CEBE E A CONSTRUCCIÓN DA IDENTIDADE ‘DO IT YOURSELF’ EN ‘OUT OF THE BLUE’
Esta peza foi elaborada durante o obradoiro do Seminario de Crítica Feminista que organizamos en Play-Doc, Festival Internacional de Documentais de Tui 2018
(Le o texto na súa versión orixinal en inglés aquí)
1. Cebe e o punk D.I.Y.
Antes de ser unha especie de subxénero de tutoriais de internet, o concepto de D.I.Y. (acrónimo de “Do It Yourself”: faino ti mesmo) foi un compoñente clave da subcultura punk. O primeiro que me chamou a atención en Out of the Blue (Dennis Hopper, 1980) é a forza coa que Cebe (interpretada por Linda Manz) aproveita o concepto de DIY para as súas aspiracións punk. Ademais da cazadora caseira de Elvis e as súas tatuaxes feitas a man, Hopper amosa a súa loita para construírse toda unha personalidade co que ten a man en casa. Todas as ilustracións dos seus proxectos DIY fan que a súa historia sexa á vez conmovedora, hilarante e esnaquizadora. A través da perspectiva dunha moza de 16 anos, o director mostra o seu caótico camiño cara á autoconstrución nun mundo adulto onde a inocencia está morta e non hai modelos de conduta en quen confiar, femininos ou masculinos. Cebe queda soa cos seus cigarros, un tambor, un oso de peluche e un par de discos de Elvis Presley.
Efectivamente, o corazón e os oídos de Cebe pertencen a Elvis Presley, a quen estraña e admira tanto como as iconas punk Sid Vicious e Johnny Rotten. Esta dobre paixón contraditoria polo vello rockabilly e polo punk rock tradúcese na súa dobre personalidade. Por unha banda, a súa obsesión polas cancións tristes de Elvis representa a profunda vulnerabilidade interna de Cebe: baixo a súa fachada dura de moza punk, segue a ser unha nena que loita cos traumas do accidente automobilístico e o abuso sexual do seu pai. Doutra banda, para sobrevivir, Cebe adopta unha identidade punk como unha forma de “subverter a normalidade” (o lema que repite ao longo do filme). Nese sentido, a película é unha perfecta ilustración precursora do discurso de Virginie Despentes sobre a subcultura punk en King Kong Theory (2006). Do mesmo xeito que a obra semiautobiográfica de Despentes, Out of the Blue amosa o espírito punk como unha forma de saír dos códigos obrigatorios da feminidade. Citando a Despentes, “o punk rock é un exercicio de romper coas normas establecidas, especialmente as relativas aos xéneros. Polo menos porque se afasta dos estándares de beleza física. […] Ser unha moza punk implica necesariamente reinventar a feminidade”. (1) Para a escritora francesa, a súa inmersión no mundo punk na súa adolescencia permitiulle crecer fóra da “zona feminina” e escapar dos códigos de feminidade que ela rexeitaba.
Cebe encarna a rebelión punk contra a feminidade convencional. As escenas rodadas en Vancouver nas que fai autostop sen medo ilustran a esencia subversiva da cultura punk. Así, a sala de concertos improvisada convértese nun lugar onde a xente rompe moitas barreiras: entre concertos e festas, entre artistas e público, e, finalmente, entre o masculino e o feminino. Como resultado, a escena que mostra a Cebe inmersa nesta contorna emancipatoria é unha das únicas representacións de auténtico entusiasmo e liberdade de expresión desta moza.
2. Cebe como suxeito axente: explorando a audiencia rebelde
Cebe é tamén a representación perfecta do que chamo un espectador rebelde: en troques de só ver as actuacións, convértese nunha personaxe activa asistindo e participando directamente en varias accións artísticas. Mentres que nos numerosos círculos sociais polos que se move se sente permanentemente infantilizada ou acosada, consegue a súa axencia ao converterse nunha espectadora rebelde. En dúas escenas en particular, Cebe é unha espectadora rebelde porque cruza a liña entre audiencia e intérpretes:
1/ Durante o devandito concerto punk, ela aproveita a débil barreira entre os músicos e o público para seguir ao batería do grupo ao backstage. O músico finalmente déixaa saltar ao escenario e tocar o final do seu riff. Esta escena claramente subverte o estereotipo da fan adolescente, xa que Cebe asume o reto de demostrar as súas habilidades musicais DIY.
2/ A outra escena de espectadora rebelde é unha das miñas favoritas, e ten lugar nun cinema. Constitúe unha especie de mise en abîme, xa que vemos a Cebe e as súas dúas amigas indo ver un filme romántico clásico de Hollywood. No canto de mirar pasivamente a película, as tres mozas búrlanse das sensibleiras escenas de amor mentres xogan cos flocos de millo e fuman dentro da sala. Este comportamento irrespectuoso no cinema representa unha tendencia máis ampla das mozas (particularmente Cebe) a rexeitar as normas heteronormativas que se mostran nos produtos culturais convencionais.
3. Cebe é o Rei, ou masculinidade DIY
O último aspecto crucial que cómpre mencionar na construción da identidade DIY de Cebe é a súa relación co travestismo e os disfraces de xénero. Na película, a vestimenta e os disfraces desempeñan un papel crave na complexa construción da identidade de xénero de Cebe. Por tanto, a cuestión do travestismo masculino e feminino é fundamental no tratamento das construcións sociais das identidades de xénero por parte do filme. De feito, a película comeza e remata con Cebe disfrazada doutra persoa; ela vístese cunha serie de disfraces entre os que se inclúen o de pallaso, o de nena lolitesca e o de Elvis Presley.
Na escena de apertura, vemos a Cebe e o seu pai Don no asento dianteiro da camioneta antes do accidente. Nese momento, Cebe está vestida coma un pallaso burlesco (o guión non di por que), ocultando os seus trazos faciais ata o punto en que semella non ter xénero. Interpretei este primeiro disfrace de xénero como a indeterminación de xénero da infancia, cando un non (sempre) sente conscientemente a presión social dos estereotipos de xénero.
Cebe ponse o seu segundo disfrace de xénero as dúas veces que se reencontra co seu pai (na sala de visitas da prisión e na súa festa de benvida). Estas dúas escenas son as únicas nas que ela vai vestida convencionalmente como unha nena. Con motivo destes dous encontros, a nai de Cebe “vístea” literalmente como unha nena, con todo a imaxinaría feminina de encaixes e lazos. Tal mascarada de nena ten sentido ao final do filme, ao descubrir o desexo incestuoso de Don pola súa filla. Polo tanto, Kathy, a nai, apoia o réxime patriarcal da familia ao vestir á súa filla como unha Lolita para satisfacer a fantasía sexual do pai.
Neste contexto, Cebe, como se podía esperar, mostra unha actitude de marimacho, e finalmente se traviste como tal polo menos por dúas razóns. En primeiro lugar, o vestiario de marimacho de Cebe significa a ausencia latente do pai, o que lle permite non ser unha (a súa) nena. A adopción de trazos convencionalmente identificados como masculinos é a súa forma de escapar da imaxinaría feminina imposta pola nai, e en realidade o que suxire é a súa aceptación, ou polo menos a súa negación, dos desexos inaceptables do pai. Noutras palabras, a interpretación masculina de Cebe é unha maneira de esquecer que ela era a fantasía do seu pai.
A segunda razón precisa unha análise máis detallada das dúas últimas escenas familiares, que mostran a Cebe pechada na súa habitación mentres os seus pais discuten abaixo con vehemencia. Na primeira, pon un camisón branco e pinta os beizos de vermello, como se finalmente tratase de facer fronte á “demanda de feminidade” da súa familia e a sociedade. A noite seguinte, cando adiviña a intención do seu pai de “ofrecerlle” ao seu compañeiro de trasnadas Charlie, escolle o disfrace oposto. A película ilustra cunha precisión desarmante o intento da nena de facerse un drag king DIY. Cando Don e o seu colega Charlie irrompen no seu cuarto e píllana mentres se traviste, este último exclama: “É unha lesbiana!”, trazando unha conexión entre a súa aparencia e a súa suposta homosexualidade, da cal, lembremos, apenas se sabe nada na película. A observación de Charlie imita os prexuízos da sociedade heteronormativa, asociando automaticamente a práctica de travestirse coa súa orientación sexual. Con todo, o último travestismo de Cebe vai moito máis aló: é consecuencia da súa angustia e o conflito que sofre no seu proceso de autoconstrución. Como o seu pai, a principal figura masculina na súa vida, é en realidade unha fonte de trauma, non ten máis opción que reapropiarse desta daniña fonte de masculinidade. Como era de esperar, ela escolle converterse no Rei, a encarnación da masculinidade perfecta e inalcanzable. Nun nivel simbólico, como a estrela de rock está morta, o travestismo presaxia o destino fatal que Cebe escolle ao final da fita.
As escenas finais son manifestamente desconcertantes e desoladoras, porque recompilan representacións de incesto, abuso sexual, parricidio e finalmente suicidio. Aínda así, gustaríame terminar o artigo resaltando a axencia de Cebe. Ata o final, a película descríbea como un suxeito realmente axente da súa propia existencia. En troques de como un fracaso, gustaríame interpretar a súa escolla da morte como a proba culminante e flagrante de que Cebe non pode crecer “facéndoo ela mesma”. A construción da identidade DIY chega ao seu límite cando nos decatamos desde a súa perspectiva de que o mundo no que crece mata calquera forma de inocencia. As escenas finais da película realizan unha inversión do mito edípico, no que Cebe-Rei tamén se viste implicitamente coma Edipo Rei, listo para matar a figura patriarcal. O seu penúltimo disfrace tamén me lembra a Carapuchiña Vermella. O plano amósaa sentada na súa cama cun prístino vestido branco, mirando o seu pai coas pernas separadas. Mentres el tenta por última vez abusar dela, ela obrígao a ver e cheirar a parte máis íntima do seu corpo, o que lembra ao lobo vestido da avoa do conto cando lle pide á nena que se achegue para vela mellor. Esta vez, Cebe é tanto a vítima coma o lobo, coa fonte do mal axeonllada xunto á súa cama, bébedo de máis para escapar da súa vinganza. A reescritura simbólica acada o seu clímax cando as sabas tornan vermellas do sangue do pai morto, simbolizando tanto o paso da nenez á adolescencia (coa regra) como o da adolescencia á madurez (coa ruptura da membrana virxinal). A revelación final indica que o horrible comportamento de Don rouboulle á súa filla estas dúas etapas vitais.
Saltando dentro da camioneta estropeada coa súa nai para facela estoupar, Cebe segue a ser unha punk, imitando perfectamente a emblemática canción de Neil Young da banda sonora “It is better to burn out than it is to rust” (é mellor arder que oxidarse).
(1) Esta é a versión orixinal da cita en francés: “Le punk-rock est un exercice d’éclatement des codes établis, notamment concernant les genres. Ne serait-ce que parce qu’on s’éloigne, physiquement, des critères de beauté classique. […] Être keupone, c’est forcément réinventer la féminité”. Despentes, Virginie. 2006. King Kong théorie. Paris: Grasset: Emplacements du Kindle 1062-1063.