CANNES 2018 EP. 4: O PEOR JIA ZHANG-KE

IMG_1366

Chegou outro dos nomes grandes da sección oficial. Non podemos máis que considerar Ash Is Purest White (Jia Zhang-Ke, 2018) como unha tremenda decepción. O chinés volve poñer a Tao Zhao como muller protagonista con carácter, nun papel que recorda ao de Un toque de violencia (2013). A súa parella na pantalla é Fan Liao, versado no cinema de xénero, con Black Coal, Thin Ice (Yinan Diao, 2014) coma o primeiro filme que vén á mente. Dado que a historia comeza co asasinato do xefe do clan ao que pertecen e a súa caída por disturbios públicos polos que van ao cárcere, podería un crer que se atopa ante unha áspera película de mafiosos, que recorda aos títulos da iakuza filmados por Takeshi Kitano e Kinji Fukasaku. Mais cando a muller sae do cárcere na procura do amado, a fita tórnase nunha river-movie polas Tres Gargantas, lugar ao que o seu realizador ten dedicado varios filmes. A confrontación da parella rota torna en filme intimista ao Secretos de un matrimonio (Scener ur ett äktenskap, Ingmar Bergman, 1974) e finalmente aparece a ciencia-ficción, con OVNIs incluídos.

Polo medio, hai moitos lugares xa transitados na filmografía de Jia. Está a corrupción do seu sistema político, a desindustrialización do carbón, o contraste entre a vida rural e na cidade, a desaforada urbanización masiva, a transformación da paisaxe… O que non acabamos de comprender é a onde pretende ir con toda esta mestura de xéneros e temas. Ash Is Purest White non é un filme, é coma un conxunto de fitas cos mesmos protagonistas, mais sen ningún centro, nada ao que agarrarse para armar un discurso. Un ten a sensación de que lle están a gastar unha broma, e a seguridade de que se atopa ante a peor película de toda a longa carreira dun destacado realizador ao que admira.

IMG_1369
Kapuściński traizoado

Cústame tamén conter o enfado ante unha película que non é simplemente mediocre, resúltame insultante. Fóra de competición presentouse Un día más con vida (Raúl de la Fuente, Damian Nenow, 2018), presunta adaptación do libro de Ryszard Kapuściński no que conta a guerra civil de Angola cando os portugueses deciden abandonar o país en 1975. Imos deixar a un lado a cuestión dos idiomas, entendendo que é unha coprodución hispano-polonesa con vocación internacional, así que se supón que aquí todos deben falar inglés con acento. Kapuściński sempre escribiu na súa lingua propia, e dado que hai unha produtora polonesa detrás, non lles custaba nada buscar un actor de aló para o off, pero deixémolo. É un tema co que son excesivamente inflexible, que non adoita ser comprendido por moita xente, e que me posiciona de forma moi negativa dende o inicio deste visionado.

O segundo prexuízo que teño que combater é o do documental de cabezas parlantes. Kapuściński ía onde estaba a noticia, non cubría roldas de prensa. Os directores aquí parecen estar máis interesados nos sound bites da reportaxe televisiva antes que en buscar, a través do cinema, a verdade que o polonés procuraba a través da súa literatura. Un día más con vida non é finalmente unha adaptación do libro, senón unha sorte de making of espectacular sobre como se escribiu. Así, os investigadores do guión dan co paradoiro dos compañeiros xornalistas que traballaron con Kapuściński nese conflito, tamén con algúns dos guerrilleiros que coñeceu, e deciden entrevistalos para esta película que mestura animación con imaxe real. Esta última é a investigación sobre como se escribiu o libro, a animación é a adaptación.

E esta adaptación non é un Vals con Bashir (Ari Folman, 2008), parece máis ben seguir a senda de videoxogos como XIII ou Max Payne. Ao igual que as imaxes que capturan na Angola actual son folclóricas e eurocentristas, a animación que deseñan é un desfile de soños que ten Kapuściński e escenas de acción que en absoluto transmiten o que foi o conflito nin o que é a novela. O filme é efectismo puro, unha sorte de haxiografía que pretende converter en icona pop ao escritor sen profundidade algunha e que, ao optar por un estilo que está nas Antípodas do seu legado, o que fai é ensucialo. Hai un momento da película no que un estudante en Varsovia lle pregunta a Kapuściński se, ao participar da cobertura da noticia, non está a alterar a noticia mesma que se quere contar. O experimentado xornalista non sabe que responderlle, pois ese é o peso co que deben cargar os que informan de verdade, como atopar o equilibrio entre a intervención e a transmisión con honestidade, pois a información nunca pode ser obxectiva. Coma os angolanos ante o seu conflito, Kapuściński dubida. Por iso era tan bo, porque abrazaba con intelixencia e respecto pola profesión esa “confusão”. Os guionistas inclúeno no filme, pero vese que a mensaxe non a pillaron.

IMG_1368
Pitorreándose de Cristiano Ronaldo

Afortunadamente, sempre nos quedará a Semana da Crítica para compensar o descalabro que, Jean-Luc Godard e Pawel Pawlikowski a un lado, está a ser a sección oficial. Diamantino (Gabriel Abrantes & Daniel Schmidt, 2018) dá exactamente o que prometía e supera con creces a proba da ópera prima dun dúo que xa nos dera grandes curtametraxes. Este filme dará que falar en Portugal. Parodia descarada de Cristiano Ronaldo, o xogador de fútbol Diamantino Matamouros ao que se refire o título sofre unha crise cando debe marcar o penalti que lle dará a copa do mundo a Portugal. O filme comeza co anterior partido, no que marca dous espectaculares goles, con el en voz en off contando a súa historia. Explica como se concentra ante o gol, baleirando a cabeza de todo pensamento e en comuñón cuns canciños xigantes que o acompañan na súa imaxinación, que xorden dunha néboa rosa que aparece no campo. Coma no anime en Oliver y Benji (1983), este trasunto de CR invoca as súas criaturas para marcar o gol.

Este vai ser o ton de toda a película, na que hai cirurxías de cambio de sexo, conspiracións de partidos fascistas, dúas irmás malvadas que parecen saídas de Cincenta e unha base secreta propia das películas máis tolas de James Bond. Movémonos no mundo do conto grotesco, cun Diamantino que ten, di unha científica que o analiza, un 10% da capacidade cognitiva normal. A dun cativode parvulario. Diamantino é idiota, mais non é culpable das contas offshore das irmás, que nin sabe o que son, e intenta dar sentido á súa vida querendo adoptar un “fuxiado” cando aparece unha balsa con eles ante o seu iate e se decata do que son: “non era unha persoa moi informada, non sabía nada fóra do fútbol”, mais esas persoas estaban sen “agua para beber” (e si, dio coa entonación da famosa canción de bossa nova de Vinicius de Moraes e António Carlos Jobim).

Comezámonos rindo de Diamantino e acabamos por amalo. É un parvo, mais é boa xente. A súa razón para xogar ao fútbol, por infantil que poda soar e aínda que teña a cabeza dun rapaz, non é outra que facer o que lle gusta e sabe facer ben para sentirse ben consigo mesmo e “dar fe ás persoas”, como lle dicía o pai, pois os estadios son as novas catedrais do noso mundo. É aí onde Abrantes e Schmidt poñen o dedo. Diamantino é unha crítica ao fútbol como máquina desapiadada de facer cartos e como ferramenta política por parte de todo goberno para manter contentas ás masas. Un réxime do que Diamantino, criatura inmaculada e inocente, participa sen decatarse, porque o pobre non dá máis. Magnífica interpretación de Carloto Cotta, que xa nos demostrara o que vale en Tabú (Miguel Gomes, 2012) e que aquí clava os xestos de Ronaldo. Pero ao rato xa nos esquecemos desa base real e acompañamos a un personaxe tan parvo coma entrañable na súa aventura persoal por deixar atrás o síndrome de Peter Pan. Non o esquezamos, estanos nun conto. Ou é unha distopía?

Comments are closed.