BERLINALE (1/2): COMUNIDADE E RESISTENCIA

the-other-side-of-hope-03

Ao longo de dúas crónicas, daremos conta dalgunhas das liñas advertidas nesta Berlinale 2017. A nosa visita de apenas cinco días non nos permitiu acceder a moitas películas que nos tería gustado ver, mais si identificamos na nosa breve estancia unha clara coherencia temática e de estilo no festival, alén da calidade das cintas. É ademais o certame da capital alemá un que pode presumir de ser democrático. Olas de profesionais de todo o mundo e público local por igual poboan as salas distribuídas por toda a cidade, saíndo do centro e achegándose aos barrios con diversos pases de cada proxección.

Sen dúbida, esta idea de comunidade cinéfila está no ADN dun evento de grandes dimensións, mais próximo ao espectador. Quizais por iso a xoia da coroa da sección oficial fose esta edición – co permiso de Hong Sang-soo – o último traballo de Aki Kaurismäki, Toivon tuolla puollen (The Other Side of Hope, 2017). O finés volve a ambientes e temáticas coñecidas, como a posta en marcha dun negocio aparentemente ruinoso – central en Kauas pilvet karkaavat (Nubes pasajeras, 1996) – ou a acollida de refuxiados xa apuntada en Le Havre (2011), para abordalos dende novas perspectivas. Khaled é un rapaz sirio que chega a Helsinki fuxindo da guerra en Alepo, de polisón nun barco. Tras serlle denegado o asilo, decide fuxir para non ser deportado, e acaba traballando no bar recentemente aberto de Wikström, personaxe kaurismakiano onde os haxa, un tipo enorme de cara triste, cun punto de resistente resignación, moito humor negro, e aínda maior corazón.

Volven con Kaurismäki algúns dos seus actores fetiche, como Sakari Kuosmanen ou Kati Outinen, e importantes membros do equipo técnico como Timo Salminen na fotografía. Non hai moito novo que dicir sobre The Other Side of Hope con respecto ás obras previas do cineasta. Seguindo os preceptos claros do cinema de autor, este xenio é quen de impor o seu universo a calquera temática sen que nada pareza impostado. Sorprende como o cineasta logra inscribir un tema tan urxente e relevante coma o dos refuxiados sirios nunha das súas habituais historias de perdedores underground. Kaurismäki é sempre moi local, e ao tempo universal, de aí un dos puntos que explica a grandeza do seu cinema. Case a totalidade da súa obra non pode entenderse sen Helsinki, cidade que non representa, senón que recrea segundo os seus gustos estéticos para falar do carácter finés tal como el o entende, á hora de enfrontarse aos problemas da vida. Nesta visita pola cidade, non pode faltar a música de cantautores da rúa, que é diexética e fundamental en moitas escenas transitorias – o propio Sherwan Haji, actor de Khaled, ofrece unha interpretación nunha especie de sitar nunha secuencia – ou o recurso á bebida como refuxio das atormentadas almas dos protagonistas. Non por casualidade, na súa breve intervención, o personaxe de Outinen dille ao de Kuosmanen que abrir un bar é unha boa idea, pois “a xente bebe cando as cousas van mal, e aínda máis cando van ben”.

O mirar cara outro lado ante a inxustiza, buscando non meterse en problemas, é unha característica innata ao ser humano e aplicable a calquera europeo ante o drama citado. Coa súa actitude de acoller a Khaled, os pobres desgraciados que xestionan ese bar – eles, tamén, deixados de lado pola sociedade en menor grao – están levando a cabo un importante acto de resistencia contra o sistema. Se este envileceuse, son os cidadáns os que teñen que dar unha solución á barbarie; parece ser a mensaxe dun Kaurismäki, como de costume, furioso, mais cunha actitude vitalista. Con punzante dor e humor de chorar de rir a partes iguais, o finés realiza un retrato para o recordo desta nosa Europa cativa do medo e o egoísmo, onde vellos fantasmas parecen emerxer ante o desafío da acollida.

el mar la mar

O protagonismo do Sensory Ethnography Lab

As correntes migratorias recentes pareceron marcar a axenda política da Berlinale, onde tamén se presentou El mar la mar (Joshua Bonetta, J.P. Sniadecki, 2017), sobre o paso de migrantes mexicanos a Estados Unidos polo deserto de Sonora. Foi esta unha das dúas obras do prestixioso Sensory Ethnography Lab, escorado cada vez máis cara o abstracto, presentadas na sección Forum. A segunda foi Somniloquies (Verena Paravel, Lucien Castaing-Taylor, 2017), un exercicio de galería que podería funcionar como instalación a varias pantallas, e que como película se volve repetitivo e inane. A potente idea de partida foi tomar as gravacións do músico Dion McGregor, celebre somnílocuo (persoa que fala en soños), e evocar estas historias, rexistradas durante anos polo seu compañeiro de piso nos sesenta, a través da gravación de corpos desenfocados mentres soñan. Quen estea pensando no Sleep (1964) de Andy Warhol, que o esqueza. Somniloquies é unha colección de filmacións improvisadas de amigos famosos espidos cos ollos pechados – un exemplo de modelo é Jean-Michel Frodon, antigo director de Cahiers du Cinéma – e fragmentos das gravacións de McGregor escollidos de forma azarosa e sen reflexión algunha, coma os autores recoñeceron no debate posterior á proxección.

Bastante máis interesante resultou o outro traballo a competición do colectivo. Á habitual querenza do grupo polo formato de 16mm, engádese no caso de El mar la mar (Joshua Bonetta, J.P. Sniadecki, 2017) a fusión co cinema dixital. J.P. Sniadecki xa xogara a romper a textura que ofrece o código binario en traballos como Yumen (Xian Huang, J.P. Sniadecki, 2013). Se ben nesta a exploración do grao dixital e as reverberacións da imaxe se encaraban dende unha concepción ao Wang Bing de extrema austeridade, El mar la mar resulta revolucionaria xusto polo contrario. Rodada en 16mm, pasouse despois a 5K na posprodución para conseguir unha textura única, que atrapa ao espectador coa súa espectacular captación do deserto de Sonora.

Situado na fronteira con México e os estados de California e Arizona, é unha das rutas de moitos migrantes latinos en busca do soño americano. Aquí non existe o muro de Donald Trump, a natureza xa se encargou de matar só o pasado ano a 1.200 mexicanos segundo os últimos datos de informes recollidos recentemente por The Guardian. Estas persoas ven as súas esperanzas frustradas ante a dificultade de cruzar un deserto que non concede tregua. Os directores de El mar la mar deciden contar a historia destas persoas recollendo o testemuño dalgúns deles, mais tamén dos norteamericanos que viven na zona e foron testemuño deste duro éxodo. Partindo desta tese, onde quizais a película se mostre máis fráxil é precisamente na súa estrutura e en certas decisións de representación. Se ben os realizadores deciden non facer entrevistas en cámara e gardar só os audios destes relatos, combinándoos cunha percepción mítica e aterradora da natureza e os seus depredadores (animais e humanos); por algunha razón os corpos desas voces acaban sendo representados no último terzo do filme, sen ningunha razón aparente para facelo de súpeto.

Un poema de Primero sueño de Sor Juana Inés de la Cruz pechando a película pode apuntarnos na dirección correcta. A cinta é claramente un poema, non é narrativa. Esta obra da relixiosa iníciase co anoitecer do ser humano e o soño da natureza e o home. Tras fracasar a alma e o corpo nas súas intencións universais, o método dedutivo (isto é, o coñecemento) é o que salva a humanidade, co trunfo do Día sobre a Noite. Algúns fragmentos de El mar la mar conteñen unha forte carga relixiosa. Hai moita fe na cinta, respecto por unha natureza inquietante e mítica, mais tamén unha procura do coñecemento, un estudo científico dende a etnografía da paisaxe e as súas xentes. Quizais por iso o poema de Sor Juana sexa clave para darlle sentido á película en conxunto. En todo caso, parece unha ancoraxe fráxil e pouco clara.

Iso, xunto a reiteracións que alongan a metraxe en exceso, lastra un pouco a experiencia dunha cinta que conta con secuencias impresionantes, de grandísima beleza plástica, e cun deseño de son audaz, que axuda moito a introducirse na proposta. De marcado carácter lírico, tan libre como pouco estruturado, El mar la mar é un dos documentais máis sorprendentes e ruturistas como experiencia sensorial dos últimos anos. Tamén é un alegado poético contra as políticas migratorias do novo presidente dos Estados Unidos.

el_mar_nos_mira-1024x540

Os últimos de Cuba

O cinema español tamén deixou o seu relato de comunidade resistente. El mar nos mira de lejos (Manuel Muñoz Rivas, 2017), cunha suntuosa fotografía de Mauro Herce, responsable deste departamento en títulos como Arraianos (Eloy Enciso, 2012), Dead Slow Ahead (Mauro Herce, 2015) ou Mimosas (Oliver Laxe, 2016), podería case enmarcarse no grupo do Sensory Ethnography Lab por estilo. De feito, o traballo de Muñoz como montador noutras películas como as propias de Mauro Herce ou José Alayón, que aquí figura na produción, poden levarnos a asegurar que en verdade este grupo de cineastas traballa moi a miúdo en comunidade, e con películas similares como resultado. Quizais conviríalles crear un nome comercial para venderse, visto o resultado que lles dá a outros. Eu propoño os últimos de Cuba, ou algo así, por iso de que todos se coñeceron e saíron da escola de San Antonio de los Baños.

El mar nos mira de lejos lévanos a unha praia en pleno parque de Doñana. A xeografía non se especifica nunca no filme, aínda que se sitúa con certa facilidade se un está atento polos letreiros dos buses turísticos e as evocacións do enclave da antiga cidade perdida de Tartessos, que un arqueólogo alemán aficionado foi alí buscar, con sede de aventura, a inicios do século XX. A película parte de aquí e ten tamén algo de arqueolóxico. É unha cinta de pegadas, por momentos de forma explícita – hai moitos planos destas – que son cubertas pola arena e reconstituídas en novas formas, ocultas baixo a superficie cambiante do deserto. Os vestixios das cabanas abandonadas apuntan o paso de vellos poboadores e, entre estes, xorde un grupo de velliños resistentes que se nega a marchar do lugar onde sempre viviron. O goberno español quere que se vaian, para non amolar a vista dos turistas que van á reserva natural, mais déixaos estar alí coa condición de non construír máis do que xa teñen, nin deixar en herdanza esas cabanas. Cando ese feixe de anciáns morra, xa non quedará ninguén nesa praia.

A película navega entre o rexistro case mítico dunha paisaxe pola que claramente Muñoz e Herce se senten epatados, e a captación desta forma de vida dos poboadores das cabanas, cun interese etnográfico indubidable, pois seguramente nunca ninguén máis volverá fotografalos antes da súa desaparición. O resultado séntese un pouco inconexo, cun problema xeral de unidade narrativa, como lle acontece a El mar la mar, común neste tipo de propostas non guionizadas, que teñen que atopar unha aproximación lírica na montaxe, non sempre fácil de abordar. A pesar da súa irregularidade, pode dicirse ao seu favor que conta con algunhas secuencias das areas movéndose, da particular luz dos atardeceres na zona, de rexistros con detalles moi belos dos oficios ou a fauna e a flora, que levan á éxtase estética. Conta ademais con algún momento de verdadeiro cinema nas secuencias máis preparadas con estes poboadores, nas que logra privilexiarse da frescura e espontaneidade destas persoas, sempre fotografadas con agarimo. El mar nos mira de lejos parte dun desexo xenuíno por observar con mirada curiosa unha vida que desaparece, e unha paisaxe impoñente e eterna. Aí, consegue o que busca, e xa só por iso merece a atención de calquera cinéfilo.

T2-soundtrack

Elixe a vida, agora no teu iPhone

Outro dos pratos fortes desta Berlinale foi a preestrea europeo de T2 Trainspotting (Danny Boyle, 2017) fóra de competición. Todo o que se dixo dela sobre que é un exercicio de pura nostalxia, edulcorado e hortera, é certo. Algúns – só uns poucos, semella – quereriamos puntualizar que iso non é necesariamente malo. Simplemente, Boyle elixiu para a súa película o único camiño que lle era posible, no contexto que agora lles acompaña a el e Ewan McGregor, verdadeiras almas do proxecto, sen os que non tería sido posible esta secuela. A orixinal era fresca e sucia, moi underground; certo. Esta síntese copia, moi planificada e cun exceso de tics kitsch aínda máis fortes que na primeira parte; verdade. Mais convén recordar algunhas cousas. Primeiro, Boyle e McGregor estiveron enfadados e sen falarse durante anos cando o primeiro non lle incluíu no reparto de The Beach (La playa, 2000) logo de terse constituído nas súas primeiras cintas en Reino Unido como parella artística. Non hai moito que volveron amigarse, e só isto permitiu a existencia de T2, uns 15 anos despois de que se publicara a novela de Irvin Welsh que volvía aos personaxes de Trainspotting, Porno. Os actores están mucho máis vellos que na súa vertente literaria e, onde Porno era unha fuxida cara adiante, T2 convértese para eles nunha cárcere da que nunca poderán saír.

O filme equipara a nostalxia á adicción á heroína. Como lle explica Renton a Spud, el logrou deixar a droga atrás, só tivo que substituíla por outra adicción. O celebre monólogo de “Choose life” (elixe a vida) da primeira película xa apuntaba nesa dirección. Somos adictos á sociedade de consumo, é a nosa droga, e sentímonos felices de deglutila. No novo rap de Renton, entran as redes sociais e o consumo de series onde antes xa se atopaban a comida rápida e o televisor, mais en esencia trátase de produtos que logran o mesmo que la heroína: abstraernos dunha realidade fodida. Volver aos bos tempos da mocidade, cando todo era máis sinxelo e se ría cos colegas, aínda con agullas de por medio, supón para os personaxes de T2 unha liberación e, ao tempo, o seu cárcere. Con distancia crítica, o filme autoparódiase nos seus excesos kitsch e referencias continuas á súa predecesora, nunha era na que o remake está á orde do día, nun mundo no que fixeron falta millóns de libras para traer de novo á vida os personaxes de Trainspotting, co evidente décalage cronolóxico por non tela feito a tempo. T2 pode ser un roubo, mais é un furto coherente e consentido, moi lóxico no Hollywood da reciclaxe.

Porén, as virtudes da película non rematan aí. Como na primeira, segue respectándose o acento e a xerga da rúa en Escocia, engadindo autenticidade á obra. Pero ademais, T2 toma prestado do seu referente literario un recurso desaproveitado na peza de culto dos noventa. A novela está contada por diversos narradores, cando en Trainspotting só había un punto de vista, o de Renton. Aquí Spud escribe as experiencias dos seus compañeiros tal como as sente, cun estilo moi directo e verbal. Nos momentos nos que o seu manuscrito se usa como off, isto achega á película unha montaxe áxil que nos leva a revisitar escenas da primeira parte, mais tamén a encher ocos da historia antes non contados. Vendo as dúas películas como unha unidade, poderíase crer que é en realidade Spud quen conta a historia de Renton na primeira película, pois é el o único aliado na traizón aos seus compañeiros e testemuño da fuxida.

No seu último acto, T2 alcanza unha especie de narración circular que conecta as dúas cintas na súa cronoloxía e que reconfigura o punto de vista do relato. As secuencias, que comenzan filmadas pola claridade e nitidez puritana da alta resolución, van gañando en colorido, ensúcianse e vólvense cada vez máis expresionistas, ata terminar na explosión estética e emocional do desenlace. Renton pasou da vida arranxada que en principio levaba, mais que no fondo non lle facía feliz, a caer nas garras da nostalxia, da que seguramente xa nunca sairá. Ademais, este desenlace xunta todos os membros da banda orixinal nun antigo pub, símbolo do carácter británico por excelencia, só en medio de ruínas, nun barrio en proceso de xentrificación e lavado de cara. O feo e desagradable, estes tipos que se pinchan, resístese a desaparecer, nun momento no que a estandarización reina por todas partes. Os personaxes de T2 son os votantes do Brexit porque, como di nun momento Simon, a clase política esqueceuse deles e parece abocalos a non existir. Porén, están moi vivos e dan a guerra.

T2 é, con diferencia e a pesar do que se diga, a película máis pertinente, coherente e excitante do seu autor en anos. Realmente Boyle logra actualizarse e ser contemporáneo na súa aparente pátina de copia. Xunto coa primeira parte, colócase no máis alto do podio do seu cinema, un que durante anos parecía simplemente hortera e irrelevante. Quizás debera volver á súa terra para contar algo significativo. Elixe Hollywood, elixe a vida.

Comments are closed.