BELOFF: PANTASMAS FOTOGRÁFICAS DA PSIQUE
Se entendemos a arte como medio para comprender mellor o mundo e a nós mesmos, a neoiorquina Zoe Beloff ocuparía nesa concepción un espazo entre o etéreo e o físico, o espírito e a carne, o universo coñecido e o máis aló. Non debera interpretarse a súa afirmación de que é unha médium, “unha interface entre a vida e a morte, entre o real e o imaxinario”, en clave simplemente esotérica, senón nunha liña poética e mesmo conceptual. Non temos todos algo de tolos? É evidente que o mundo dos soños resulta dificilmente interpretable, e que deixa imaxes ficticias que se filtran nas nosas vidas como reais. É a irrupción do fantástico no cotián, un espazo intermedio do que Beloff se apropia cun marcado lirismo. A artista desenvolve o tema en lenzos, libros, instalacións, performances e filmes, atopando na emulsión fotográfica un xeito de resucitar o pasado e representar as imaxes da psique.
Lévao facendo dende finais dos oitenta, cando se lanzara ao mundo do cinema con Nightmare Angel e Wonderland USA, dúas pezas influenciadas pola literatura de J.G. Ballard e Lewis Carroll. Pero se ben partiu de Alicia, Freud acabará sendo o máis fiel compañeiro de viaxe de Beloff. Interesada especialmente na representación dos soños e no contacto co máis aló, todas as súas obras dende Lost (1995) parecen centrarse neste tema, tratado habitualmente en película de 16 mm., con estética de cinema silente, e, nalgúns casos, en tres dimensións. É esta vertente da artista, acentuada nos últimos anos, a que será seguramente máis coñecida en España, grazas ao ciclo programado por La Casa Encendida e o (S8) Mostra de Cinema Periférico. Este inclúe a serie The Coney Island Amateur Psychoanalitic Society. Dream Films 1926-1972, as mediometraxes Charming Augustine e a estereoscópica Shadow Land or Light From the Other Side, así como a performance Claire and Don in Slumberland, tamén en 3D.
A serie pode que sexa o exercicio máis interesante, en parte pola incapacidade do espectador para distinguir se os documentos que Beloff presenta son reais ou fabricados por ela mesma. Cunha longa traxectoria no uso de metraxe atopada, a artista leva anos colectando películas caseiras por interese persoal. Gravacións nos parques de entretemento de Coney Island parecen ser o material de partida dun conxunto de nove curtas, presuntamente rescatadas dunha sociedade sicoanalítica, dirixida por un tal Albert Glass entre 1926 e 1972, e influenciada por unha visita de Freud á illa, da que ninguén escoitara falar antes.
O traballo encádrase dentro dunha exposición presentada en Nova York no 2009, que incluía fotografías, debuxos e pinturas. Beloff chegou mesmo a escribir un libro sobre o tema, cunha extensa documentación, e a publicar outro cunha sorte de banda deseñada, de carácter moi onírico, estilo Little Nemo, teoricamente debuxada polo propio Glass. A artista americana chega a describir a sociedade cun certo secretismo, propio dunha secta, e outórgalle o apelativo de “mítica”. Con toda esta ambientación esotérica, un non pode evitar pensar que se trata dunha broma, dunha vertente máis do personaxe que Beloff creou para ela mesma, pois, como recordaba Godard, esa aparencia externa define a aureola dun autor tanto como as súas películas.
Certo ou non, a verdade é que os programadores do (S8) fixeron ben en incluír estas pezas, por unha simple cuestión de coherencia. O seu espírito non está moi lonxe desas outras, precarias, si, pero tamén imaxinativas, de Iván Zulueta e os seus contemporáneos, que presentaran na pasada edición. O formato é 16mm., si, pero é un celuloide amateur, no que Beloff atopa unha poética especial.
Como fai en Charming Augustine, parece que tirou fragmentos de rexistros de soños por parte de pacientes sometidos a terapias freudianas, para construír a súa propia visión da sicoanálise en capítulos. A tolemia que presentan os personaxes das curtas resúltalle ben coñecida. Está tamén na citada mediometraxe, na que a idea de Freud de que os soños son a realización disfrazada dun desexo reprimido ten un peso indiscutible.
Crónica dos días dunha paciente de nome Augustine no manicomio da Salpêtrière de París a partires de fotografías reais e textos médicos, a película representa a historia orixinal no corpo dunha actriz, emulando o cinema de inicios de século. A narración preséntase fragmentada e caótica, combínase con fragmentos máis poéticos e abstractos, e as interpretacións dos actores son esaxeradas nos xestos, propias do cinema silente. Pero máis aló desa emulación estilizada, executada cunha ollada propia de quen se marabilla cun xoguete vello e fráxil, o máis interesante de Charming Augustine é a liberación da propia protagonista cando a someten a hipnose. Se na serie de Coney Island, os soños eran interpretados, desta volta, o tránsito cara o onírico pon ao descuberto as pulsións do personaxe, atormentado por unha temperá violación e marcado por ese estigma sexual de por vida.
Máis arrebatada é a irregular Shadow Land or Light From the Other Side, unha escusa para probar trucaxes e indagar nas obsesións que caracterizan a obra de Beloff. Que engada o 3D na narración súmalle un punto de paranoia ao asunto, e provoca que as figuras fantasmais que conxura, o teatro de sombras que proxecta, semelle máis palpable. Nada que obxectar neste terreo, máis cando a historia é a dunha nena médium que pode materializar criaturas do máis aló no noso mundo. Tecnicamente impecable, e esteticamente interesante, a película adoece dunha tediosa voz en off, cun estridente timbre que perfora os oídos. Iso logra expulsar o espectador dun filme que, de non ser por esa molesta distracción, tería logrado esa fusión entre o real e o onírico que a artista sempre procura.
Pecha o ciclo a performance Claire and Don in Slumberland, unha esperpéntica fábula da América dos 50 a partires de sons tirados de dous filmes científicos de sicoloxía de 1949 e de imaxes estereoscópicas creadas pola propia Beloff.