CINEMA E EDUCACIÓN EN FRANCIA

Le aquí o texto na súa versión orixinal francesa

Francia é aínda hoxe, indiscutiblemente e a pesar dunha recente regresión, o país onde existe a tradición máis antiga e a máis desenvolvida entre o cinema e o sistema educativo. As razóns son evidentemente históricas e políticas.

É unha longa historia que se orixina na Segunda Guerra Mundial, onde os comunistas e os católicos combateron xuntos na Resistencia. Ao saír da guerra, pensaron que unha educación popular na escola, pero tamén nos barrios e nas fábricas, era a mellor arma para que os horrores que acababan de cometerse non tivesen xamais de novo lugar. Estes poderosos movementos de masas, coma Peuple et Culture (Pobo e Cultura) ou Travail et Culture (Traballo e Cultura), pensaron de súpeto que o cinema, que tocaba todas as categorías e estratos da poboación, era un vector ideal para unha educación popular. Os fillos de obreiros que accedían á escola e á universidade na Francia desa época eran ultra-minoritarios. Entre os infatigables militantes desta educación no (e polo) cinema, atopamos na primeira fila a André Bazin, futuro fundador do pensamento de Cahiers du cinéma (Cadernos de cinema) e da Nouvelle Vague (Nova Onda francesa), que percorría Francia en todas as direccións para promover prácticas, sesións de cine-clubs, formacións en cinema.

Seguindo estes movementos, nacen as grandes federacións de cine-clubs que irrigaron durante tres décadas todo o territorio francés de películas e de práctica da reflexión e debate sobre o cinema. Estas federacións posuían cinematecas moi ricas con filmes en 16 mm e en 35 mm e organizaban cursos formativos a través de cine-clubs. A poderosa Ligue de l’enseignement (Liga do ensino) -nada en 1866!-, gran movemento peri-escolar laico recoñecido e financiado en parte pola Educación Nacional, puxo en circulación milleiros de copias en 16 mm en instalacións escolares, relativamente numerosas, equipadas cun proxector de 16 mm.

Estes cine-clubs formaron “sobre a marcha”, nunha época na que o cinema non se ensinaba na universidade, á primeira xeración de docentes que ían introducir de forma “salvaxe” o cinema nas súas clases. A morte do cine-clubs foi rápida nos anos 70 e 80, co aumento de poder da televisión, que propuña moitos filmes e os seus propios programas de cine-clubs. As cintas VHS acabaron de pór data de caducidade ás copias en 16 mm nas instalacións escolares.

Ao longo dos mesmos anos 70, seguindo a sacudida de maio do 68, o cinema fai rapidamente a súa entrada na universidade, onde se abren en varias grandes cidades de Francia departamentos de cinema. Os primeiros estudantes formados en cinema nas universidades van constituír nos anos 80 e 90 unha nova xeración de docentes, con saber máis universitario que os pioneiros das xeracións precedentes auto-formadas nos cine-clubs. En 1983, nacen as primeiras optativas de cinema, que van dar nacemento en 1989 a un Bacharelato de cinema, dispoñible en certos institutos.

Nesta mesma bisagra dos anos 80 e 90, nacen en Francia dispositivos que instituíron relacións duradeiras e regulares entre as institucións escolares e as salas de cinema: Collège au cinéma (O colexio no cinema) en 1989, e Lycéens au cinéma (Escolares no cinema) e École et cinéma (Escola e cinema) en 1993-1994. O principio destes dispositivos é simple: as clases que participan neles van varias veces ao ano a unha sala de cinema veciña para ver películas en pantalla grande, que traballan despois en clase cos seus profesores. Estas proxeccións teñen lugar durante o horario lectivo. École et cinéma, que concirne ás clases de escolas de primaria, está activa hoxe en 8.000 escolas, 1.000 salas de cinema e 650.000 alumnos benefícianse diso; isto é, o 12% dos escolares franceses.

A sorte de Francia, en materia de educación e cinema no ámbito escolar, foi a permanencia dos seus ambientes peri-escolares, onde os nenos, os mozos e os docentes puideron ser postos en contacto coas películas. A escola francesa estivo desde a Segunda Guerra Mundial rodeada de dispositivos que, con toda certeza, prepararon e acompañaron a posibilidade dunha entrada do cinema nas clases.

As dúas fastas décadas de 1980 e 1990 para a entrada do cinema no sistema escolar corresponden a unha política cultural decidida e voluntariosa, conducida por un ministro cun rol na materia que foi decisivo e histórico. Este ministro socialista, Jack Lang, foi durante máis de dez anos, de 1981 a 1993, ministro de Cultura; e o seu interese permanente polo cinema salvou ao cinema francés da catástrofe que afectou aos outros cinemas nacionais en Europa, no momento da apertura salvaxe de numerosas canles de televisión á difusión de películas en moi grandes cantidades. Medidas proteccionistas e axudas á creación cinematográfica mantiveron a Francia no seu nivel anterior en materia de produción de filmes e o seu parque de salas de cinema. Jack Lang contribuíu activamente durante esta década decisiva a facer entrar o cinema nas aulas por todos os medios á súa disposición desde o ministerio de Cultura.

Jack Lang, coma ministro de Cultura e despois de Educación, desenvolveu relevantes programas específicos de educación en cinema nas aulas. (FOTO: Looking4Poetry)

En 2000, nomeado ministro de Educación, pón en marcha a política de Les arts à l’école (As artes na escola), coa que inventa unha nova forma de introducir as artes no sistema escolar, xa non baixo a forma dun ensino disciplinar, senón baixo a forma dunha pedagoxía da experiencia do encontro coas obras de arte e os seus creadores. O cinema (dominio artístico do que eu son conselleiro no seo do programa Les arts à l’école) ocupa un lugar de calidade nesta política. Agora mesmo estase producindo unha pequena revolución respecto da aproximación do cinema ao sistema escolar: o cinema, desde hai tempo considerado antes de nada como unha linguaxe na tradición pedagóxica francesa, é por fin considerado antes de nada coma unha arte, coas consecuencias considerables que iso vai implicar na concepción mesma do lugar do cinema na escola.

En 1995 nace, con ocasión do centenario do cinema, un dispositivo de vangarda pedagóxica, Le cinéma cent ans de jeunesse (O cinema cen anos de mocidade), guiado polo departamento pedagóxico da Cinemateca Francesa. O obxectivo deste dispositivo é experimentar unha pedagoxía exemplar do cinema cun modelo que, revisado cada ano desde fai quince, voe cara países que se abren a experiencias do cinema no contexto escolar: Cataluña, Portugal, Brasil, etc. Este dispositivo puxo a punto protocolos de traballo precisos e rigorosos e funciona como grupo de auto-formación e de intercambios entre os profesionais (docentes e profesionais do cinema). Trátase sen ningunha dúbida do dispositivo francés máis esixente e estruturado en materia de pedagoxía do cinema no ámbito escolar.

Este rápido percorrido da historia da introdución do cinema no sistema escolar francés permite diferenciar tres fases que fixeron posible o seu desenvolvemento único no mundo.

Fase 1: Algúns docentes namorados do cinema introduciron por paixón o cinema na súa clase, pero a súa práctica era individual e non sempre apoiada pola institución escolar, aínda que fose tolerada. É a fase dos “pioneiros”, normalmente profesores cinéfilos e militantes do cinema.

Fase 2: A base dos pioneiros ensanchouse e os respectivos ensinos militantes empezaron a organizarse en redes onde circulaban informacións, intercambios de experiencias, encontros de auto-formación. Este bosquexo de organización permite en ocasións empezar a obter recoñecemento para a institución escolar e certos medios específicos. Ao longo desta fase, un pensamento pedagóxico empeza a elaborarse e a intercambiarse, rompendo a soidade (e as sempre posibles desmotivacións) das experiencias individuais.

Fase 3: A institución educativa central (o ministerio) decide desenvolver unha política nacional de educación do cinema na escola. É a sorte que coñeceu Francia, que segue sendo por desgraza o único país até agora en coñecer tal mutación. O simple feito que un ministro de Educación nacional afirme alto e forte a súa convicción no terreo dá unha lexitimidade inmediata aos docentes interesados e certos problemas (de acondicionamento dos horarios, de saídas fóra das instalacións escolares, de consideración destes docentes por parte dos seus colegas e directores de centro, etc.) resólvense rapidamente por si sós. Esta política, por ser eficaz, non debe quedar como unha declaración de principios, senón ofrecer algúns medios organizativos e materiais para a posta en práctica desta nova pedagoxía.

Cústame imaxinar que tal política poida nacer ex nihilo nun país que non coñecese con anterioridade as dúas primeiras fases. Sen a existencia dunha base de docentes cunha experiencia persoal na materia, co desexo e a convicción de emprender o voo; esta oportunidade, esta política decididamente no seu cumio, arriscaríase fortemente a afundirse nunha obrigación máis para os respectivos docentes e nun ensino puramente disciplinar. O cinema como arte teríao perdido aquí todo.

Esta terceira fase, a da institucionalización do cinema no sistema escolar, está sempre ameazada polo déficit de enerxía e de desexo por parte dos profesores. Outra ameaza permanente dunha pedagoxía instituída é a da dogmatización baixo a forma de programas e consignas pedagóxicas ríxidas.

Francia beneficiouse precisamente dun grande número de felices circunstancias históricas e políticas, desde a guerra aos anos 2000, que fixeron do país o máis desenvolvido en educación do cinema no sistema escolar. É unha proba máis de que o que ocorre na escola nunca está desconectado do que pasa fóra dela en termos históricos e políticos. Non existe pedagoxía pura que puidese desenvolverse nun vaso pechado, nunha escola considerada coma un espazo in vitro. Sen necesidade nin desexo reais por parte dos docentes e sen vontade política, ningunha pedagoxía sabería desenvolverse de forma viva, inventiva e transformadora da propia institución escolar.

Alain Bergala (13 de decembro de 2011)

Le aquí o texto na súa versión orixinal francesa

Comments are closed.