joe Johnston, son dúas gratas sorpresas.

A primeira é unha sorte de relectura dos primeiros filmes de James Bond, ademais dun ensaio a conciencia sobre as múltiples interpretacións sociolóxicas dos dous personaxes principais. Volvendo ás orixes, aos 60, en plena loita de clases e conquista dos dereitos civís; pódese ler en Magneto, o mutante vingador, e o Profesor X, cunha postura pacifista cara os homo sapiens; unha metáfora de Malcolm X e Martin Luther King.

Traer os soviéticos de volta é outro acerto, xa que permite facer unha lectura da política internacional actual, ao introducir a necesidade dun terceiro inimigo común nun novo contexto. Para Occidente, sempre haberá un Eixo do Mal. Fainos falta.

Independentemente destas lecturas, haberá quen goce do filme por tratarse dunha peli de espías con moito ritmo, flema británica e dous actores protagonistas impagables, James McAvoy e Michael Fassbender, que con Shame, A Dangerous Method, Haywire e Jane Eyre circulando por aí, é sen dúbida o actor do ano.

Ritmo trepidante ten tamén Captain America. No visual e no espírito, é unha reivindicación dos filmes de aventuras despreocupados do período de entre-guerras. Os efectos dixitais resultan unha oda pop á estética pin-up. Porén, trata o personaxe coa malicia suficiente como para non caer no maniqueísmo. Retratado sempre dende o estereotipo e cunha certa distancia, a mellor secuencia do filme consiste no Capitán intentando vender bonos do Estado a un grupo de soldados, subido a unha ridícula tarima, e cun traxe de goma-espuma bastante penoso. A propaganda pueril, para os idiotas e os menores de 7 anos; parece querer comunicar Johnston a un país que, noutros tempos, demostrou unha irracional fachenda imperialista.

Por último, en Scott Pilgrim vs. the World, de Edgar Wright, o meta chega a multireferencial, bebendo directamente da novela gráfica na que se basea, da música pop, dos videoxogos, do deseño gráfico, e da comedia romántica. Ordenada narrativamente por fases que o protagonista debe superar para chegar á súa amada, con enfrontamento contra xefe final incluído, é tamén, ao cabo, unha persoal terapia contra unha ruptura sentimental.

En definitiva, con tanto multi e meta, autor e xénero, un xa non sabe que cóctel elixir. Se cadra non é tan importante obsesionarse coas seccións da carta, como degustar o combinado. O que nos toque, que hainos ricos de todos os sabores.

Comments are closed.