BEFORE MIDNIGHT, de Richard Linklater
As regras mudaron. Julie Delpy, Ethan Hawke e Richard Linklater retoman unha vez máis os personaxes que levan xa un par de décadas desenvolvendo, mais desta volta o romanticismo das dúas primeiras entregas da saga deixa paso a un ton máis agre, onde xa non hai sedución senón discusión. Aos seus corenta anos, Jesse e Céline convertéronse definitivamente nunha parella estábel: na primeira escena do filme, un plano secuencia virtuoso revélanos que estes dous personaxes xa non son unha parella de amantes pasaxeiros, senón unha familia de cinco membros. Así, mentres que Before Sunrise (Richard Linklater, 1995) e Before Sunset (Richard Linklater, 2004) xiraban arredor da posibilidade de unilos, desta vez Before Mignight amosa as súas dificuldades para seguir unidos.
As idades da parella
Before Sunrise partía dunha situación moi atractiva que calquera podería desexar para si propio: coñecer a un estraño nun tren e pasar vinte e catro horas na súa compaña, falando e paseando por unha cidade estranxeira. Naquel primeiro encontro, Jesse e Céline eran dous post-adolescentes cunhas personalidades ben definidas que aínda non sabían o que facer coa súa vida: el era un romántico egocéntrico que, no fondo, o único que quería era botar un canivete (e Céline non se cortaba á hora de botarlle en cara a simplicidade da súa pantasía: “meet some French girl on a train, fuck her, and never see her again”), mentres que ela se caracterizaba por ser unha inconformista revirada aberta aos xogos de sedución. A estratexia de Linklater e da súa guionista Kim Krizan estaba baseada na identificación do público cos personaxes, mais logo de escoitalos durante noventa minutos falar do amor, da vida e da parella, máis dun debeu pensar que estes dous no fondo non son máis ca uns barallocas.
A intelixencia do dispositivo atópase na habilidade para acadar esa identificación polas boas ou polas malas: haberá quen vexa nestes personaxes á persoa que lles gustaría ser, outros recoñeceran neles á persoa que algunha vez foron, e seguro que hai tamén quen os emprega como exemplo da caste de persoas que nunca, baixo ningún concepto, querería ser. Dun xeito ou doutro, o espectador remata establecendo unha relación con eles que serve para experimentar o seu encontro dun xeito subxectivo, compartindo con eles esa noite e tódalas súas emocións.
Before Sunset era, aparentemente, máis do mesmo, mais a ambición de Linklater levouno a concibir este novo encontro en plano secuencia e en tempo real, en parte para enfatizar a sensación do espectador de acompañar aos personaxes, mais tamén para darlle ao relato un suspense que antes non tiña: Perderá Jesse o seu avión de volta a América? Canto tempo lle queda? Canto tempo poderá seguir falando con Céline? Vanse liar ou non? Neste filme, Jesse semellaba terse convertido nun home de proveito, casado, cun fillo, autor dunha novela de éxito… malia que en realidade seguise prendado daquela noite vienesa. No entanto, Céline semellaba estar máis segura de si mesma e máis de volta de todo, aínda que logo resultaba que era ela desta vez a que ía á procura de Jesse para seducilo e botar ese canivete.
A leria é que ámbolos dous seguían a ser igual de barallocas que nove anos antes, e malia levar unha vida supostamente glamourosa, as súas cuitas son tan ou máis mediocres que as de calquera: a secuencia na que compiten por contar a historia sentimental máis triste é tan patética que mesmo resulta entrañábel. Ao final resulta que Jesse e Céline teñen os mesmos problemas de merda que calquera, e iso serve para humanizalos, para darlles unha dimensión e unha profundidade que poucos seres ficcionais teñen, en parte porque case ningún pode seguir coa súa vida alén da obra na que aparece. Teríamos que retroceder até os filmes de Antoine Doinel (1) para atopar un caso semellante no que o personaxe medre en paralelo aos espectadores, ou senon, xa dentro do campo do documentário, aos títulos da Up Series (Michael Apted, 1964-2012) (2). En calquera caso, nos nove anos que separan a noite vienesa do serán parisino, Jesse e Céline fixéronse definitivamente adultos, cada un á súa maneira, incorporando algúns aspectos da vida real dos actores que os interpretan e sintetizando dese xeito algunhas das derivas vitais propias da chamada Xeración X.
Jesse e Céline, dezaoito anos despois
Logo doutra elipse de nove anos, Jesse e Céline deixaron de procurarse mutuamente para compartir a súa vida. Primeira sorpresa: os seus problemas como parella son en realidade os seus problemas como familia. Os dous post-adolescentes que en Before Sunrise representaban respectivamente a América e a Europa, e máis en concreto a Texas e Francia, medraron até converterse en pais de familia sen renunciar as trazas básicas da súa personalidade: Jesse segue a ser un pailán romántico egocéntrico, e Céline unha mixiricas ambiciosa, inconformista e revirada… é dicir, no fondo, dous barallocas, unha vez máis.
Before Midnight mantén daquela as constantes da saga, mais desta vez os seus protagonistas xa non teñen tanto tempo para falar e pasear coma antes, como lle ocorre á maioría de persoas de corenta anos. Malia que este último filme é o máis longo dos tres, nos seus 109 minutos só hai tempo para unha única secuencia na que Jesse e Céline volven ser felices falando e paseando mentres atravesan a vila grega de Kardamili. Ao longo desa secuencia, a única rodada ao xeito de Before Sunset, os personaxes fican temporalmente ceibes das súas preocupacións laborais e familiares para ser eles mesmos, sen as súas circunstancias, nunha breve tregua antes de que a bomba que Jesse acendeu tras despedir ao seu fillo no aeroporto estoupe en plena cita romántica.
E é que o trío formado por Delpy, Hawke e Linklater procede en Before Midnight a facer un axuste de contas en toda regra coa felicidade da que supostamente gozan os seus personaxes. Na primeira conversa entrambos os dous, cando volven en coche do aeroporto -rodada non casualmente ao xeito de Abbas Kiarostami en Copie conforme (Abbas Kiarostami, 2010)- o diálogo inclúe varios pistas sobre as materias pendentes da parella, camufladas tanto na fluidez das réplicas como nos gags envelenados que contén a escena. A seguir, por se o espectador tiña algunha dúbida sobre a caste de problemas que ameazan a Jesse e Céline, o debate sobre os roles masculinos e femininos que anima a cea cos seus anfitrións gregos -por desgraza, a peor escena do filme, por mor da súa solemnidade e pedantería- insiste na cuestión do equilibrio inestábel sobre o que se asentan tódalas relacións. O paseo por Kardamili servirá para atenuar as diferenzas entre os personaxes, antes de que protagonicen unha discusión salvaxe que nos seus mellores momentos rivaliza en intensidade coa liorta doméstica de Bless Their Little Hearts (Billy Woodberry, 1984).
Repetir, innovar, anovar
A moralexa do filme non conta nada que non estivese xa en Eyes Wide Shut (Stanley Kubrick, 1999), por moito que Before Midnight adopte unha estratexia oposta: naquela obra fría, analítica e incisiva, os personaxes interpretados por Tom Cruise e Nicole Kidman evitaban a discusión para logo resolver a súa crise dun xeito simple, directo, práctico e desapaixonado, mentres que Jesse e Céline, malia o desgaste da súa liorta, aínda gardan folgos para pór algo de vontade na súa reconciliación. Porén, á marxe destes matices, a sensación xeral é que, malia contar cun guión moi sólido, Delpy, Hawke e Linklater non teñen ren que engadir aos seus referentes, cousa que no fondo xa ocorría en Before Sunrise e en Before Sunset. E iso que a maioría das críticas de Before Midnight insisten en que este é o mellor filme da saga, se cadra porque é o que trata as cuestións máis complexas. Eu coido que se está a confundir a profundidade do tema coa profundidade do seu tratamento, porque nese sentido, Before Midnight está moi lonxe do nivel de Eyes Wide Shut, Copie conforme e mesmo da súa inmediata antecesora, Before Sunset, onde a aposta técnica para manter a equivalencia entre o tempo do relato e o tempo da narración convertía o visionado deste filme nunha experiencia moito máis satisfactoria.
A verdadeira trampa de toda a saga é que as súas partes se limitan a combinar con gran habilidade unha serie de lugares comúns sen que fique nunca claro até que punto Linklater plaxia ou enriquece a tradición na que se inspira. Por sorte, o cineasta texano é dabondo intelixente como para escudarse nas citas directas ás convencións da comedia romántica e aos títulos máis senlleiros sobre as relacións de parella, como ocorría en Before Sunrise con L’eclisse (Michelangelo Antonioni, 1962) e ocorre agora con Viaggio in Italia (Roberto Rossellini, 1952). Esta autoconsciencia ‘autoriza’ dalgún xeito a Linklater a repetir unha historia que xa foi contada centos de veces, e moitas delas mesmo mellor, aínda que non fose cunha parella transcontinental da Xeración X. Por iso, o máis sorprendente e agradecido desta saga é que Linklater, coa axuda de Delpy e Hawke, siga insistindo unha e outra vez en contar esta mesma historia incorporándolle novos matices, os matices do presente, que actualizan un argumento atemporal que todos vivimos no pasado e imos vivir no futuro, quer no cinema, ou quer nas nosas propias vidas. Neste caso, por estraño que pareza, a repetición non é un atranco, senón unha virtude. Que será daquela de Jesse e Céline dentro doutros nove anos? Saberémolo, probabelmente, en ‘Before Noon’.
(1) A saga de Antoine Doinel está formada polos seguintes títulos: Les quatre cents coups (François Truffaut, 1959), Antoine et Collette (François Truffaut, 1962), o episodio correspondente de L’amour à vingt ans (Shintarô Ishihara, Marcel Ophüls, Renzo Rossellini, François Truffaut, Andrzej Wajda, 1962), Baisers volés (François Truffaut, 1968), Domicile conjugal (François Truffaut, 1970) e L’amour en fuite (François Truffaut, 1979).
(2) Até agora, a Up Series leva oito entregas, nas que o cineasta británico Michael Apted segue a evolución de até catorce persoas diferentes dende os 7 até os 56 anos de idade. Velaquí a súa listaxe completa de títulos: Seven Up! (Paul Almond, 1964), 7 Plus Seven (Michael Apted, 1970), 21 Up (Michael Apted, 1977), 28 Up (Michael Apted, 1984), 35 Up (Michael Apted, 1991), 42 Up (Michael Apted, 1998), 49 Up (Michael Apted, 2005) e 56 Up (Michael Apted, 2012).